Amosando publicacións coa etiqueta PDI Mergúllate!. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta PDI Mergúllate!. Amosar todas as publicacións

domingo, 20 de novembro de 2022

Premio para Mergúllate!

Esta semana saiu a resolución do VIII Concurso de Traballo por Proxectos coordinados ou co apoio da biblioteca escolar e recibimos con moito agrado que o Proxecto Documental Integrado "Mergúllate!" foi uns dos vinte traballos premiados nesta edición. No pasado curso aprendimos e investigamos sobre os mares e océanos, ao igual que neste curso estamos a facer co patrimonio material e inmaterial de Galicia.

mércores, 22 de xuño de 2022

Episodio 3 de Onda Ti

Publicamos o último episodio da terceira tempora do programa Onda Ti, no que recollemos as gravacións dos nenos/as das diferentes etapas e cursos do CEIP Emilia Pardo Bazán. Este programa, que comezou no confinamento e que xa vai pola terceira temporada e 17 episodio publicados, quere ser unha recompilación do traballo que desenvolve o alumnado no estudio de Emilia na Onda. Como en anteriores ocasións a próxima semana cada sección estará publicada no respectivo programa da canle en Ivoox.

luns, 20 de xuño de 2022

Leva un libro contigo!

Rematamos o curso compartindo a guía de lectura de verán, na que propoñemos libros para todos os niveis de lectura, de ficción e de non ficción. Lembrade que están clasificados igual que na biblioteca, os de fondo azul son para prelectores, vermello para primeiros lectores, verde para lectores autónomos e amarelo para lectores expertos. Incluímos tamén algunha recomendación para os adultos da familia.

mércores, 8 de xuño de 2022

Documental "O noso oceanográfico"

Hoxe é o Día Mundial dos océanos, xornada na que finalizamos o Proxecto Documental Integrado Mérgullate! No mes de outubro comezamos o traballo de investigación que desenvolveu todo o centro ata este mes de xuño. Aprendemos sobre fauna e flora mariña, a influencia dos mares e océanos na arte, que deportes se poden practicar neles, eventos na historia e algúns descubrimentos, a tecnoloxía que está a ser utilizada, seres mitolóxicos, entre outros moitos aspectos, como poderedes comprobar a continuación. Os ODS foron tamén un punto importante durante o curso e queremos ser partícipes da Axenda 2030.

Gustarianos presentarvos todo o que aprendemos de xeito presencial, compartindo unha xornada con toda a comunidade educativa, pero xa sabedes que as restricións de mesturar grupos e a cantidade de persoas que podían acceder ao centro, que se establecían no protocolo sanitario, levantáronse hai poucas semanas, e planificar un evento destas características precisaba dun período de tempo maior, polo que, como tiñamos previsto, presentámosvos o Documental "O noso oceanográfico", no que o alumnado explica parte do traballo e aprendizaxes que realizaron durante o curso, porque uns dos aspectos máis importantes deste tipo de proxectos é compartir coñecemento, aprendizaxe entre iguais e que todos os nenos/as saiban e coñezan sobre o que investigaron os demais, facer partícipes a toda a comunidade educativa do esforzo e tratamento da información que se fixo.

xoves, 26 de maio de 2022

Actividades polo Día do Libro

Actividade en 6ºEI
Actividade en 6ºEI
Publicamos o resultado das diversas accións que desenvolvemos con motivo do Día do Libro 2022. Comezamos o día 29 de abril realizando no recreo un programa de radio que emitimos pola megafonía do centro e na que alumnas voluntarias de biblioteca foron dando paso ás recomendacións de libros e lectura de parágrafos destes que fomos gravando durante a semana. Todas as accións sonoras pola celebración do Día do Libro 22 están recollidas na canle de Emilia na Onda.

mércores, 18 de maio de 2022

Mollados coa información!

O concurso chegou ao final, pero aínda quedan por solucionar as últimas preguntas da semana pasada. Agardamos que vos servise para coñecer diversos aspectos relacionados cos mares e océanos e que gozásedes cos recursos da biblioLab que tivestes na vosa clase durante estas semanas e que tamén vos axudaron a aprender sobre programación, xogar en equipo, desenvolver a vosa creatividade e tamén pasar o tempo de lecer.

xoves, 12 de maio de 2022

Navegando pola Historia

Presentamos a liña de tempo que elaborou o alumnado de 2º de EP, aproveitando as preguntas presentadas no concurso "Mergúllate na información", sobre diversos acontecementos históricos relacionados co mar e os océanos. Esta liña actualizarase con achegas doutros cursos sobre fitos que consideraron de interese. Ademais incluiremos na liña do corredor de entrada ligazóns a esta información.

mércores, 11 de maio de 2022

Batería salgada

Neste mes rematamos os VenreXperimentos deste curso no que nos centramos en experiencias que estiveran relacionadas co mar, así que este último non podería ser unha excepción. Utilizaremos auga salgada (do mar ou misturando auga da billa con sal), xunto con outros materiais, para producir enerxía igual que o fan as baterías que podedes comprar en calquera tenda. Na infografía que acompaña esta entrada tedes todos os materiais necesarios e os pasos a seguir para acadar acender un led.

luns, 9 de maio de 2022

As respostas están no mar

Esta é a 15ª semana de concurso, coa que rematamos esta actividade durante o curso. Nela centrarémonos nos avances tecnolóxicos, no aproveitamento do mar para mellorar a saúde das persoas e tamén a importancia que tén o mar na gastronomía, aspectos que contribúen a tentar acadar os ODS, cos que comezabamos na primeira semana de concurso no mes de xaneiro. Agardamos que vos servise para aprender e guiarvos na investigación que realizamos durante este curso sobre o mar.

luns, 2 de maio de 2022

Traballar no mar

Onte, 1 de maio, foi o día Internacional dos Traballadores, no que se celebra e recoñece o labor de todas as traballadoras. Aproveitando esta conmmeoración queremos que descubrades e recoñezades algunhas das profesións relacionadas co mar.

Como sempre hai unha pregunta na que teredes que presentarnos algún destes traballos que se realizan no medio ou na contorna mariña, aproveitade para investigar e descubrir algunha diferente ás máis coñecidas.

mércores, 27 de abril de 2022

Radio na Biblio

Durante o pasado trimestre o equipo de Laboratorio de radio estivo a traballar co alumnado e profesorado dos cursos de 5º e 6º de Educación Primaria na elaboración de cadanseu programa de radio, grazas tamén á colaboración de Axuda en Acción. Atoparedes teatro, relatos, entrevistas, monográficos, ata concursos nestas pezas que xa están dispoñibles na canle de Emilia na Onda, nas que trataron de achegar aspectos relacionados co mar, o medio ambiente e a ecoloxía aos oíntes da nosa radio, pero que tamén lles serviu para traballar en equipo, desenvolver contidos do currículo das diversas área, procurar información, analizala, transmitila, pero sobre todo para gozar facendo radio desde o colexio. Grazas a todas as persoas convidadas que colaboraron no desenvolvemento destas pezas e parabéns para o alumnado, profesorado e equipo de Laboratorio de radio.

luns, 25 de abril de 2022

O mar e a literatura

Seguindo coas actividades de celebración do día do libro queremos adicar as preguntas do concurso á relación existente entre a literatura e o mar, como fonte de inspiración para diversos autores da literatura infantil e xuvenil, pero tamén da de adultos.

Unha boa oportunidade para coñecelos, se aínda non o fixestes.

xoves, 21 de abril de 2022

Festexamos o libro!

Comezamos a celebrar o Día do Libro (sábado 23 de abril), xa que desde o equipo de biblioteca consideramos que é un día especial e no que pretendemos resaltar a importancia que teñen nas nosas vidas os libros, desde que nos iniciamos como lectores ata que somos uns lectores xa experimentados. Festexamos con estas propostas, abertas a toda a comunidade educativa do centro, o Día do Libro, convidámosvos a participar!

martes, 19 de abril de 2022

O mar e a arte

O mar foi fonte de inspiración para diversos artistas ao longo da historia. Pintores, escultores, músicos, escritores... utilizaron os mares e océanos para dar a súa interpretación e visión persoal a algo tan presente nas nosas vidas. Esta semana serán pintoras e escultoras as que centren as preguntas, podedes utilizar os recursos do corredor de entrada ou as páxinas webdo repositorio do proxecto, acudindo á sección de "Arte".

luns, 4 de abril de 2022

Mar e deporte

O mar é escenario de moitos deportes, algúns deles olímpicos. Nas súas augas desenvólvense competicións de diveras modalidades deportivas, nesta semana teredes que investigar sobre estes deportes e tratar de responder ás preguntas que se fan. Podedes utilizar os libros que tedes na exposición do corredor de entrada ou ben consultar os recursos da sección "Deporte".

luns, 28 de marzo de 2022

Mares e océanos

Como xa sabedes, na Terra a maior parte da súa superficie está ocupada por auga, esta organízase, entre outras, en mares e océanos. Esta semana deberedes procurar nos recursos dixitais sobre "xeografía" que tedes no repositorio e tamén nos libros que tedes na exposición para poder responder ás preguntas que se propoñen.

mércores, 23 de marzo de 2022

Episodio 2 de Onda Ti

Publicamos o segundo episodio da terceira tempora do programa Onda Ti, no que recollemos as gravacións dos nenos/as das diferentes etapas e cursos do CEIP Emilia Pardo Bazán. Este programa, que comezou no confinamento, quere ser unha recompilación do traballo que desenvolve o alumnado no estudio de Emilia na Onda. Como en anteriores ocasións a próxima semana cada sección estará publicada no respectivo programa da canle en Ivoox.

martes, 22 de marzo de 2022

Volcán submariño

Mañá comezan os VenreXperimentos de marzo, neste mes irá á biblioLab o alumnado dos grupos de 4º de Educación Primaria. Nesta ocasión veremos como inflúe a temperatura da auga na súa densidade, para comprobalo realizaremos un experimento no que reproduciremos un volcán submariño.

luns, 21 de marzo de 2022

O mar e a mitoloxía

En todas as culturas xurdiron ao redor do mar lendas e seres mitolóxicos que xustificaban naufraxios, raptos ou outro tipo de acontecementos. Esta semana teredes que procurar información sobre seres mitolóxicos relacionados co mar.

luns, 14 de marzo de 2022

O mar e a tecnoloxía

Os faros foron unha solución, que aparece hai moitos anos, para tratar de aumentar a seguridade no mar, para comunicarse a grandes distancias, controlar o paso dos barcos nalgúns lugares, como torres de viaxiancia... aínda que tamén é certo que nalgunha ocasión foron usados como estratexias para facer naufragar barcos. Ao longo do mundo hai diversos tipos de faros que foron evolucionando tanto na ubicación, na tecnoloxía usada, como no tipo de construción. Esta semana vois animamos a que aprendades máis sobre os faros procurando a información necesaria para respomder ás preguntas do concurso.