mércores, 23 de marzo de 2022

Episodio 2 de Onda Ti

Publicamos o segundo episodio da terceira tempora do programa Onda Ti, no que recollemos as gravacións dos nenos/as das diferentes etapas e cursos do CEIP Emilia Pardo Bazán. Este programa, que comezou no confinamento, quere ser unha recompilación do traballo que desenvolve o alumnado no estudio de Emilia na Onda. Como en anteriores ocasións a próxima semana cada sección estará publicada no respectivo programa da canle en Ivoox.

A modo de sumario presentamos o contido deste episodio de Onda Ti: comezará coa entrevista en inglés  a unha nai do centro que naceu en Australia, na sección de "The book nook", a continuación o último episodio de Pandemias da historia adicado á COVID-19, seguirá unha nova sección do alumnado de 2ºA que nos achegará á mitoloxía da man dos "Isinautas", pasaremos ao espazo verde co "Jardín de Juanita", realizado polo alumnado de 6ºB de EI e a súa mestra Mar, esta vez cunha convidada que falará desde Mallorca, trátase de Maite Sbert. Continuaremos co "Conto que vai e vén", como seguirá a historia iniciada no anterior programa?

O pasado mes acudiu ao centro Rogelio Santos Queiruga e as nenas/os de 5º de Educación Primaria entrevistárono, escoitade porque é moi interesante! De seguido o alumnado de 4º de EP lenos un conto que crearon na clase, titúlase "A mensaxe da serea". Encarando o final do programa chega o momento das recomendacións, primeiro "Na onda dos libros", na que as bibliotecarias da BM de Los Rosales, Lilí e Ana, propóñennos lecturas para nenos/as e adultos entre as novidades que lles foron chegando, a continuación Emma e Simón, alumnos de 4º de EP, aconséllannos tres libros para que vos acheguedes á lectura.

Estade atentas/os, porque entre as diversas seccións os nenos/as de 2ºA de EP daranvos información sobre algúns animais mariños que investigaron nos obradoiros de Legocéano.

Remataremos con "Temos unha mensaxe de...", na que nenos/as de 3º de EP faranvos pensar e gozar coa súa creatividade.

Agardamos que gostedes do programa!


Ningún comentario:

Publicar un comentario