Presentamos a guía de lectura de verán, na que propoñemos libros que consideramos interesantes e pensamos que vos servirán para divertirvos e aprender durante o verán. Atoparedes obras para todos os niveis de lectura. Están clasificados igual que na biblioteca, os de fondo azul son para prelectores, vermello para primeiros lectores, verde para lectores autónomos e amarelo para lectores expertos. Tamén incluímos as recomendacións dos xogos dos que desfrutamos no club de lectura de ficción dixital ENRE2 EPB.
venres, 20 de xuño de 2025
En verán libros e cine
Episodio 3 de Onda Ti
Remata a 6ª temporada de Onda Ti gravada integramente no novo estudio. Neste último programa do curso poderedes escoitar en primicia os audios das diversas seccións do programa e, ademais, a música do Coro das emocións. Preparados para desfrutar de case 90' de radio?
luns, 26 de maio de 2025
Obradoiro de caracterización no cinema
Hoxe tivemos con nós a Erea Pérez que nos mergullou no que pasa antes de que as cámaras comecen a gravar e o labor das persoas caracterizadoras de actrices e actores para desenvolver os seus papeis. Erea realizou un obradoiro co alumnado no que elaboraron unha queimadura, cun aspecto moi real, utilizando diversos materiais, ademais combinou co seu labor no mundo do cinema. Posteriormente o alumnado de 4ºB realizoulle unha entrevista no estudio de Emilia na Onda.
xoves, 15 de maio de 2025
Cine en familia
O alumnado de 3ºEP desfrutou dunha xornada co pai dunha alumna destes grupos que compartiu con nós a Liña de tempo do cine, de elaboración propia, e que quiso ensinar ao resto de compañeiros/as.
Fomos percorrendo a historia do cine, desde os seus inicios ata a actualidade, coñecemos aos precursores, personaxes, actores/actrices...
luns, 12 de maio de 2025
Luces, cámara...pregunta!
Iniciamos a última fase do concurso no que estamos a investigar e aprender sobre o mundo cine a través deste concurso "Luces, cámara...pregunta!", dentro do Proxecto Documental Integrado "Un cole de cine". Neste mes de maio adicado ás Letras Galegas achegarémonos a autores/as homenaxeados/as e a súa relación co cinema. Estades preparadas/os!
xoves, 8 de maio de 2025
Obradoiro coa imprenta
O alumnado de 2ºEP gozou dunha experiencia de creación de carteis cunha imprenta con Aloutte Machine, ademais de aprender como funcionaba esta puideron desenvolver a súa creatividade para o deseño dos cartaces. Ao longo da mañá foron tomando forma as súas obras que quedarán expostas na biblioLab.
Estes foron algúns dos momentos das sesións...
mércores, 7 de maio de 2025
Obradoiro de Stopmotion
martes, 22 de abril de 2025
Luces, cámara... pregunta!
No mes de marzo coñecemos a mulleres que están relacionadas co cinema, resaltando o papel da muller no seu desenvolvemento. Deste xeito, despois de observar as imaxes e as pistas que se deixaron no corredor de entrada, tivestes que descubrir o nome e apelido das mulleres presentadas, as profesións e lugar de nacemento de cada unha das mulleres e algunha das películas nas que participou cada unha das mulleres.

venres, 11 de abril de 2025
Episodio 2 de Onda Ti
Chega de novo Onda Ti, achegamos un programa cargadiño de contidos primaverais, todos moi fresquiños. O estudio de Emilia na Onda estivo a pleno rendimento durante todo o trimestre, no programa que presentamos tedes as seccións tradicionais e outras puntuais que cremos que serán do voso gusto. Queremos agradecer ao alumnado e profesorado implicado neste proxecto, así como todas as persoas que pasaron polo estudio para compartir con nós as súas experiencias.
xoves, 3 de abril de 2025
Entrevistas dun Cole de cine
Durante este trimestre recibimos a varias persoas relacionadas co mundo do cinema no Estudio de Emilia na Onda. Nestas actividades de radio pretendemos que haxa un traballo previo de preparación da información e de que preguntas lles podemos realizar as diferentes persoas que acuden ao noso centro, ademais de achegarnos á visión adulta das diferentes profesións do cine que foron pasando polo estudio e a relación entre entrevistado/a e entrevistadores/as.
luns, 24 de marzo de 2025
Deseño 3D e cine
Comezaron os obradoiros que se desenvolverán a partires de agora e ata final de curso no que se relacionará o deseño 3D con diferentes aspectos do cinema. Ao longo deste tempo utilizaránse diferentes aplicacións para os deseños do alumnado, adaptando a metodoloxía á idade dos nenos/as, así cos cursos de 1º a 4º de EP utilizamos a app Doodle3D Transform, en 5º e 6º de EP utilizarase Tinkercad no proceso de deseño. Complementarase o obradoiro coa participación nun Kahoot de xeito colectivo.
martes, 11 de marzo de 2025
Luces, cámara... pregunta!
No mes de marzo seguimos investigando e aprendendo sobre o mundo cine a través do concurso "Luces, cámara...pregunta!", dentro do Proxecto Documental Integrado "Un cole de cine". Neste mes coñeceremos a mulleres que están relacionadas co cinema, resaltando o papel da muller no seu desenvolvemento.
venres, 21 de febreiro de 2025
Entrevista a Isabel Rega e Ledicia Bellón
O pasado mes de xaneiro inauguramos o noso paseo da fama coa visita ao centro de Isabel Rega e Ledicia Bellón, que compartiron con nós unha charla co alumnado de 4º de Educación Primaria sobre o seu labor no mundo do cinema e tamén nos oncederon unha entrevista no estudio de Emilia na Onda que realizaron Ainara e Anxo, alumnos de 4º de Educación Primaria.
Escornabot e cine
Os obradoiros de biblioteca durante este trimestre exploran e aprenden cos escornabot para achegarnos a diferentes aspectos sobre o cinema. A través dos taboleiros realizados polo equipo de biblioteca o alumnado percorre xunto co escornabot películas, personaxes, xéneros, entre outros aspectos. O alumnado, ademais das aprendizaxes adquiridas, levou un agasallo realizado coa impresora 3D.
luns, 10 de febreiro de 2025
Luces, cámara...pregunta!
luns, 13 de xaneiro de 2025
Luces, cámara...pregunta!
Neste ano continuamos co concurso "Luces, cámara...pregunta!" no que, dentro do Proxecto Documental Integrado "Un cole de cine", estamos a aprender sobre diferentes cuestións sobre o cinema. Neste mes veremos a algunhas persoas que, desde a súa profesión, contribuíron ao desenvolvemento do cinema. Nesta ocasión teredes que ordenar e emparellar as imaxes de cada persoa co seu nome, profesión e película relacionada.
venres, 20 de decembro de 2024
Onda Ti navega nas ondas
Comezamos a sexta temporada de Onda Ti, xa queda un pouco lonxe o nacemento do programa en pleno confinamento, pero durante este tempo asistimos a unha evolución desta peza, na que cada vez toma máis protagonismo o alumnado e que facemos coa mesma ilusión que no 2020. No episodio que inaugura esta temporada publicamos moitos dos produtos radiofónicos que imos gravando durante o trimestre no estudio de Emilia na Onda, atoparemos seccións tradicionais desde hai un lustro, nas que as vosas voces son o máis importante.
xoves, 19 de decembro de 2024
Protagonistas da vosa historia
Presentamos a guía de lectura do mes de decembro, na que propoñemos libros que consideramos interesantes e neste caso moitos deles están relacionados co cine, xa que tiveron unha adaptación audiovisual. Atoparedes obras para todos os niveis de lectura. Están clasificados igual que na biblioteca, os de fondo azul son para prelectores, vermello para primeiros lectores, verde para lectores autónomos e amarelo para lectores expertos.
Lembramos que a selección de obras de non ficción para "Un cole de cine", que están relacionadas coa temática desde diversas perspectivas, está publicada na páxina do catálogo da nosa biblioteca.
mércores, 18 de decembro de 2024
Obradoiro "Pintando historias"
No mes de decembro comezamos un novo obradoiro que chamamos "Pintando historias" na que pretendemos achegarnos ao mundo da fotografía, tan importante no desenvolvemento do cine, e que nos permitirá introducirnos en diversas historias. Utilizamos a técnica de Light painting para xuntar arte, fotografía e literatura.
martes, 17 de decembro de 2024
Breakout en colaboración co CEIP Rosalía de Castro
Durante este trimestre o alumnado realizou, dentro dos obradoiros da biblioteca, un "Breakout" no que tiñan que afrontar unha serie de misións, nas que o obxectivo era obter un código co que poder abrir o cofre. Esta actividade realizouse en colaboración co CEIP Rosalía de Castro (A Coruña), na que se pretendeu achegar a figura destas escritoras galegas ao alumnado de ambos centros, así no noso aprendimos sobre Rosalía de Castro e no outro centro sobre Emilia Pardo Bazán.
Nestas imaxes podedes ver algún dos momentos en ambos centros:

















