Amosando publicacións coa etiqueta escritura. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta escritura. Amosar todas as publicacións

domingo, 1 de marzo de 2026

CONCURSO PDI POESÍA - MES DE MARZO


Xa está aquí o concurso de marzo do noso PDI "Vivir na Coruña".

Esta vez pedímosvos que escribades un poema en galego, vendo as fotografías de A Coruña antiga que vos propocionamos. Buscade ideas nos libros que vos facilitamos. 

Poñede en xogo a vosa creatividade, emocións e poder de imaxinación. 

Deixamos abaixo as instrucións por cursos. 




Lápiz e papel a crear.

martes, 9 de decembro de 2025

1º CONCURSO PARA ADULTOS DO NOSO PDI: VIVIR NA CORUÑA!

Chegou o 1º concurso do PDI "Vivir na Coruña" para adultos:

Atención! Prazo de entrega ampliado ata o LUNS 12 de XANEIRO do 2026.

Aquí vos deixamos a convocatoria para quen queira participar na categoría de adultos: toda a comunidade educativa está convidada (familias, persoal docente, persoal non docente).

PROPOSTA: buscar unha fotografía ou debuxar e escribir un recordo da infancia na nosa cidade da Coruña. E se descubriron a cidade máis tarde, conta como chegáches á esta cidade e por que segues aquí. 

PRAZO: podedes participar ata o próximo LUNS 12 DE XANEIRO DO 2026 (prazo ampliado). 

MODO DE PARTICIPACIÓN: dixital enviando a vosa proposta por email a: bibliotecaepb@gmail.com / ou en papel: recollendo o modelo guía en conserxaría e entregando tamén en conserxaría.

Esperamos as vosas participacións!

Vivir na Coruña... que bonito é!

martes, 18 de novembro de 2025

V CONCURSO DE MICRORRELATOS 2025

Presentamos as obras seleccionadas no Concurso de Microrrelatos do 2025 nas categorías de Primeiros lectores (1º e 2º EP), Lectores Autónomos (3º e 4º EP) e Lectores Expertos (5º e 6º EP). 

Tamén vos deixamos un pequeno recordo da entrega de premios aos gañadores/as  que tivo lugar o pasado 11 de novembro no Salón de Usos Múltiples do edificio de Infantil.  

 PRIMEIROS LECTORES


 



LECTORES AUTÓNOMOS 




LECTORES EXPERTOS




MICRORRELATOS FINALISTAS:

 


Recordo da entrega de premios






xoves, 22 de maio de 2025

Comerte a versos

A cociña e a poesía, que marabillosa maridaxe! Dores Tembrás tivo hoxe un encontro coas familias do colexio para poñerse a cociñar versos coas criazas e os seus familiares a través da proposta "Comerte a versos". Coñecer a poesía, identificar as nosas receitas de cociña preferidas e a vinculación coas nosas emocións, coas nosas experiencias para despois transformalo nunha obra poética. A continuación tedes algunhas das producións das familias que acudiron á biblioLab para escribir xuntos:

xoves, 8 de maio de 2025

Obradoiro coa imprenta

O alumnado de 2ºEP gozou dunha experiencia de creación de carteis cunha imprenta con Aloutte Machine, ademais de aprender como funcionaba esta puideron desenvolver a súa creatividade para o deseño dos cartaces. Ao longo da mañá foron tomando forma as súas obras que quedarán expostas na biblioLab.

Estes foron algúns dos momentos das sesións...

luns, 28 de abril de 2025

Biblioteca e familia: "Comerte a versos"

O próximo 22 de maio realizaremos unha xornada de Biblioteca e Familia titulada "Comerte a versos" dirixida por Dores Tembrás e que se centrará na relación entre poesía e cociña. Partindo do vínculo que cada un de nós mantén con determinadas receitas e aquilo que o sentido do gusto pode desatar na memoria. Dende aí faise a proposta de escrita. O enunciado é sinxelo pero desafiante: escribir o que significa unha determinada elaboración ou receita na nosa vida.
A sesión estará apoaida en poemas de autores de prestixio como Wislawa Zzymborska, Gabriela Mistral, Miguel Hernández ou Mark Strand que exploraron con éxito esta relación para achegarnos ao noso propio vínculo.
O obxectivo é que entre a familia e o alumno/a compoñan un breve texto, no que palpite o seu vínculo a través da cociña. O exercicio rematará escribindo este poema nunha cartolina a modo de receita que os nenos e nenas poderán ilustrar con recortes e debuxos.

domingo, 16 de febreiro de 2025

Día de Rosalía

Achégase a conmemoración do día do nacemento de Rosalía de Castro. A Fundación Rosalía de Castro propón, como cada ano, diversas actividades para lembrar a escritora galega. Este curso coa actividade de Caldo de Gloria, inspirado no poema "Miña casiña, meu lar", relacionan a súa poesía co ámbito culinario. O que propoñemos facer no centro é transformar unha receita de cociña, realizada con produtos de uso cotía e de orixe galego, nun poema moi saboroso. Poderedes gravar coa vosa voz estas obras no estudio de radio, ademais se queredes podemos gravarvos lendo poemas de Rosalía de Castro nos recreos coa axuda dos voluntarios de biblioteca. Animádevos a celebrar a semana de Rosalía de Castro!

venres, 8 de novembro de 2024

Concurso de Microrrelatos 2024

Presentamos as obras seleccionadas no Concurso de Microrrelatos de 2024 nas categorías de Ilustración (Educación Infantil), Primeiros lectores (1º e 2ºEP), Lectores autónomos (3 e 4ºEP) e Lectores Expertos (5º e 6ºEP). A entrega dos premios ás gañadoras /es realizarase o próximo luns 11 de novembro no Salón de Usos Múltiples do centro ás 12h., na que se incluirá a lectura das obras gañadoras pola súa autora.

mércores, 16 de outubro de 2024

Concurso microrrelatos Día das escritoras

O próximo 16 de outubro conmemoraremos o Día das escritoras, que estiveron de celebración o luns 14 de outubro. Por este motivo, queremos convidarvos a que participedes nesta IV edición do concurso de escritura creativa de microrrelatos, o alumnado escribiraos durante a xornada escolar, o resto da comunidade educativa poderá entregalos, a través do correo bibliotecaepb@gmail.com, ata o día 25 de outubro.

Nesta entrada tedes as bases de participación, que está aberta a todos os membros da comunidade educativa. O texto deberá incluír a frase dun artigo de Emilia Pardo Bazán, que nesta edición é "O público descálzase de risa ou pásmase de admiración" (Fragmento tirado dun artigo escrito por Emilia Pardo Bazán no nº 1406 de “La Ilustración artística” na sección “La vida contemporánea” -1908-).

venres, 21 de xuño de 2024

Onda Ti edición verán

Remata a 5ª temporada de Onda Ti gravada no noso estudio de Emilia na Onda e nos espazos do colexio. Neste último programa do curso poderedes escoitar en primicia os audios das diversas seccións do programa. Preparados para desfrutar de máis 90' de radio?

venres, 7 de xuño de 2024

Filosofía lúdica na biblioteca: "Espellos poéticos dialogando"

Por que ofertamos, como actividades extraescolares, Diálogos Filosóficos? Sabemos que o diálogo, se se fai ben, axuda ao noso alumnado para aprender a pensar porque teñen que compartir as súas ideas, argumentalas e dar boas razóns sen pretender convencer. E fano xunto aos seus compañeiros/as, escoitándoos/as e aceptando que, aínda que pensen de forma distinta, poden ter razón.

luns, 29 de abril de 2024

Así foi a semana do libro

Ao longo da semana pasada celebramos a Semana do libro con diferentes accións que tiveron por obxectivo facernos pensar que é un libro para nós, compartir libros e lecturas cos demais e tamén crear obxectos e elemrntos artísticos relacionados cos libros. Deste xeito:

venres, 22 de marzo de 2024

Onda Ti versión primavera

Programa que coincide co inicio da primavera e coa semana da poesía no que aproveitamos para publicar diversos produtos sonoros que se foron gravando no estudio de Emilia na Onda ao longo do trimestre.

venres, 15 de marzo de 2024

Panel Primavera poética

Nesta entrada iremos publicando os produtos das diferentes accións promovidas con motivo da celebración do Día da poesía no panel que podedes consultar a continuación.

martes, 12 de marzo de 2024

Primavera poética

Comezamos a celebración do Día da poesía con varias accións nas que trataremos dar visibilidade e fomentar a lectura e escritura deste xénero literario.

Xa tedes na entrada da biblioteca expostos diversos fondos para todos os lectores/as que nos achegan á poesía. Lembrade que en todas as caixas de Tédelos que coñecer! hai poemarios adaptados ás vosas idades.

xoves, 29 de febreiro de 2024

Celebración do Día de Rosalía

Celebramos o aniversario de Rosalía de Castro con diferentes propostas como foron os poemas que gravou o alumnado de 2ºB de Educación Primaria recitando a Rosalía e os poemas que crearon os alumnos/as de 6ºA de Educación Primaria dentro da proposta Caldo de Gloria, na que transformaron receitas de cociña de platos típicos galegos en poemas moi saborosos.

Desfrutade con eles!

luns, 27 de novembro de 2023

Obradoiros do PDI Paisaxes encantadas

A semana pasada comezaron os obradoiros do PDI Paisaxes encantadas, nas que poderán participar todos os cursos do centro. Estes desenvolveranse nos espazos da biblioteca, para tratar de achegarnos, a través de diversos recursos aos bosques e montes de Galicia, por medio actividades de procura de información e consulta de diversas fontes, tamén acompañadas doutras actividades relacionadas coa parte máis creativa da biblioteca, co que combinaremos a formación de usuario na procura e tratamento da información coa creatividade do alumnado.

luns, 23 de outubro de 2023

Concurso Día das Escritoras 2023



No mes de setembro presentamos o concurso de microrrelatos con motivo do Día das escritoras e que pechamos o 6 de outubro.

Nesta entrada tedes as obras seleccionadas para cada unha das categorías e a totalidade das obras presentadas ao concurso.

Lembrade que nesta lista de libros e xogos da biblioteca podedes seguir aprendendo e xogando coa escritura creativa.

Moitas grazas pola vosa participación!

luns, 25 de setembro de 2023

Concurso de Microrrelatos

O próximo 16 de outubro celebraremos o Día das escritoras. Por este motivo, antes de que abramos o próximo luns 2 de outubro, queremos convidarvos a que participedes nesta edición do concurso de escritura creativa de microrrelatos. Nesta entrada tedes as bases de participación, que está aberta a toda a comunidade educativa. O texto deberá incluír a frase dunha obra de Emilia Pardo Bazán, nesta edición "...despois de merendar baixo uns castiñeiros remendados..." (Fragmento tirado do conto “So tierra”).

martes, 20 de xuño de 2023

Onda Ti episodio 3

Remata a 4ª temporada de Onda Ti gravada integramente no novo estudio. Neste último programa do curso poderedes escoitar en primicia os audios das diversas seccións do programa e ademais a música do Coro das emocións. Preparados para desfrutar de case 90' de radio?