Amosando publicacións coa etiqueta contos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta contos. Amosar todas as publicacións

xoves, 16 de abril de 2026

FAMILIAS, VIDE CONTAR UN CONTO... OU O QUE QUEIRADES!


Co motivo da celebración do día do libro, desde a biblioteca EPB queremos convidar a todas as familias do colexio a  visitarnos para contar un conto, un poema, dramatizar algo, contarnos algo relacionado coa cidade da Coruña...

Queremos que poidades desfrutar de pasar un bo rato cos vosos cativos e cativas e que poidades colaborar coas actividades propostas polo equipo da biblioteca. 

Apostamos por unha conexión familia - escola real e nos gustaría compartir con vós estes momentos, que ademais, aos que máis ilusión lles fai é aos vosos nenos e nenas.

CANDO PODEDES VIR?

Desde o luns 20 de abril ata o xoves 30 de abril do 2026 en horario de mañá. 

COMO ME PODO INSCRIBIR?

Pinchando no seguinte enlace e cubrindo os vosos datos. 


Animádevos a participar! 

sábado, 20 de decembro de 2025

GUÍAS DE LECTURA DE NADAL 2025

 Deixamos por aquí as recomendacións lectoras deste trimestre, que coinciden coa festividade deste Nadal 2025. 


Esperamos que sexan do voso interese. 

Á volta de vacacións, moitas destas recomendacións estarán na nosa biblioteca do colexio. 

Recordade que para ler con calma cada diapositiva, podedes apretar co dedo na pantalla e aguantar. 

Bo Nadal e bo descanso! 

xoves, 6 de novembro de 2025

 SAMAÍN NA BIBLIOTECA DO EMILIA!

Este ano na biblioteca do Emilia pasaron moitos nenos e nenas, e mestres e mestras, incluso algunha mamá voluntaria polo Samaín. Tíñamos ganas de contos. Así que puxémonos máns á obra. Tamén contaron contos o equipo dos voluntarios da biblioteca no recreo, que tiveron un bo público cada día. 

O recuncho que preparou o equipo de Dinamización Lingüística quedounos ben medoso. E démoslle bo uso. Para o ano, repetimos!

Aquí vos deixamos un vídeo recopilatorio dos contos do Samaín:





mércores, 19 de xuño de 2024

Talleres coa luz negra

Presentamos os novos obradoiros para Educación Infantil coa luz negra e tamén o contacontos Círculo de Mac Barnett e Jon Klassen.

luns, 27 de novembro de 2023

Obradoiros do PDI Paisaxes encantadas

A semana pasada comezaron os obradoiros do PDI Paisaxes encantadas, nas que poderán participar todos os cursos do centro. Estes desenvolveranse nos espazos da biblioteca, para tratar de achegarnos, a través de diversos recursos aos bosques e montes de Galicia, por medio actividades de procura de información e consulta de diversas fontes, tamén acompañadas doutras actividades relacionadas coa parte máis creativa da biblioteca, co que combinaremos a formación de usuario na procura e tratamento da información coa creatividade do alumnado.

mércores, 13 de setembro de 2023

Estamos de volta!

O pasado luns comezamos as clases, aínda que como xa sabedes necesitamos un tempo para organizar os espazos e recursos da biblioteca. Deste xeito a biblioteca non estará aberta ata o luns 2 de outubro. Non vos preocupedes mentres tanto, tedes as bibliotecas de aula con libros moi interesantes e pronto chegarán as caixas de Tédelos que coñecer! cunha variedade de libros que fará que estas semanas pasen máis rápido.

Nas próximas semanas comezaremos coa formacións de usuario dos grupos de voluntarios de biblioteca, do profesorado e das distintas aulas para que recordedes o funcionamento da biblioteca.

xoves, 4 de maio de 2023

Radio na Biblio

Presentamos os podcast que realizou o alumnado e profesorado dos grupos de 4º e 5º de EP xunto co  equipo de Laboratorio de radio, grazas á colaboración de Axuda en Acción e ao programa Radio na Biblio. Atoparedes moitos datos e curiosidades sobre o patrimonio material e inmaterial de Galicia, a través da información que foron recollendo e nas entrevistas que desenvolveron coas diferentes convidadas/os que se achegaron ao estudio de Emilia na Onda. Este curso ademais desenvolveron algunhas das entrevistas no museo MUNCYT da Coruña, ao cal agradecemos a súa acollida.

Este traballo coa radio como medio serviulle ao alumnado para desenvolver o traballo en equipo, diversos contidos do currículo das diferentes áreas, procurar información, analizala, transmitila, pero sobre todo para gozar facendo radio xuntos desde o colexio. Grazas a todas as persoas convidadas que colaboraron no desenvolvemento destas pezas e parabéns para o alumnado, profesorado e ao equipo de Laboratorio de radio.

sábado, 29 de abril de 2023

Así foi a Semana do Libro 23...

Esta semana desenvolvéronse no centro diversas accións para darlle visibilidade e darlle significado á celebración do Día do Libro, que culminaron onte coa terceira xornada do curso da actividade "A amizade nun libro", no que todo o alumnado do colexio estivo lendo nun balcón ao océano Atlántico. Todas as imaxes desta xornada podedes atopalas na páxina web do centro.

luns, 24 de abril de 2023

Semana do libro 2023

O pasado domingo 23 de abril foi o Día Internacional do libro e do Dereito de autor.
Debido á coincidencia cun día non lectivo quixemos adiar esta celebración ao longo desta semana, na que desenvolveremos algunha serie de accións para visibilizar este Día do Libro:

luns, 16 de xaneiro de 2023

Programación de Vós contades!

O equipo de voluntarias/os da biblioteca están a preparar lecturas de contos para o alumnado máis pequeno do colexio, o pasado venres comezaron Yara e Daniela contándolle o conto "No pierdas de vista al lobo" de Juan Arjona editado por Combel. A continuación deixamo a programación para o mes de xaneiro durante a Hora de ler (12 - 12:20h).

venres, 4 de novembro de 2022

O Samaín entra na biblioteca

Esta semana o alumnado de 6ºEP realizou na biblioteca unha representación teatral para os nenos/as de 2ºEP coa Santa Compaña como convidada especial na hora de ler. A obra está baseada na obra a Costureira das ánimas de Suso Cubeiro e Ana Prado. Agardamos ter a intervención da Santa Compaña no estudio de Emilia na Onda.

venres, 18 de xuño de 2021

Episodio 4 (T2) - Onda Ti

Atentos porque a temporada 2 de Onda Ti está chegando a término, a próxima semana emitiremos o último episodio, pero hoxe xa podedes escoitar o cuarto episodio que vén cargadiño de información, recomendacións, música, ficción e moita, moita ilusión por parte da comunidade educativa do CEIP Emilia Pardo Bazán.

luns, 24 de maio de 2021

Contacontos Educación Infantil

O martes 24 de maio acoden á biblioteca as bibliotecarias da B.M. Los Rosales para contarlles uns contos aos nenos/as de Educación Infantil. Debido ao protocolo sanitario establecido polo centro debido á pandemia entre cada grupo que veña á biblioteca haberá unha espera de 15' para o acceso da seguinte clase. Só virá un grupo de cada idade, por este motivo o resto de aulas poderán seguir a retransmisión do contacontos a través da ligazón desta entrada.

Agradecemos a preparación desta actividade a todas as bibliotecarias da Biblioteca Municipal e agardamos que non haxa problemas técnicos para que poidades seguir en directo sen problemas a actividade. De todos os xeitos os contacontos gravaranse e poderán estar a disposición das clases que o soliciten.

luns, 15 de marzo de 2021

Episodio 3 (T2) - Onda Ti

Primeiro programa do ano  de Onda Ti e terceiro na temporada, que vén cargado de contido, con información e diversión. Comezamos coa sección "4 in a year" na que coñeceremos a unha personaxe do inverno. Continúa a serie de pandemias, neste episodio coa variola. Os nenos/as de 1ºA fan un pouco de publicidade do concurso e do traballo que están a realizar. No espazo verde de El jardín de Juanita as nenas/os de 5ºB de E.I. contan nesta ocasión coa colaboración da mestra Ángeles Abelleira

A esperada entrevista á ilustradora Xulia Pisón vén incluída neste episodio, así como o segundo episodio de Conversando coa Emilia, o teatro lido que fan os nenos/as de 6ºA e 5ºC. As bibliotecarias de Los Rosales traen algunhas das novidades e a recomendación dun libro de Xabier P. Docampo. Iremos finalizando coa previsión metereolóxica de hai uns días e Temos unha mensaxe de...

martes, 22 de decembro de 2020

Episodio 2 (T2) - Onda Ti

Despedimos o primeiro trimestre con este segundo episodio da temporada de Onda Ti. Continuamos cos relatos de terror que elaboraron as voluntarias de 6º de E.P. Inauguramos varias seccións como o noso espazo verde coa peza "El Jardín de Juanita, no que a mestra Mar Santiago explícanos este traballo que se está a facer en Educación Infantil, ademais conta coa colaboración de Angélica Sátiro. Con "4 in a year" viaxaremos en inglés polas distintas estacións do ano. Seguiremos coñecendo pandemias que afectaron á humanidade ao longo da historia, neste episodio os nenos/as de 5º de E.P. falarannos sobre "A peste negra".

Comeza a ficción radiofónica en formato de teatro lido da obra Conversando coa Emilia, a cargo da compañía Bubelas, que pasará neste primeiro episodio?

Na entrevista deste mes tivemos con nós á actriz Isabel Naveira, os nenos/as de 6º de E.P. axudarannos a coñecela mellor.

Neste mes a edición chega cargada de recomendacións, á xa habitual sección das bibliotecarias da B.M. de Los Rosales, "Na onda dos libros", incorporamos "Novos do trinque". Neste mes as libreiras de Moito Conto compartirán con nós algunhas das novidades que chegaron aos seus andeis.

Finalizaremos con "Temos unha mensaxe de..."

mércores, 25 de novembro de 2020

"Non hai homes nin mulleres: hai humanidade"

Esta foi a frase de Emilia Pardo Bazán escollida polo equipo de EACE para resaltar, na entrada do noso centro, o 25N, Día contra a violencia de xénero. Neste día, que foi proclamado pola ONU desde o ano 2000, trátase de denunciar a violencia que sufren as mulleres en todo o mundo.

¿Sabías que foi Emilia Pardo Bazán quen creou a palabra "mullericidio" en 1901?

Nun artigo de La Ilustración Artística, publicado en 1901, a autora coruñesa escribe: "El mujericidio siempre debería reprobarse más que el homicidio. (...)El abuso de poder, ¿no es circunstancia agravante? Cuando matan a mansalva, a la mujer, ¿no debería exigírseles más estrecha cuenta? Y sin embargo, los anales de la criminalidad abundan los mujericidios, impunes muchas veces, por razones especiosas, mejor dicho, por sofismas que sirven para alentar el crimen" (Prólogo de "El encaje roto")

venres, 20 de novembro de 2020

Temporada 2 de Onda Ti

Chegou un día moi esperado por todos nós, o inicio da segunda temporada de Onda Ti, que se emite en Emilia na Onda. Vén con moitas novidades, que fan do programa algo que desexabamos desde que comezou a súa andaina en momentos complicados. Un espazo creado polos nenos/as do colexio no que as súas propostas e as súas voces son as protagonistas.

luns, 2 de novembro de 2020

Creacións do Día da Biblioteca

Martina S. (Alumna 5ºE.P.)
Para conmemorar o Día da Biblioteca propuxemos unha actividade titulada "Libros con historia" e que é recoñecida como Erasure Poetry. Os nenos/as podían crear poesía, mais tamén microrrelatos. Estes foron os traballos que nos foron chegando, ao longo da semana, iremos actualizando a presentación agregando as novas obras que veñan.

luns, 8 de xuño de 2020

Rectificación premiados I Concurso Literario Biblioteca EPB

Despois de revisar as bases do I Concurso literario da Biblioteca EPB, e atendendo a unha reclamación presentada polo fallo na categoría de cómic, este xurado decide:

-Admitir a reclamación, posto que o traballo declarado inicialmente gañador incumpre una das bases do concurso, en concreto a relativa á obrigatoriedade de incluír na primeira viñeta un amencer.

-Declarar gañadora da devandita categoría o traballo "Tu buena amiga Sara" de Lucía, alumna de 3º de E.P., que inicialmente quedara en segundo lugar.



-Debido a que esta modificación sobre a decisión inicial é froito exclusivamente dun erro do xurado, mantense tamén –en condición de premiado— o traballo de Carolina, “O cubo de Rúbik”.

Finalmente, o xurado quere desculparse por este erro, que lamenta profundamente, e polas consecuencias desagradables que puidera ter ocasionado para as persoas afectadas.

venres, 5 de xuño de 2020

I Concurso literario Biblioteca EPB

Durante este mes fomos recibindo as obras que presentastes a este I Concurso Literario Biblioteca EPB. Debido a que recibimos dous microrrelatos, un de cada categoría, e cinco relatos curtos, o xurado decidir dar un único premio de narrativa. En canto ao cómic recibimos cinco obras, un da categoría A e catro da B, decidimos xuntar todas as achegas e dar un único premio. Ao non recibir ningunha obra na modalidade de ilustración declaramos o premio deserto.
Estas son as obras premiadas cun vale de 20€ para mercar libros nas librarías que comunicaremos aos premiados a próxima semana.