venres, 21 de xuño de 2024

Onda Ti edición verán

Remata a 5ª temporada de Onda Ti gravada no noso estudio de Emilia na Onda e nos espazos do colexio. Neste último programa do curso poderedes escoitar en primicia os audios das diversas seccións do programa. Preparados para desfrutar de máis 90' de radio?

xoves, 20 de xuño de 2024

Compartimos coñecemento

Onte pechamos o proxecto deste curso que adicamos a aprender e descubrir os bosques e montes de Galicia. A intención era colocar e explicar os carteis ao longo co camiño ao monte de San Pedro, pero debido á chuvia tivemos que facelo no pavillón de Los Rosales. Estes son os carteis que temos preparados coa información para que sexa descuberta polos camiñantes ata o monte, no que poderán atopar especies de árbores autóctonas, especies invasoras, flores, especies do bosque submarino, ata como facer un herbario.

A radio na biblio

Presentamos os podcast que realizou o alumnado e profesorado dos grupos de 5º de EP xunto co equipo de Laboratorio de radio, dentro do programa Radio na Biblio.

Este traballo coa radio como medio serviulle ao alumnado para desenvolver o traballo en equipo, diversos contidos do currículo das diferentes áreas, procurar información, analizala, transmitila, pero sobre todo para gozar facendo radio xuntos desde o colexio. Grazas a todas as persoas convidadas que colaboraron no desenvolvemento destas pezas e parabéns para o alumnado, profesorado e ao equipo de Laboratorio de radio.

mércores, 19 de xuño de 2024

Talleres coa luz negra

Presentamos os novos obradoiros para Educación Infantil coa luz negra e tamén o contacontos Círculo de Mac Barnett e Jon Klassen.

Un verán entre as follas

O curso remata e queremos compartir con vós algunhas recomendacións de lecturas para este verán, no que vos poderedes perder entre as follas dos libros baixo as follas das árbores dos nosos bosques e montes. Como en anteriores ocasións están ordenadas por niveis de lectura, desde prelectores ata lectores expertos. poderedes atopar diferentes xéneros en diferentes idiomas, ademais, nesta edición incluímos as recomendacións dos nenos/as que acuden ao club de ficción dixital ENRE2 EPB . Agardamos que vos resulten interesantes!

venres, 14 de xuño de 2024

Encontro con Xurxo Souto

O pasado mércores 12 de xuño celebramos a última xornada de Lectura e familia coa actuación no centro de Xurxo Souto, na que compartiu moitas das súas historias da Coruña. Aproveitamos a ocasión para despedir o ano dos clubs de lectura do centro.

xoves, 13 de xuño de 2024

Leóns dourados

O mércores todo o centro puido felicitar ao alumnado que máis libros levou emprestados da biblioteca durante o curso. En cada nivel houbo un premio e  recibiron un grande aplauso do resto de compañeiras/os.

venres, 7 de xuño de 2024

Filosofía lúdica na biblioteca: "Espellos poéticos dialogando"

Por que ofertamos, como actividades extraescolares, Diálogos Filosóficos? Sabemos que o diálogo, se se fai ben, axuda ao noso alumnado para aprender a pensar porque teñen que compartir as súas ideas, argumentalas e dar boas razóns sen pretender convencer. E fano xunto aos seus compañeiros/as, escoitándoos/as e aceptando que, aínda que pensen de forma distinta, poden ter razón.

luns, 3 de xuño de 2024

Queremos saber a vosa opinión

Tras o peche da biblioteca queremos coñecer a vosa opinión sobre distintos aspectos  e valoración tanto do traballo do equipo de biblioteca como dos servizos que se propuxeron desde a biblioteca durante este curso

Pedímosvos uns minutos do voso tempo para que contestedes ás preguntas do formulario e nos axudedes a mellorar para próximos cursos.