Amosando publicacións coa etiqueta robot. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta robot. Amosar todas as publicacións

venres, 21 de febreiro de 2025

Escornabot e cine

Os obradoiros de biblioteca durante este trimestre exploran  e aprenden cos escornabot para achegarnos a diferentes aspectos sobre o cinema. A través dos taboleiros realizados polo equipo de biblioteca o alumnado percorre xunto co escornabot películas, personaxes, xéneros, entre outros aspectos. O alumnado, ademais das aprendizaxes adquiridas, levou un agasallo realizado coa impresora 3D.

domingo, 28 de novembro de 2021

Mochila robótica

Mañá saen na súa primeira viaxe as "Mochilas robóticas" e con este nome xa saberedes que conteñen... efectivamente, queremos promover a introdución dunha nova linguaxe entre o alumnado de 2º de EP. Facilitarlle aos nenos/as destes cursos os recursos para iniciarse na programación e desenvolver o pensamento computacional, pero sen olvidarnos da lectura tanto de ficción como de non ficción.
Esta actividade está dentro das iniciativas que desenvolvemos dentro do programa Biblioteca Creativa no que continúa a biblioteca escolar do colexio.

mércores, 30 de xuño de 2021

Emilia Rebelde

Unha das actividades finais que se realizou nas aulas, dentro do PDI "Paseando con Emilia", foi "Emilia Rebelde", unha proposta dentro do Proxecta "Conversando con Dona Emilia" de 5º e 6º. O xerme da actividade estivo na formación do profesorado con Paola Guimeráns e co programa "Introdución á robótica en Primaria", xa que utilizamos as placas Echidna Shield para facer un panel interactivo como produto final e complementario á obra de teatro lido "Conversando coa Emilia".

A continuación presentamos a proposta realizada:

mércores, 9 de decembro de 2020

Paseando co EscornaEmilia

Proximamente Dona EscornaEmilia sairá pasear polas clases do colexio a través deste xogo que preparamos para fomentar o coñecemento da escritora coruñesa e incentivar a curiosidade e as gañas de coñecer máis sobre a autora, centro de interese do PDI Paseando con Emilia. Ademais, pretendemos introducir o pensamento computacional a través da utilización dos escornabots nas aulas de 6º de Educación Infantil e 1º e 2º de Educación Primaria, xa que o material está preparado para estas idades.

Este traballo está baseado nos libros de Escornactividades de Rubén Molinero, no que desenvolve distintas temáticas para o traballo na aula.

Agradecemos a colaboración de Xulia e Patricia, traballadoras da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, por todo o apoio e asesoramento na realización deste traballo, que é posible grazas ao traballo da comunidade que sustenta e desenvolve o proxecto Escornabot.

xoves, 13 de febreiro de 2020

Escornabots para todos/as

A pasada semana Ángel Villanueva veu de publicar una actualización de  EscornaVoz, que se trata dunha aplicación para controlar o escornabot a través da voz. Este é un de varios proxectos que promoven a inclusión e a accesibilidade a distintos dispositivos, que podedes consultar na súa web Mecatrónica Lab.
No noso centro temos alumnos/as que ata agora tiñan dificultades para o uso dos escornabots e este proxecto vainos permitir achegalos a todo o alumnado e desenvolver actividades que ata agora non podiamos.

sábado, 23 de novembro de 2019

VenreXperimentos

Seguimos celebrando os VenreXperimentos na biblioLab. O pasado venres 15 e mércores 20 os nenos/as puideron montar os escornabots que nos proporcionou o programa biblioteca creativa e que sairán o próximo luns nas mochilas semanais de Educación Infantil.
O venres 22 experimentamos co magnetismo en diferentes zonas con actividades como diferenciar os obxectos que atrae un imán dos que non, a potencia de diversos imáns, crear un compás...

xoves, 3 de outubro de 2019

Bibliotecas creativas

Vía Blog de bibliotecas escolares
© Asesoría de bibliotecas escolares

Hoxe recibimos unha boa nova, xa que o CEIP Emilia Pardo Bazán, foi un dos 25 novos centros seleccionados para participar na convocatoria deste curso de Biblioteca creativa, programa co que se pretende "apoiar a cultura da experimentación e da investigación, da robótica e da linguaxe de programación nas bibliotecas dos centros públicos que matriculan alumnado de infantil e primaria e que están integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares no presente curso 2019/2020."
Acollemos esta resolución con ledicia e traballaremos para seguir desenvolvendo estas novas linguaxes a través da biblioteca.

mércores, 11 de setembro de 2019

Arrincamos...

Hoxe iniciamos un curso con novidades en canto a proxectos, actividades, libros, materiais... que vos iremos adiantando pouco a pouco. Comezaremos desenvolvendo un proxecto moi ilusionante no que queremos que toda a comunidade educativa estea implicada, pero teredes que esperar un pouco para coñecer máis detalles.
A biblioteca abrirá as súas portas o próximo 14 de outubro, xa sei que estades desexando acudir aos dous espazos dos que dispón, pero antes temos que preparalos para as vosas visitas e que gocedes coa lectura en distintos formatos e coas diferentes actividades que podedes desenvolver na Biblioteca EPB. Como petisco, hoxe a biblioteca saía ao patio dentro da tradicional xornada de xogos de benvida do alumnado. Nunha zona  do patio había libros, revistas e lecturas dixitais e noutro espazo no exterior do centro podía experimentarse cos robots e cos dispositivos dixitais.
A continuación podedes ver a algún dos momentos do día a través destas imaxes...

luns, 19 de novembro de 2018

Montamos escornabots

VenreXperimentos celebrou a súa primeira xornada o pasado venres no que un grupo de nenos/as de 4º e 5º de E.P. montaron cadanseu robot escornabot, que quedará na BiblioLab para que todos poidamos aprender e xogar con eles.

luns, 12 de novembro de 2018

Novembro mes da ciencia en galego

Durante este mes celébrase o mes da ciencia en galego. Este programa promovido pola Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia e pola Consellería de Cultura consiste en fomentar a vocación científica a través da lectura entre os nenos/as.
Neste curso o manifesto asínao Luís Navarro, profesor titular da Facultade de Bioloxía da Universidade de Vigo.

martes, 23 de outubro de 2018

Mochilas viaxeiras en Educación Infantil

Xa están preparadas para saír as mochilas viaxeiras para os nenos/as de 6º de E.I. A primeira viaxe iniciarase o venres e durante o fin de semana os seus fogares acollerán diversos contos que poderán compartir coa súa familia.