Amosando publicacións coa etiqueta biblioteca. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta biblioteca. Amosar todas as publicacións

martes, 15 de setembro de 2026

VÉN FORMAR PARTE DO EQUIPO DE VOLUNTARIOS E VOLUNTARIAS DA BIBLIOTECA EPB !


Queres formar parte do equipo de voluntarios/as da biblioteca EPB este curso? Se eres de 6ºEP podes anotarte neste enlace cubrindo o formulario online que aparecerá cando pinches nel. 

Hai prazas limitadas. No caso de ser seleccionado/a, alguén do equipo de biblioteca cho comunicará no colexio. 

Podes anotarte ata o 21 de setembro de 2026 ás 20:00. 

Benvidos e benvidas ao equipo! 

domingo, 13 de setembro de 2026

VOLTA AO COLE DO CURSO 2026-2027

 👋🏾 VOLVEMOS 👋🏾 

O primeiro día de curso demos a benvida á nosa cativada con xogos de lóxico-matemática, xadrez, contos para ler e pensamento computacional (robótica), entre outras actividades. 

Foi un día de volta ao cole moi divertido. 

Mentres, seguimos traballando para poñer a nosa Biblioteca a punto para comezar o novo curso.

luns, 8 de xuño de 2026

DINAMIZACIÓN DA LECTURA






 En 3ºEP o alumnado levou á clase un xogo ou un libro que lle gustaba moito para ensinar aos compañeiros/as e explicar o xogo ou ler un resumo do libro. Deste xeito, aprenden a  importancia de compartir momentos xuntos e compartir as súas afeccións e gustos.

OBRADOIRO POESÍA 6ºEP

 Este curso volvemos repetir o obradoiro de poesía da man de Dores Tembrás para o alumnado de 6ºEP. Parécenos importante que poidan plasmar as súas inquedanzas, preocupacións ou sentimentos e emocións, sobre todo neste último curso, despois de 9 anos no mesmo colexio. Ese paso á secundaria vén acompañado de moitas sensacións, e a rapazada sempre é capaz de exteriorizar estas, a través deste obradoiro de poesía. 




Grazas de novo, Dores por vir sempre onde nós como se fose "casa".


CONTACONTOS 3ºEP CON MARTA VILLAR

 Este curso,  dentro dos itinerarios lectores, os grupos de 3º de primaria leron o libro "Os peidos máxicos de Sultán", da autora Marta villar. E tivemos a sorte de que Marta nos viñera visitar á biblioteca e con ela, os rapaces e rapazas vivenciaron escenas no conto, donde incluso xogaron con pombas de xabón, que simulaban aos peidos máxicos do protagonista do conto: o can Sultán. 




Marta contounos en quen se inspirou para escribir esta obra. Explicounos o proceso. E compartiu con nós varias experiencias persoais para que puidésemos relacionar estas coas escenas e historias do conto.


Grazas, Marta. 

venres, 17 de abril de 2026

SEMANA DO LIBRO 2026

 


No Emilia este ano celebramos o "día do libro" durante as dúas derradeiras semanas de abril. 

Queremos levar a cabo lecturas compartidas entre o alumnado e tamén coas familias. 

Animádevos a vir, familias, anotádevos no enlace da publicación anterior. 


xoves, 16 de abril de 2026

FAMILIAS, VIDE CONTAR UN CONTO... OU O QUE QUEIRADES!


Co motivo da celebración do día do libro, desde a biblioteca EPB queremos convidar a todas as familias do colexio a  visitarnos para contar un conto, un poema, dramatizar algo, contarnos algo relacionado coa cidade da Coruña...

Queremos que poidades desfrutar de pasar un bo rato cos vosos cativos e cativas e que poidades colaborar coas actividades propostas polo equipo da biblioteca. 

Apostamos por unha conexión familia - escola real e nos gustaría compartir con vós estes momentos, que ademais, aos que máis ilusión lles fai é aos vosos nenos e nenas.

CANDO PODEDES VIR?

Desde o luns 20 de abril ata o xoves 30 de abril do 2026 en horario de mañá. 

COMO ME PODO INSCRIBIR?

Pinchando no seguinte enlace e cubrindo os vosos datos. 


Animádevos a participar! 

sábado, 7 de marzo de 2026

DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO - 23F

Celebramos o aniversario de Rosalía de Castro cunha instalación no edificio de Infantil, nunha aula que será o novo espazo de biblioteca para o alumnado de infantil. 

As mestras prepararon unha instalación vivencial e sensorial para a cativada, e foi todo un éxito. Aquí vos deixamos un recopilatorio.

xoves, 19 de febreiro de 2026

CLUBS DE LECTURA

 Os clubs de lectura este curso seguen  vento en popa. Aquí vos deixamos unhas fotografías dalgúns dos momentos capturados durante as sesións dos nosos clubs. Esperamos que vos guste. E que para o curso que vén, vos animedes a participar nestes clubs. 


 





martes, 20 de xaneiro de 2026

GAÑADOR E FINALISTAS CONCURSO LOGO DO PDI VIVIR NA CORUÑA




Xa temos gañador do CONCURSO DE LOGO para o PDI: "Vivir na Coruña" e tamén os dous finalistas. 

Noraboa a todos e todas os e as participantes! Tivo unha grande acollida e foi moi, pero moi difícil elixir.

Aquí vos deixamos o gañador e os dous finalistas. 

Ademais, no colexio, quedarán expostos os finalistas de cada clase. 

Grazas por participar! E pola caldade coa que realizades e elaborades as vosas creacións, raparigos e raparigas!

sábado, 20 de decembro de 2025

GUÍAS DE LECTURA DE NADAL 2025

 Deixamos por aquí as recomendacións lectoras deste trimestre, que coinciden coa festividade deste Nadal 2025. 


Esperamos que sexan do voso interese. 

Á volta de vacacións, moitas destas recomendacións estarán na nosa biblioteca do colexio. 

Recordade que para ler con calma cada diapositiva, podedes apretar co dedo na pantalla e aguantar. 

Bo Nadal e bo descanso! 

mércores, 10 de decembro de 2025

CONCURSO PARA ALUMNADO MES DE DECEMBRO PROXECTO "VIVIR NA CORUÑA"


ATENCIÓN! Ampliamos prazo para entregar o concurso: data límite: LUNS 12 DE XANEIRO DO 2026.

E aquí chegou tamén outro concurso, desta vez para o alumnado do noso centro. Trátase de investigar o nome destes edificios e de escribir por que teñen ese nome. 

Como o noso proxecto é "Vivir na Coruña" por suposto, estes edificios sitúanse na nosa cidade.

Así que, investigadores e investigadoras, tócavos a vós. 

Este concurso, para que todos e todas poidades participar, vai por categorías: 

INFANTIL: Debuxando os edificios, consultando as fotografías de guía.  

1º CICLO DE PRIMARIA - 1º E 2º: Buscar o nome do edificio.

2º CICLO DE PRIMARIA - 3º E 4º: Buscar o nome do edificio, dicir que é,  e dicir onde está na cidade.

3º CICLO DE PRIMARIA - 5º E 6º: Buscar o nome do edificio, dicir que é e por que recibe ese nome.

ONDE PODEDES CONSEGUIR O LIBRIÑO COAS FOTOGRAFÍAS DOS EDIFICIOS PARA RESPONDER? Pois no noso cole, na entrada, onde está o mural do noso Proxecto. 

ATA CANDO PODEDES ENTREGAR AS RESPOSTAS? Pois ata o LUNS 12 DE XANEIRO DO 2026 (prazo ampliado). 

ONDE PODES ENTREGAR O LIBRIÑO COAS TÚAS RESPOSTAS? Na biblioteca a algún mestre/a do equipo de biblioteca. 

RECORDA POÑER O TEU NOME, APELIDOS E CURSO. 

GRAZAS A TOD@S POR PARTICIPAR!

martes, 9 de decembro de 2025

1º CONCURSO PARA ADULTOS DO NOSO PDI: VIVIR NA CORUÑA!

Chegou o 1º concurso do PDI "Vivir na Coruña" para adultos:

Atención! Prazo de entrega ampliado ata o LUNS 12 de XANEIRO do 2026.

Aquí vos deixamos a convocatoria para quen queira participar na categoría de adultos: toda a comunidade educativa está convidada (familias, persoal docente, persoal non docente).

PROPOSTA: buscar unha fotografía ou debuxar e escribir un recordo da infancia na nosa cidade da Coruña. E se descubriron a cidade máis tarde, conta como chegáches á esta cidade e por que segues aquí. 

PRAZO: podedes participar ata o próximo LUNS 12 DE XANEIRO DO 2026 (prazo ampliado). 

MODO DE PARTICIPACIÓN: dixital enviando a vosa proposta por email a: bibliotecaepb@gmail.com / ou en papel: recollendo o modelo guía en conserxaría e entregando tamén en conserxaría.

Esperamos as vosas participacións!

Vivir na Coruña... que bonito é!

martes, 25 de novembro de 2025

MOCHILAS TEMÁTICAS CONEXIÓN E FAMILIA

 

Volven as mochilas temáticas de conexión familiar que tanto éxito tiveron. Estes préstamos van dentro do programa "Lectura e Familias", definida como "Conexión familiar: atopa respostas ás túas preguntas". 

Para solicitalas, poderedes acceder ao FORMULARIO que se atopa ao final desta publicación. 

Esta actividade comezou xa hai dous cursos e agradecemos a acollida dela xa que as mochilas estiveron en movemento desde o comezo da iniciativa. 

Poñemos a disposición de todas as familias do noso centro 10 mochilas temáticas con fondos que acheguen información sobre diferentes aspectos, que esperamos que poidan servos de utilidade.

As mochilas que están a disposición da comunidade educativa para o empréstito serán as que aborden os temas de Trastorno de Espectro Autista, Trastorno de Déficit de Atención e Hiperactividade, Altas Capacidades Intelectuais, Conduta e Disciplina Positiva, Conduta Positiva e Educación emocional, Dislexia, Creatividade 1, Creatividade 2, Educación e Igualdade e "Ao teu xeito" (esta última mochila configúraa a propia familia cun máximo de tres libros para adultos e/ou de non ficción a escoller entre a nosa colección). A selección dos recursos foi realizada polo Departamento de Orientación en colaboración co equipo de biblioteca.

As primeiras mochilas comezarán a saír o próximo 9 de decembro e poderán permanecer en préstamo un máximo de 30 días sen posibilidade de renovación, co obxectivo de favorecer a rotación e que o acceso a estes fondos sexa o máximo posible. As mochilas poderán reservarse, quedando en lista de espera as persoas que o vaian solicitando.


A recollida das mochilas realizarase na biblioteca do centro en diferentes momentos da xornada escolar e que deberán explicitarse no formulario de solicitude. A devolución realizarase do mesmo xeito que se fixo o préstamo. Cada familia só poderá ter emprestada unha das mochilas ofertadas.


Aquí vos deixamos a un click onde podedes anotarvos para solicitar as mochilas temáticas: 

FORMULARIO DE SOLICITUDE



luns, 24 de novembro de 2025

CONCURSO DE LOGO DO NOSO PROXECTO DESTE CURSO: VIVIR NA CORUÑA


Lanzamos o primeiro concurso do noso Proxecto Documental Integrado deste curso 2025-2026: VIVIR NA CORUÑA. 

Este primeiro concurso consiste en que o alumnado elabore un logo para o noso PDI. Xa nos chegou algún mensaxeiro/a nervioso/a, preguntando que "a ver cando se publicaba o concurso do logo". POIS XA CHEGOU!!!

Animádevos a participar, rapazada! Tedes ata o VENRES 12 DE DECEMBRO para participar. Xa sabedes, poñede esa imaxinación e creatividade a funcionar.

Unha vez recibamos todas as propostas, procederase á votación do logo e sairá un único logo gañador.

A DEBUXAR!

martes, 18 de novembro de 2025

V CONCURSO DE MICRORRELATOS 2025

Presentamos as obras seleccionadas no Concurso de Microrrelatos do 2025 nas categorías de Primeiros lectores (1º e 2º EP), Lectores Autónomos (3º e 4º EP) e Lectores Expertos (5º e 6º EP). 

Tamén vos deixamos un pequeno recordo da entrega de premios aos gañadores/as  que tivo lugar o pasado 11 de novembro no Salón de Usos Múltiples do edificio de Infantil.  

 PRIMEIROS LECTORES


 



LECTORES AUTÓNOMOS 




LECTORES EXPERTOS




MICRORRELATOS FINALISTAS:

 


Recordo da entrega de premios






martes, 28 de outubro de 2025

 Por fin podemos desvelar a temática do Proxecto Documental Integrado deste curso: A CORUÑA. 

Leva o nome de: VIVIR NA CORUÑA... E este mes comezamos coas investigacións e actividades de motivación. 

Durante tres días, levamos a cabo unha actividade chamada "Un paseo por Coruña" sen movernos da nosas bibliotecas, pero vendo, dialogando, comentando, e resolvendo cuestións sobre monumentos, barrios, obras, personaxes coruñeses e outros elementos significativos da nosa cidade. 

Ademais, tivo lugar tamén o noso 1º apadriñamento lector "Amizade nun libro" entre amiguiñ@s pequen@s e maiores. Dentro vídeo:


Pasámolo moi ben no día das bibliotecas escolares inaugurando o PDI 2025-2026. 

martes, 21 de outubro de 2025

 ANIVERSARIO DE EMILIA 

Máis vale tarde que nunca! Aquí estamos deixando un pequeno vídeo celebrando o aniversario de EMILIA PARDO BAZÁN. O pasado 16 de setembro todo o alumnado guiado polo profesorado coloreou a súa peza do quebracabezas da figura de Emilia, que logo foron colocar. E ao final, quedou un mural exposto de Emilia ben bonito.





luns, 15 de setembro de 2025

Apertura de inscrición aos Clubs de Lectura e Diálogos Creativos


Este curso seguimos desenvolvendo actividades relacionadas coa lectura, o pensamento computacional e o pensamento creativo en horario extraescolar polas tardes.

Presentámosvos os diferentes Clubs de Lectura e Diálogos aos que poderedes inscribirvos o alumnado de 4ºEP, 5ºEP e 6ºEP. A continuación tedes toda a información de cada unha destas actividades organizadas dependendo o curso no que esteades este ano.

Esta preinscrición deberá confirmarse coa entrega do formulario de inscrición que vos  entregará a mestra mediadora dos respectivos clubs. 

Esta entrada actualizarase periodicamente para informar dos clubs que esgotaron xa as súas prazas.

sábado, 13 de setembro de 2025

XA ESTAMOS DE VOLTA !

Xa estamos de volta para o curso 2025 - 2026. 


E como xa é costume, celebramos o 1º día da volta ao cole con diferentes actividades, sendo unhas destas o recuncho de lectura, o de xogos de lóxica e creativos, e tamén o espazo de realidade aumentada. 

Aquí vos deixamos unhas fotografías do que vivimos este pasado luns. 

Mentres tanto, a biblioteca estase a preparar e organizar para poder abrir as súas portas o próximo luns 13 de outubro. Mentres tanto, tedes as bibliotecas de aula con libros moi interesantes e pronto chegarán as caixas trimestrais de "Tédelos que coñecer!" cunha variedade de libros que fará que estas semanas pasen máis rápido.


Estas semanas e as próximas semanas levaranse a cabo as formacións de usuarios dos grupos de voluntarios/as da biblioteca, do profesorado e do alumnado de nova incorporación para que todos e todas poidamos coñecer o funcionamento da biblioteca.

E non esquezades que este luns 15 de setembro ás 20:00 tedes unha tarefa: INSCRIBIRVOS NOS CLUBS DE LECTURA E DIÁLOGOS DA BIBLIOTECA!!!