Amosando publicacións coa etiqueta mochila viaxeira. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta mochila viaxeira. Amosar todas as publicacións

martes, 19 de novembro de 2024

Conexión Familiar

Volvemos a poñer en marcha a proposta de préstamos de lotes de libros dirixidos ás familias dentro do programa "Lectura e Familias", definida como "Conexión familiar: atopa respostas ás túas preguntas". Esta actividade comezou o curso pasadoe agradecemos a acollida dela xa que as mchilas estiveron en movemento desde o comezo da iniciativa, por este motivo neste curso decidimos ampliar a oferta de lotes.

Nesta acción poñeremos a disposición de todas as familias do noso centro 10 mochilas temáticas con fondos que acheguen información sobre diferentes aspectos, que esperamos que poidan servos de utilidade.

luns, 8 de xaneiro de 2024

Conexión familiar

Co novo ano queremos anunciar unha nova proposta dirixida ás familias dentro do programa "Lectura e Familia", definímola como "Conexión familiar: atopa respostas ás túas preguntas". Nesta acción poñeremos a disposición de todas as familias do noso centro mochilas temáticas con fondos que acheguen información sobre diferentes aspectos, que esperamos que poidan servos de utilidade. As primeiras mochilas que poñeremos a disposición da comunidade educativa para o empréstito serán as que aborden os temas de Trastorno de Espectro Autista, Trastorno de déficit de atención e hiperactividade, Altas capacidades intelectuais e Conduta e disciplina positiva. A selección dos recursos foi realizada polo Departamento de orientación en colaboración co equipo de biblioteca.

martes, 25 de outubro de 2022

A amizade nun libro

O 24 de outubro celébrase o Día das bibliotecas, no que se trata de dar visibilidade ao papel das bibliotecas de diferente tipo, e que este curso, co cartel da galega Xulia Vicente, preséntase co lema "BiblioTEcuida".

Desde a nosa biblioteca quixemos celebralo con todo o centro realizando a actividade de "A amizade nun libro", na que alumnado dos últimos cursos de Educación Primaria compartiron lecturas co alumnado de Educación Infantil e dos dous primeiros cursos de Educación Primaria.

domingo, 28 de novembro de 2021

Mochila robótica

Mañá saen na súa primeira viaxe as "Mochilas robóticas" e con este nome xa saberedes que conteñen... efectivamente, queremos promover a introdución dunha nova linguaxe entre o alumnado de 2º de EP. Facilitarlle aos nenos/as destes cursos os recursos para iniciarse na programación e desenvolver o pensamento computacional, pero sen olvidarnos da lectura tanto de ficción como de non ficción.
Esta actividade está dentro das iniciativas que desenvolvemos dentro do programa Biblioteca Creativa no que continúa a biblioteca escolar do colexio.

mércores, 16 de setembro de 2020

A biblioteca en tempos de pandemia

Iniciamos un curso complicado debido á pandemia da Covid-19, que trae consigo cambios no funcionamento do centro e polo tanto tamén na biblioteca e en todos os seus espazos. No comezo do curso publicáronse na web do centro os documentos relacionados coa pandemia, entre os que se atopa o Plan de adaptación á situación Covid-19 no curso 2020-2021, na páxina 23 atópase a información referida ao estudio de radio e na páxina 25 á biblioteca e biblioLabque. Estas novas normas están detalladas no documento achegado nesta entrada.

xoves, 13 de febreiro de 2020

Escornabots para todos/as

A pasada semana Ángel Villanueva veu de publicar una actualización de  EscornaVoz, que se trata dunha aplicación para controlar o escornabot a través da voz. Este é un de varios proxectos que promoven a inclusión e a accesibilidade a distintos dispositivos, que podedes consultar na súa web Mecatrónica Lab.
No noso centro temos alumnos/as que ata agora tiñan dificultades para o uso dos escornabots e este proxecto vainos permitir achegalos a todo o alumnado e desenvolver actividades que ata agora non podiamos.

luns, 4 de novembro de 2019

Libros que viaxan

O pasado mércores saíron na súa primeira viaxe as mochilas de fin de semana de Educación Infantil. A selección de libros que se realizou para cada un dos grupos, que irán viaxando ás casas dos nenos/as, combina a narrativa, con libros para ler e libros para ver, libros con música, libros para entender o mundo que nos rodea e libros con sorpresa, tamén quixemos que houbese libros nos idiomas galego, castelán e inglés.

xoves, 17 de outubro de 2019

Mochilas viaxeiras

As mochilas viaxeiras de 5º de E.P. iniciaron a súa viaxe o pasado luns. Para cada grupo preparamos dous lotes compostos por libros de narrativa, cómic, poesía, libro con música, un libro para compartir en familia relacionado co PDI "Sabor e saber", un libro en inglés, unha revista e un caderno no que calquera membro da familia pode expresar aquilo que crea convinte, que estea relacionado coas obras que contén a mochila ou coa a propia actividade. Tratamos de que houbese obras tanto en galego como en castelán.
Este é o segundo curso que desenvolvemos esta actividade, polo que os cadernos xa viaxaron polas casas durante o curso pasado, deste xeito poderedes ler o que lles pareceu a eles a experiencia.
Agardamos que vos gusten!

mércores, 26 de xuño de 2019

As mochilas volveron...

Photo by Tyler Nix on Unsplash
Rematou a viaxe das mochilas que percorreron os fogares do alumnado de 5º de E.P. Durante o verán descansarán na biblioteca agardando comezar un novo roteiro con diversos contidos no próximo curso.

luns, 12 de novembro de 2018

Libros que veñen e van

Hoxe saíron as mochilas de 5º de E.P., ao tempo que volvían as de Educación Infantil. Varios nenos/as gozarán da lectura dos libros que contén cada unha das mochilas. Queremos que compartan as experiencias da lectura en familia do contido, por iso tamén están acompañados dun caderno no que se recollerán as opinións, debuxos ou calquera comentario que vos apeteza comunicar.

venres, 9 de novembro de 2018

Libros que viaxan

Este venres volveron saír ás casas dos nenos/as as mochilas viaxeiras en Educación Infantil, dúas acompañadas da bolsa cos escornabots. O próximo luns comezarán a súa viaxe as de 5º de E.P. que permanecerán no fogar dos alumnos/as un pouco máis de tempo.

martes, 23 de outubro de 2018

Mochilas viaxeiras en Educación Infantil

Xa están preparadas para saír as mochilas viaxeiras para os nenos/as de 6º de E.I. A primeira viaxe iniciarase o venres e durante o fin de semana os seus fogares acollerán diversos contos que poderán compartir coa súa familia.