Amosando publicacións coa etiqueta vídeos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta vídeos. Amosar todas as publicacións

luns, 27 de novembro de 2023

Obradoiros do PDI Paisaxes encantadas

A semana pasada comezaron os obradoiros do PDI Paisaxes encantadas, nas que poderán participar todos os cursos do centro. Estes desenvolveranse nos espazos da biblioteca, para tratar de achegarnos, a través de diversos recursos aos bosques e montes de Galicia, por medio actividades de procura de información e consulta de diversas fontes, tamén acompañadas doutras actividades relacionadas coa parte máis creativa da biblioteca, co que combinaremos a formación de usuario na procura e tratamento da información coa creatividade do alumnado.

xoves, 9 de novembro de 2023

Primeiras achegas da procura inicial do PDI Paisaxes encantadas

O pasado mes de outubro chegaron ás aulas unhas caixas sorpresa, que tiñan unha mensaxe solicitando a súa axuda para recuperar a flora e fauna dos bosques e montes, ademais dalgunha mostra, con esta proposta as aulas poñéronse mans á obra e aquí tedes o primeiro produto desta investigación. Fermoso vídeo da aula de 3ºB de Educación Primaria.

luns, 23 de outubro de 2023

Paisaxes encantadas

Este curso desenvolverase no colexio o Proxecto Documental Integrado “Paisaxes encantadas”, no que investigaremos e aprenderemos sobre os bosques e montes de Galicia, aproveitando o tema tamén seguiremos achegándonos aos ODS2030. Xa está montada a exposición permanente no corredor de entrada ao centro coas obras relacionadas co tema e tamén os recursos seleccionados na web e que irán medrando ao longo do curso. Como comezo do proxectonas aulas apareceron estas caixas que contiñan un elemento natural e a pegada dun animal dos bosques e montes, que recibimos desde unha localización descoñecida xunto con este vídeo no que se nos pide axuda.

martes, 7 de marzo de 2023

Día da muller

Celebramos o Día da muller, para unirnos a esta visibilización do papel da muller na sociedade teremos con nós esta semana a tres mulleres profesionais. Na exposición da entrada da biblioteca xa tedes a exposición con libros de ficción e non ficción na que as mulleres e as nenas son as protagonistas. Recordade que o ODS número 5 reclama a "Igualdade de xénero", unha igualdade real en todos os ámbitos da sociedade e na que haxa unha igualdade de oportunidades. Nesta entrada poderedes seguir os dous encontros que teremos esta semana, o mércores 8 coa redeira e o venres 10 coas libreiras de Moito conto.

luns, 6 de febreiro de 2023

Encontro co Entroido de Samede

A sociedade para a recuperación do Entroido de Samede  visita o noso colexio para facer partícipes ao alumnado da importancia das tradicións e da celebración do Entroido en Galicia.

As nenas/os de 6ºC faranlles unha entrevista na que coñeceremos máis polo miúdo o seu labor e despois terán un encontro con todo o alumnado de 6ºEP, que ten como centro de interese durante este trimestre as diferentes celebracións do Entroido en Galicia.

Nesta entrada ides poder seguir o desenvolvemento desta visita. Moitas grazas por vir mostrarnos a vosa festa e o voso traballo!

martes, 10 de xaneiro de 2023

Encontro con Ana Romero Masiá

Licenza CC BY-SA By Elisardojm
Seguimos aprendendo sobre o patrimonio material e inmaterial de Galicia, nesta ocasión será Ana Romero, académica e historiadora, quen compartirá co alumnado de 2º de EP, e todo aquel que queira seguilo por vídeo, cuestións relativas aos castros e ao contexto histórico destes. O encontro comezará ás 10:40h e nesta mesma entrada poderedes acceder ao vídeo en directo.

venres, 30 de decembro de 2022

Feliz 2023!

Hai unhas semanas os clubs de lectura do colexio recibiron o terceiro premio dos clubs de lectura escolares 21/22 do Ministerio de educación, aproveitamos a ocasión para felicitar tanto ao alumnado como ao profesorado mediador destes e para que, a través deste vídeo, os participantes vos animen a unirvos a un dos clubs que están a desenvolverse.

Feliz 2023!

martes, 18 de outubro de 2022

Continuamos un camiño iniciado hai anos

O pasado venres a biblioteca presentou á comunidade educativa o novo aspecto dos seus espazos. Aproveitamos a ocasión para que alumnado de 6ºde EP entrevistase á Judith Fernández Novoa, Directora Xeral de Ordenación e Innovación educativa, que respondeu ás cuestións planteadas polos nenos/as no novo estudio de radio.

mércores, 8 de xuño de 2022

Documental "O noso oceanográfico"

Hoxe é o Día Mundial dos océanos, xornada na que finalizamos o Proxecto Documental Integrado Mérgullate! No mes de outubro comezamos o traballo de investigación que desenvolveu todo o centro ata este mes de xuño. Aprendemos sobre fauna e flora mariña, a influencia dos mares e océanos na arte, que deportes se poden practicar neles, eventos na historia e algúns descubrimentos, a tecnoloxía que está a ser utilizada, seres mitolóxicos, entre outros moitos aspectos, como poderedes comprobar a continuación. Os ODS foron tamén un punto importante durante o curso e queremos ser partícipes da Axenda 2030.

Gustarianos presentarvos todo o que aprendemos de xeito presencial, compartindo unha xornada con toda a comunidade educativa, pero xa sabedes que as restricións de mesturar grupos e a cantidade de persoas que podían acceder ao centro, que se establecían no protocolo sanitario, levantáronse hai poucas semanas, e planificar un evento destas características precisaba dun período de tempo maior, polo que, como tiñamos previsto, presentámosvos o Documental "O noso oceanográfico", no que o alumnado explica parte do traballo e aprendizaxes que realizaron durante o curso, porque uns dos aspectos máis importantes deste tipo de proxectos é compartir coñecemento, aprendizaxe entre iguais e que todos os nenos/as saiban e coñezan sobre o que investigaron os demais, facer partícipes a toda a comunidade educativa do esforzo e tratamento da información que se fixo.

xoves, 12 de maio de 2022

Navegando pola Historia

Presentamos a liña de tempo que elaborou o alumnado de 2º de EP, aproveitando as preguntas presentadas no concurso "Mergúllate na información", sobre diversos acontecementos históricos relacionados co mar e os océanos. Esta liña actualizarase con achegas doutros cursos sobre fitos que consideraron de interese. Ademais incluiremos na liña do corredor de entrada ligazóns a esta información.

martes, 22 de marzo de 2022

Volcán submariño

Mañá comezan os VenreXperimentos de marzo, neste mes irá á biblioLab o alumnado dos grupos de 4º de Educación Primaria. Nesta ocasión veremos como inflúe a temperatura da auga na súa densidade, para comprobalo realizaremos un experimento no que reproduciremos un volcán submariño.

mércores, 30 de xuño de 2021

Emilia Rebelde

Unha das actividades finais que se realizou nas aulas, dentro do PDI "Paseando con Emilia", foi "Emilia Rebelde", unha proposta dentro do Proxecta "Conversando con Dona Emilia" de 5º e 6º. O xerme da actividade estivo na formación do profesorado con Paola Guimeráns e co programa "Introdución á robótica en Primaria", xa que utilizamos as placas Echidna Shield para facer un panel interactivo como produto final e complementario á obra de teatro lido "Conversando coa Emilia".

A continuación presentamos a proposta realizada:

martes, 22 de xuño de 2021

O que aprendemos!

As aulas de 6º de Educación Infantil, 1º, 2º, 5º e 6º de Educación Primaria prepararon uns vídeos nos que presentan o que aprenderon sobre Emilia Pardo Bazán ao longo do curso.

Son unha mostra dalgúns dos produtos que traballaron desde as aulas ademais da participación nas propostas que se promoveron desde a biblioteca. Nos próximos días colocaremos uns códigos na entrada do colexio para que poidades acceder aos recursos, xa que debido ao protocolo establecido no centro a causa da pandemia non foi posible que o propio alumnado explicase no propio colexio o que fixeron.

domingo, 13 de xuño de 2021

Visita virtual á Biblioteca de Estudos Locais

As clases de Educación Primaria poderán visitar esta semana a Biblioteca de Estudios Locais a través do vídeo que gravaron as bibliotecarias da Biblioteca Municipal de Los Rosales, coa colaboración da directora, Mª Milagros García, e o equipo de traballo da Biblioteca de Estudios Locais. Nesta visita poderedes coñecer os espazos, os recursos e algunha das obras que teñen de Emilia Pardo Bazán e de Marineda.

Agradecemos a colaboración de todo o equipo das Bibliotecas Municipais por achegarnos o seu traballo.

venres, 23 de abril de 2021

Día do Libro (actualizado)

Chegou o día no que celebramos o Día Mundial do Libro e o Dereito de Autor . Desde o equipo de biblioteca quixemos poñer en marcha tres iniciativas coas que pretendemos visibilizar a importancia dos libros nas nosas vidas.

Presentámosvos o resultado destas propostas que estivemos a desenvolver estas semanas e que permanecerán abertas a novas achegas que nos queiradees enviar nos próximos días. Agardamos que vos gusten e gocedes con elas. FELIZ DÍA DO LIBRO!

sábado, 27 de marzo de 2021

Unha semana con pingas de poesía

Rematamos a semana na que recibimos unhas pingas de poesía de diversos xeitos e con distintas iniciativas que se foron desenvolvendo.

Comezamos coa exposición de obras de poesía que montamos na entrada da biblioteca e coa queriamos visibilizar estas obras e favorecer a súa lectura.

domingo, 21 de marzo de 2021

Pingas de poesía

Vía accionpoetica.com

O 21 de marzo celébrase o Día da poesía, no que se conmemora "unha das formas máis apreciadas da expresión e identidade e lingüística da humanidade". Esta celebración promovida pola UNESCO vense realizando desde o ano 1999.

Esta semana queremos que haxa unhas pingas de poesía por todo o colexio, por isto non vos extranedes se na entrada ao centro ou dentro dos edificios de Educación Infantil e Primaria atopádesvos cunhas pingas multicolor que conteñen dentro algunha das poesías que escolleron as voluntarias/os da biblioteca. Para descubrilas teredes que utilizar a aplicación Assembler, no vídeo desta entrada vén explicado como descargala e escanear os códigos.

Continuaremos con esta semana adicada á poesía o martes, xa que visitará o colexio Dores Tembrás. Os nenos/as de 6º de E.P. participarán nuns obradoiros de Poesía+Graffitti. Recuperamos esta actividade, que quedou pendente hai un ano debido ao confinamento pola pandemia e coa que estamos devecendo "adentrarnos no misterio da linguaxe e a emoción".

domingo, 20 de decembro de 2020

Visita á Casa Museo Emilia Pardo Bazán

O Proxecto Documental Integrado "Paseando con Emilia" tiña que ter unha parada obrigatoria na casa da autora coruñesa, pero debido á pandemia coa que estamos a convivir non é posible que todos os nenos/as do noso centro acudisen durante este curso, pero non nos resignamos a que o alumnado do colexio se perdese a visita a Casa Museo Emilia Pardo Bazán.

Xulia Santiso e Patricia Angulo, directora e educadora da Casa Museo Emilia Pardo Bazán, prepararon unha visita moi especial para vós na que vos amosarán o fogar de Emilia e na que vos darán detalles sobre a súa vida e sobre algúns aspectos destacados do s.XIX. Agradecémoslles toda a súa axuda e colaboración no desenvolvemento deste proxecto. O luns ás 10h. todas as aulas do colexio visitarán de xeito virtual a casa na que naceu a protagonista do proxecto de investigación deste curso.

xoves, 17 de decembro de 2020

Encontro virtual con Diego Arboleda

Os nenos/as do club "Viaxeiros por papel" estiveron lendo a obra de Diego Arboleda e Raúl Sagospe "Prohibido leer a Lewis Carroll". Durante este período de tempo falaron sobre a historia, dialogaron sobre as personaxes e gozaron compartindo opinións sobre o libro. Contamos coa colaboración da Biblioteca Municipal de Los Rosales e das súas bibliotecarias, que prepararon este fermoso vídeo, colofón da primeira etapa do club, no que aparecen as nenas/os e tamén as mestras mediadoras.

xoves, 29 de outubro de 2020

Contos de medo polo Samaín

O Equipo de voluntarias/os da Biblioteca EPB elaborou uns contos de medo que queren compartir con todos vós e que poderán ser utilizados na Hora de ler de mañá. Este é un pequeno avance, a próxima semana publicaremos o resto de obras que crearon os nenos/as de 6º de E.P.

As funcións do equipo de voluntarios/as mudou, pero queremos que sigan implicados no desenvolvemento de actividades relacionadas coa biblioteca do seu colexio. Moitas grazas pola vosa implicación!