Amosando publicacións coa etiqueta concurso. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta concurso. Amosar todas as publicacións

domingo, 1 de marzo de 2026

CONCURSO PDI POESÍA - MES DE MARZO


Xa está aquí o concurso de marzo do noso PDI "Vivir na Coruña".

Esta vez pedímosvos que escribades un poema en galego, vendo as fotografías de A Coruña antiga que vos propocionamos. Buscade ideas nos libros que vos facilitamos. 

Poñede en xogo a vosa creatividade, emocións e poder de imaxinación. 

Deixamos abaixo as instrucións por cursos. 




Lápiz e papel a crear.

luns, 2 de febreiro de 2026

CONCURSO CORUÑÉS DO MES DE FEBREIRO

 


Boas, publicamos o concurso do mes de febreiro sobre o noso PDI "Vivir na Coruña". Atréveste?

Mira as fotografías destas mulleres e responde a estas preguntas segundo o nivel no que esteas:


INFANTIL: (1 tarefa)  coa axuda das vosas mestras, buscar os nomes e as fotografías destas mulleres e poñerlle o nome a cada imaxe. 


1º e 2º de primaria: (2 tarefas) coa axuda das vosas mestras, buscar os nomes e as fotografías destas mulleres e poñerlle o nome a cada imaxe + ordenar de máis antiga a máis actual estas mulleres. 


3º e 4º de primaria:  (3 tarefas) coa axuda das vosas mestras, buscar os nomes e as fotografías destas mulleres e poñerlle o nome a cada imaxe + ordenar de máis antiga a máis actual estas mulleres + dicir onde naceron estas mulleres e que teñen en común. 


5º e 6º de primaria: (4 tarefas): coa axuda das vosas mestras (so se é necesario), buscar os nomes e as fotografías destas mulleres e poñerlle o nome a cada imaxe + ordenar de máis antiga a máis actual estas mulleres + dicir onde naceron estas mulleres e que teñen en común + por que son importantes (o que lograron). 

Deixaremos na planta baixa do colexio a información onde indagar as respostas. 


Poderedes coller as follas de respostas directamente na vosa clase, preguntando aos vosos titores/titoras.

Poededes participar desde o venres 6 de febreiro ata o venres 27 de febreiro do 2026. 

ANIMÁDEVOS A PARTICIPAR!


martes, 20 de xaneiro de 2026

GAÑADOR E FINALISTAS CONCURSO LOGO DO PDI VIVIR NA CORUÑA




Xa temos gañador do CONCURSO DE LOGO para o PDI: "Vivir na Coruña" e tamén os dous finalistas. 

Noraboa a todos e todas os e as participantes! Tivo unha grande acollida e foi moi, pero moi difícil elixir.

Aquí vos deixamos o gañador e os dous finalistas. 

Ademais, no colexio, quedarán expostos os finalistas de cada clase. 

Grazas por participar! E pola caldade coa que realizades e elaborades as vosas creacións, raparigos e raparigas!

mércores, 10 de decembro de 2025

CONCURSO PARA ALUMNADO MES DE DECEMBRO PROXECTO "VIVIR NA CORUÑA"


ATENCIÓN! Ampliamos prazo para entregar o concurso: data límite: LUNS 12 DE XANEIRO DO 2026.

E aquí chegou tamén outro concurso, desta vez para o alumnado do noso centro. Trátase de investigar o nome destes edificios e de escribir por que teñen ese nome. 

Como o noso proxecto é "Vivir na Coruña" por suposto, estes edificios sitúanse na nosa cidade.

Así que, investigadores e investigadoras, tócavos a vós. 

Este concurso, para que todos e todas poidades participar, vai por categorías: 

INFANTIL: Debuxando os edificios, consultando as fotografías de guía.  

1º CICLO DE PRIMARIA - 1º E 2º: Buscar o nome do edificio.

2º CICLO DE PRIMARIA - 3º E 4º: Buscar o nome do edificio, dicir que é,  e dicir onde está na cidade.

3º CICLO DE PRIMARIA - 5º E 6º: Buscar o nome do edificio, dicir que é e por que recibe ese nome.

ONDE PODEDES CONSEGUIR O LIBRIÑO COAS FOTOGRAFÍAS DOS EDIFICIOS PARA RESPONDER? Pois no noso cole, na entrada, onde está o mural do noso Proxecto. 

ATA CANDO PODEDES ENTREGAR AS RESPOSTAS? Pois ata o LUNS 12 DE XANEIRO DO 2026 (prazo ampliado)

ONDE PODES ENTREGAR O LIBRIÑO COAS TÚAS RESPOSTAS? Na biblioteca a algún mestre/a do equipo de biblioteca. 

RECORDA POÑER O TEU NOME, APELIDOS E CURSO. 

GRAZAS A TOD@S POR PARTICIPAR!

martes, 9 de decembro de 2025

1º CONCURSO PARA ADULTOS DO NOSO PDI: VIVIR NA CORUÑA!

Chegou o 1º concurso do PDI "Vivir na Coruña" para adultos:

Atención! Prazo de entrega ampliado ata o LUNS 12 de XANEIRO do 2026.

Aquí vos deixamos a convocatoria para quen queira participar na categoría de adultos: toda a comunidade educativa está convidada (familias, persoal docente, persoal non docente).

PROPOSTA: buscar unha fotografía ou debuxar e escribir un recordo da infancia na nosa cidade da Coruña. E se descubriron a cidade máis tarde, conta como chegáches á esta cidade e por que segues aquí. 

PRAZO: podedes participar ata o próximo LUNS 12 DE XANEIRO DO 2026 (prazo ampliado). 

MODO DE PARTICIPACIÓN: dixital enviando a vosa proposta por email a: bibliotecaepb@gmail.com / ou en papel: recollendo o modelo guía en conserxaría e entregando tamén en conserxaría.

Esperamos as vosas participacións!

Vivir na Coruña... que bonito é!

luns, 24 de novembro de 2025

CONCURSO DE LOGO DO NOSO PROXECTO DESTE CURSO: VIVIR NA CORUÑA


Lanzamos o primeiro concurso do noso Proxecto Documental Integrado deste curso 2025-2026: VIVIR NA CORUÑA. 

Este primeiro concurso consiste en que o alumnado elabore un logo para o noso PDI. Xa nos chegou algún mensaxeiro/a nervioso/a, preguntando que "a ver cando se publicaba o concurso do logo". POIS XA CHEGOU!!!

Animádevos a participar, rapazada! Tedes ata o VENRES 12 DE DECEMBRO para participar. Xa sabedes, poñede esa imaxinación e creatividade a funcionar.

Unha vez recibamos todas as propostas, procederase á votación do logo e sairá un único logo gañador.

A DEBUXAR!

martes, 18 de novembro de 2025

V CONCURSO DE MICRORRELATOS 2025

Presentamos as obras seleccionadas no Concurso de Microrrelatos do 2025 nas categorías de Primeiros lectores (1º e 2º EP), Lectores Autónomos (3º e 4º EP) e Lectores Expertos (5º e 6º EP). 

Tamén vos deixamos un pequeno recordo da entrega de premios aos gañadores/as  que tivo lugar o pasado 11 de novembro no Salón de Usos Múltiples do edificio de Infantil.  

 PRIMEIROS LECTORES


 



LECTORES AUTÓNOMOS 




LECTORES EXPERTOS




MICRORRELATOS FINALISTAS:

 


Recordo da entrega de premios






luns, 12 de maio de 2025

Luces, cámara...pregunta!

Iniciamos a última fase do concurso no que estamos a investigar e aprender sobre o mundo cine a través deste concurso "Luces, cámara...pregunta!", dentro do Proxecto Documental Integrado "Un cole de cine". Neste mes de maio adicado ás Letras Galegas achegarémonos a autores/as homenaxeados/as e a súa relación co cinema. Estades preparadas/os!

martes, 22 de abril de 2025

Luces, cámara... pregunta!

No mes de marzo coñecemos a mulleres que están relacionadas co cinema, resaltando o papel da muller no seu desenvolvemento. Deste xeito, despois de observar as imaxes e as pistas que se deixaron no corredor de entrada, tivestes que descubrir o nome e apelido das mulleres presentadas, as profesións e lugar de nacemento de cada unha das mulleres e algunha das películas nas que participou cada unha das mulleres.




martes, 11 de marzo de 2025

Luces, cámara... pregunta!

No mes de marzo seguimos investigando e aprendendo sobre o mundo cine a través do concurso "Luces, cámara...pregunta!", dentro do Proxecto Documental Integrado "Un cole de cine". Neste mes coñeceremos a mulleres que están relacionadas co cinema, resaltando o papel da muller no seu desenvolvemento.

luns, 10 de febreiro de 2025

Luces, cámara...pregunta!

No mes de febreiro continuamos con "Luces, cámara...pregunta!" no que, dentro do Proxecto Documental Integrado "Un cole de cine", estamos a aprender sobre diferentes cuestións sobre o cinema. Neste mes veremos algúns dos eventos que festexan a produción de cinema como son os festivais de cine.

luns, 13 de xaneiro de 2025

Luces, cámara...pregunta!

Neste ano continuamos co concurso "Luces, cámara...pregunta!" no que, dentro do Proxecto Documental Integrado "Un cole de cine", estamos a aprender sobre diferentes cuestións sobre o cinema. Neste mes veremos a algunhas persoas que, desde a súa profesión, contribuíron ao desenvolvemento do cinema. Nesta ocasión teredes que ordenar e emparellar as imaxes de cada persoa co seu nome, profesión e película relacionada.

luns, 16 de decembro de 2024

Luces, cámara...pregunta!

Xa temos ás novas gañadoras/es do concurso do mes de decembro, lembrade pasarvos pola biblioteca para coller o voso libro e desfrutar del no Nadal. En xaneiro publicaremos unha nova edición de "Luces, cámara...pregunta". Xa están publicadas as respostas no corredor do colexio e tamén nesta entrada.

luns, 2 de decembro de 2024

Luces, cámara...pregunta!

Rematado o mes de novembro publicamos as respostas correctas ás cuestións que planteamos nesta primeira ronda do concurso, o solucionario está no final desta entrada. Todos os que participastes podedes pasar pola biblioteca para comprobar se as vosas respostas foron correctas e recoller o voso agasallo.

Aproveitamos para anunciar que xa podedes participar na ronda do mes de decembro. Neste mes teredes que procurar as imaxes expostas no corredor de entrada (cada unha cun número para identificalas) e teredes que utilizar a folla de respostas, que poderedes coller en calquera dos espazos da biblioteca e responder ás preguntas que se plantean. Este mes están relacionadas coa literatura e o mundo do cine.Presentamos a personaxes de películas de animación que xurdiron dun libro, para posteriormente transformarse nunha obra audiovisual. Para participar no concurso teredes que atopar primeiro o nome da personaxe, logo o título do libro (todos están na biblioteca), o título da película e o por último o nome do autor/a do libro.

luns, 11 de novembro de 2024

Luces, cámara...pregunta!

Comeza o concurso "Luces, cámara...pregunta!" no que, dentro do Proxecto Documental Integrado "Un cole de cine", aprenderemos sobre diferentes cuestións sobre o cinema. Neste mes, coincidindo con "Novembro mes da ciencia en galego", a actividade consistirá en ordenar e emparellar o aparato que se utilizaba no cine ou no precine co seu nome, a persoa que o creou e o ano no que o fixo.

venres, 8 de novembro de 2024

Concurso de Microrrelatos 2024

Presentamos as obras seleccionadas no Concurso de Microrrelatos de 2024 nas categorías de Ilustración (Educación Infantil), Primeiros lectores (1º e 2ºEP), Lectores autónomos (3 e 4ºEP) e Lectores Expertos (5º e 6ºEP). A entrega dos premios ás gañadoras /es realizarase o próximo luns 11 de novembro no Salón de Usos Múltiples do centro ás 12h., na que se incluirá a lectura das obras gañadoras pola súa autora.

mércores, 16 de outubro de 2024

Concurso microrrelatos Día das escritoras

O próximo 16 de outubro conmemoraremos o Día das escritoras, que estiveron de celebración o luns 14 de outubro. Por este motivo, queremos convidarvos a que participedes nesta IV edición do concurso de escritura creativa de microrrelatos, o alumnado escribiraos durante a xornada escolar, o resto da comunidade educativa poderá entregalos, a través do correo bibliotecaepb@gmail.com, ata o día 25 de outubro.

Nesta entrada tedes as bases de participación, que está aberta a todos os membros da comunidade educativa. O texto deberá incluír a frase dun artigo de Emilia Pardo Bazán, que nesta edición é "O público descálzase de risa ou pásmase de admiración" (Fragmento tirado dun artigo escrito por Emilia Pardo Bazán no nº 1406 de “La Ilustración artística” na sección “La vida contemporánea” -1908-).

luns, 23 de outubro de 2023

Concurso Día das Escritoras 2023



No mes de setembro presentamos o concurso de microrrelatos con motivo do Día das escritoras e que pechamos o 6 de outubro.

Nesta entrada tedes as obras seleccionadas para cada unha das categorías e a totalidade das obras presentadas ao concurso.

Lembrade que nesta lista de libros e xogos da biblioteca podedes seguir aprendendo e xogando coa escritura creativa.

Moitas grazas pola vosa participación!

luns, 25 de setembro de 2023

Concurso de Microrrelatos

O próximo 16 de outubro celebraremos o Día das escritoras. Por este motivo, antes de que abramos o próximo luns 2 de outubro, queremos convidarvos a que participedes nesta edición do concurso de escritura creativa de microrrelatos. Nesta entrada tedes as bases de participación, que está aberta a toda a comunidade educativa. O texto deberá incluír a frase dunha obra de Emilia Pardo Bazán, nesta edición "...despois de merendar baixo uns castiñeiros remendados..." (Fragmento tirado do conto “So tierra”).

domingo, 28 de maio de 2023

Final do concurso "As nosas Letras"

A pasada semana foi a última do concurso das Nosas Letras, estas foron as respostas correctas ás preguntas, que estiveron relacionadas coa fraseoloxía, que se propuxeron.