Amosando publicacións coa etiqueta ODS. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta ODS. Amosar todas as publicacións

xoves, 18 de decembro de 2025

PROGRAMA DE RADIO DECEMBRO 2025

 Boas!

Hoxe vimos compartir o noso primeiro programa de radio do curso. O que coincide coas datas máxicas do Nadal. Tamén vos queremos contar que tivemos a grande sorte de participar nas Xornadas de "Radio na Biblio" que tiveron lugar hoxe, xoves 18 de decembro do 2025 en Santiago e ás que foron parte do alumnado de 5ºEP, que este ano, se formará na radio para comezar a elaborar proxectos e seguir estes en 6ºEP.

O mundo da radiofonía é un mundo máxico, que che permite facer chegar esas ideas, creacións e imaxinación da rapazada coma se fosen estrelas que alumean aos oíntes a través dun único canal: a voz.

E, sen máis detalles, vos deixamos  unhas fotografías na xornada de "Radio na Biblio" que vivimos e ao final desta publicación, tamén, por suposto, o noso primeiro programa de radio para que o poidades escoitar.







Ata pronto, lectores e lectoras! 

xoves, 24 de outubro de 2024

Un cole de cine

O Proxecto Documental Integrado este curso estará enfocado na investigación sobre diferentes aspectos relacionados co cine, así o nome co que nos identificaremos será “Un cole de cine”, como cursos pasados seguiremos achegándonos aos ODS2030. 

Estamos colocando a exposición permanente no corredor de entrada ao centro coas obras relacionadas co tema, que iremos actualizando ao longo do curso, así como os recursos seleccionados na web aos que iremos sumando novas referencias durante o desenvovemento do proxecto.

Nas aulas apareceron unhas caxiñas con entradas que conteñen a presentación do proxecto e coas propostas que realizamos para comezar a aprender sobre o cine.

venres, 22 de marzo de 2024

Obradoiros de poesía con Dores Tembrás

O alumnado de 6ºEP estivo o venres experimentando coa poesía con Dores Tembrás a través do obradoiro de "Poesía e Grafitti" exploraron este xénero literario e tamén as súas emocións nunha xornada na que este xénero literario engaiolou a alumnado e profesorado.

Encontro con Antonio Sandoval

O mércores desta semana aprendemos con Antonio Sandoval sobre as aves da nosa contorna e coñecímolo un pouco mellor coa entrevista que lle fixo o alumnado de 6º de EP.

martes, 12 de marzo de 2024

Primavera poética

Comezamos a celebración do Día da poesía con varias accións nas que trataremos dar visibilidade e fomentar a lectura e escritura deste xénero literario.

Xa tedes na entrada da biblioteca expostos diversos fondos para todos os lectores/as que nos achegan á poesía. Lembrade que en todas as caixas de Tédelos que coñecer! hai poemarios adaptados ás vosas idades.

mércores, 21 de febreiro de 2024

Encontro con Angélica Sátiro

Xornada compartida con Angélica Sátiro no colexio, visitounos para compartir con alumnado e profesorado os seus coñecementos sobre filosofía e sobre o fomento da creatividade. Pola mañá estivo co alumnado de 5º de EP para que lle fixesen unha entrevista, previamente prepararon o encontro cunha serie de cuestións que lles pareceron de interese despois de coñecer a biografía e traballos de Angélica. Esta entrevista a poderedes escoitar na próxima edición de Onda Ti, que se publicará o venres 22 de marzo.

mércores, 31 de xaneiro de 2024

Alto ao lume!

O 30 de xaneiro celebramos o Día Escolar da Non violencia e a Paz, no que, ademais das diversas propostas que xurdiron desde o EACE e EDLG, quixemos promover a importancia de protexer os bosques fronte á violencia provocada polo ser humano contra eles, como son os incendios. Fixemos unha escolla de títulos de ficción e non ficción, dirixidos a todo o alumnado, no que se tratase este tema e que foron expostos na entrada da biblioteca durante estes días. Ademais recibimos a Ángela, nai dun alumno do centro, que estivo explicando as diferentes especies que viven nos bosques de Galicia, a importancia de protexelas e distintas medidas de protección e medidas de seguridade para que os incendios non se propaguen e dañen a vida nos bosques e montes de Galicia.

luns, 27 de novembro de 2023

Obradoiros do PDI Paisaxes encantadas

A semana pasada comezaron os obradoiros do PDI Paisaxes encantadas, nas que poderán participar todos os cursos do centro. Estes desenvolveranse nos espazos da biblioteca, para tratar de achegarnos, a través de diversos recursos aos bosques e montes de Galicia, por medio actividades de procura de información e consulta de diversas fontes, tamén acompañadas doutras actividades relacionadas coa parte máis creativa da biblioteca, co que combinaremos a formación de usuario na procura e tratamento da información coa creatividade do alumnado.

venres, 3 de novembro de 2023

Oubeos na biblioteca

O pasado martes visitou o colexio Francisco J. Lema, de profesión veterinario e experto no mundo do lobo en Galicia. A xornada comezou cun encontro co alumnado de 6º de EP no que descubriron moitas das curiosidades que lles contou o noso convidado e a realidade do animal nos montes e bosques de Galicia, tamén puideron comprobar, con mostras e vídeos que nos trouxo, como son e como se moven os lobos.

luns, 23 de outubro de 2023

Paisaxes encantadas

Este curso desenvolverase no colexio o Proxecto Documental Integrado “Paisaxes encantadas”, no que investigaremos e aprenderemos sobre os bosques e montes de Galicia, aproveitando o tema tamén seguiremos achegándonos aos ODS2030. Xa está montada a exposición permanente no corredor de entrada ao centro coas obras relacionadas co tema e tamén os recursos seleccionados na web e que irán medrando ao longo do curso. Como comezo do proxectonas aulas apareceron estas caixas que contiñan un elemento natural e a pegada dun animal dos bosques e montes, que recibimos desde unha localización descoñecida xunto con este vídeo no que se nos pide axuda.

martes, 20 de xuño de 2023

Onda Ti episodio 3

Remata a 4ª temporada de Onda Ti gravada integramente no novo estudio. Neste último programa do curso poderedes escoitar en primicia os audios das diversas seccións do programa e ademais a música do Coro das emocións. Preparados para desfrutar de case 90' de radio?

luns, 8 de maio de 2023

Obradoiros compartidos

O pasado venres 5 de maio visitou o noso centro o alumnado de 5ºEP do CEIP Bergantiños (Carballo). Neste encontro que compartiron co alumnado de 5º e 6º de EP diversas actividades que se realizaron na biblioteca e nunha aula de 6º de EP.

xoves, 4 de maio de 2023

Radio na Biblio

Presentamos os podcast que realizou o alumnado e profesorado dos grupos de 4º e 5º de EP xunto co  equipo de Laboratorio de radio, grazas á colaboración de Axuda en Acción e ao programa Radio na Biblio. Atoparedes moitos datos e curiosidades sobre o patrimonio material e inmaterial de Galicia, a través da información que foron recollendo e nas entrevistas que desenvolveron coas diferentes convidadas/os que se achegaron ao estudio de Emilia na Onda. Este curso ademais desenvolveron algunhas das entrevistas no museo MUNCYT da Coruña, ao cal agradecemos a súa acollida.

Este traballo coa radio como medio serviulle ao alumnado para desenvolver o traballo en equipo, diversos contidos do currículo das diferentes áreas, procurar información, analizala, transmitila, pero sobre todo para gozar facendo radio xuntos desde o colexio. Grazas a todas as persoas convidadas que colaboraron no desenvolvemento destas pezas e parabéns para o alumnado, profesorado e ao equipo de Laboratorio de radio.

venres, 31 de marzo de 2023

Onda Ti episodio 2

Finaliza o segundo trimestre e chega o segundo episodio da 4ª temporada de Onda Ti, xa chegamos ao programa número vinte! Nestes meses no estudio de Emilia na Onda fomos gravando e realizando diversas gravacións que nalgúns casos xa foron sendo publicadas na canle, pero noutros poderedes escoitalas por primeira vez neste programa. Atentos/as porque vos agardan seccións coas que esperamos que desfrutedes. 

venres, 24 de febreiro de 2023

Encontro na biblioteca

O alumnado de 5º de EP aprenderá sobre unha profesión con grande arraigamento en Galicia, como é a de pescador. Así volveremos a escoitar a Rogelio Santos Quiruga, que máis aló do seu labor de concienciación en redes, é quen de transmitir o amor pola súa profesión e tamén pola conservación do medio ambiente, facendo compatibles ambas. Se tedes a oportunidade non podedes perdervos a entrevista que lle fixo o alumnado o pasado curso.

 

Feliz venres!

 

martes, 31 de xaneiro de 2023

Encontro con Xesús Fraga

A emigración nos diversos períodos da historia de Galicia tamén forma parte do noso patrimonio inmaterial, así teremos a Xesús Fraga, xornalista e escritor (premio nacional de narrativa en 2021). Compartirá co alumnado de 4º de EP, e todo aquel que queira seguilo por vídeo en directo, cuestións relativas á emigración e as súas vivivencias e das familiares relativas a ela. O encontro comezará ás 12:20h, previamente o alumnado de 6ºEP realizaralle unha entrevista no estudio de Emilia na Onda. Nesta entrada poderedes seguir o encontro.

luns, 30 de xaneiro de 2023

A emigración galega

Hoxe, 30 de xaneiro celébrase o Día Escolar da Non violencia e a Paz, no que, ademais das diversas propostas que xurdiron desde o EACE e EDLG, quixemos promover a influencia que tivo en Galicia a emigración, no que, por motivos de guerra, económicos, entre outros, moita poboación tivo que abandonar a súa terra, como actualmente sucede noutros países ou rexións do planeta. Podedes ler algunhas das "Historias de ida e volta" do Consello da Cultura Galega.

Ademais da exposición de fondos relacionados co tema para todas as idades, o alumnado recreou diversas imaxes relacionadas coa emigración nas que tiveron que integrarse tanto nas emocións que se transmitían nelas como na indumentaria. Nesta entrada iranse publicando as fotografías que se vaian realizando.

Mañá ás 12h recibiremos na biblioteca ao Premio Nacional de Literatura Xesús Fraga, na que nos falará de primeira man do que supuxo e do que supón a emigración en Galicia, mañá activarase unha entrada na que se poderá seguir o encontro en directo. O alumnado de 6ºEP faralle unha entrevista no estudio de radio de Emilia na Onda.

martes, 10 de xaneiro de 2023

Encontro con Ana Romero Masiá

Licenza CC BY-SA By Elisardojm
Seguimos aprendendo sobre o patrimonio material e inmaterial de Galicia, nesta ocasión será Ana Romero, académica e historiadora, quen compartirá co alumnado de 2º de EP, e todo aquel que queira seguilo por vídeo, cuestións relativas aos castros e ao contexto histórico destes. O encontro comezará ás 10:40h e nesta mesma entrada poderedes acceder ao vídeo en directo.

Obradoiros Galeguízate!

Foto de Tim Gouw en Unsplash
 
Esta semana comezaron os obradoiros do PDI Galeguízate!, que se desenvolven nos espazos da biblioteca, para tratar de achegarnos, a través de diversos recursos ao patrimonio material e inmaterial de Galicia.

xoves, 22 de decembro de 2022

Volve Onda Ti - T4

Comeza a 4ª temporada de Onda Ti, o programa no que condensamos moitos dos produtos radiofónicos que imos producindo durante o trimestre no estudio de Emilia na Onda, e con ela a continuación de seccións xa tradicionais, mais tamén o inicio doutras que de seguro que vos parecerán moi interesantes.