venres, 20 de decembro de 2024

Onda Ti navega nas ondas

Comezamos a sexta temporada de Onda Ti, xa queda un pouco lonxe o nacemento do programa en pleno confinamento, pero durante este tempo asistimos a unha evolución desta peza, na que cada vez toma máis protagonismo o alumnado e que facemos coa mesma ilusión que no 2020. No episodio que inaugura esta temporada  publicamos moitos dos produtos radiofónicos que imos gravando durante o trimestre no estudio de Emilia na Onda, atoparemos seccións tradicionais desde hai un lustro, nas que as vosas voces son o máis importante.Comezaremos co alumnado de 6ºEP practicando o seu inglés na sección de  "The book nook". Iniciaremos os monográficos relacionados co Proxecto Documental Integrado "Un cole de cine" que realiza o alumnado de 3ºC de Educación Primaria nos que nos mostrarán os resultados da súa investigación sobre o cinema, nesta ocasión faremos un percorrido pola historia. Os voluntarios da biblioteca saíron ao patio a preguntar á comunidade escolar sobre o mundo dos libros, se queredes escoitar as respostas teredes que prestar atención a unha nova peza de "Voluntarios en acción". A mestra Mar, xunto coa súa clase de 6º de Educación Infantil, convídanos a visitar "El jardín de Juanita", na que teremos a intervención de Mar Flexas, oceanógrafa que estivo a traballar na NASA. Neste trimestre as escritoras tiveron o seu día e para celebralo convocamos o Concurso de microrrelatos, así durante o programa iredes escoitando a lectura dos microrrelatos premiados no concurso por parte das súas autoras/es. 

Outro dos espazos que xa se está convertindo en tradicional é "O conto que vai e vén" que realizamos en colaboración co IES Salvador de Madariaga (A Coruña), nesta edición de decembro vai o inicio do conto.

O percorrido polo programa seguirá coa entrevista que lle fixo o alumnado de 6ºEP á médico militar Mª Dolores Muñoz, que nos contou diversos aspectos sobre a súa profesión e sobre a estancia que tivo no 2014 na Antártida, dentro do proxecto Etwinning Environmental Education and Antarctica. A continuación o alumnado de 2ºC contaranos un conto de medo que realizaron polo Samaín. Lilí e Clara, bibliotecarias da BM Los Rosales, achégannos algunhas recomendacións para este Nadal, na tradicional sección de "Na onda dos libros". Remataremos con "Temos unha mensaxe de..." As presentacións, seguindo a escaleta do programa, realizouna o alumnado de 6ºB de EP.

 

Lembrade que a partires da mes de xaneiro iranse publicando os diversos audios do programa de xeito individual nas distintas seccións da canle en Ivoox. Agora gozade durante as vacacións deste primeiro episodio da nova temporada de Onda Ti!

Ningún comentario:

Publicar un comentario