xoves, 24 de outubro de 2024

Un cole de cine

O Proxecto Documental Integrado este curso estará enfocado na investigación sobre diferentes aspectos relacionados co cine, así o nome co que nos identificaremos será “Un cole de cine”, como cursos pasados seguiremos achegándonos aos ODS2030. 

Estamos colocando a exposición permanente no corredor de entrada ao centro coas obras relacionadas co tema, que iremos actualizando ao longo do curso, así como os recursos seleccionados na web aos que iremos sumando novas referencias durante o desenvovemento do proxecto.

Nas aulas apareceron unhas caxiñas con entradas que conteñen a presentación do proxecto e coas propostas que realizamos para comezar a aprender sobre o cine.

Desde comezo de curso nas entradas e saídas estivemos escoitando música de películas de cine, xa que este ano somos “Un cole de cine” así comezamos o proxecto deste curso, no que aprenderemos investigando sobre o cine. Que é o cine? Como evolucionou ao longo da historia? Que profesionais traballan na elaboración dunha película? Como comezou e como é na actualidade o cine en Galicia? Que relación ten o cine con outras artes? Estas son algunhas das preguntas que trataremos de responder durante a investigación, así como calquera outras que vos vaian xurdindo ao longo do proceso. Partiremos do máis próximo ata chegar o máis lonxe posible.

A primeira actividade que vos propoñemos é que faledes na clase sobre o que sabedes sobre cine, que aspectos vos gustaría coñecer dos que sabedes pouco o nada, apuntádeos para que vos sirvan de axuda durante o curso, se nolos dicides os iremos colocando polo colexio para que outros nenos/as tamén poidan aprender.
A segunda actividade que podedes realizar é o aparato precine que acompaña esta carta e que investiguedes sobre algún elemento tecnolóxico do precine.

As opcións que demos e que se queredes podedes construír na casa son:

FENAQUITISCOPIO

FLIPBOOK

TAUMATROPO

ZOÓTROPO

Traballando coa información e co texto instrutivo para empezar aprendendo.

A terceira actividade será que nos podedes enviar o voso deseño do logotipo para o proxecto, lembrade que ten que ser con formas sinxelas, ten que incluir o nome do proxecto e respectar o formato que se vos facilita.

Como sempre, solicitamos a participación de toda a comunidade educativa, por este motivo queremos pedirvos de novo a vosa colaboración, que pode ser de formas diversas: achegando algunha iniciativa ou experiencia relacionada co ámbito audiovisual que lle poida servir ao alumnado para centrar e enriquecer a súa procura, contando vivencias próximas relacionadas co tema ou doutro xeito que pensedes que pode ser de interese para o alumado. Tamén podería servir algún elemento que poida servir para enriquecer a exposición con material relacionado co cine. Se tedes algunha proposta podedes trasladarlla ao titor/a do voso fillo/a, a través do correo do centro ceip.emilia.pardo.corunha@edu.xunta.gal ou directamente ao equipo de biblioteca: bibliotecaepb@gmail.com

SEXAMOS UN COLE DE CINE!

Ningún comentario:

Publicar un comentario