venres, 18 de marzo de 2022

Chegou Koha!

Nestes últimos meses estivemos preparando a migración a un novo programa de xestión de fondos. Como xa veredes na columna da dereita aparece un novo logotipo, que substitúe ao do antigo programa Meiga. Desde o punto de vista de usuario haberá poucos cambios, un deles será a substitución, xa en marcha, dos carnés, agardamos que nas próximas semanas estean listos, e outro é o cambio da plataforma na que se procuraban os fondos.

Se picades na imaxe da dereita "Consulta o catálogo" entraredes na páxina que contén o catálogo da biblioteca, ademais de ter unha estética máis moderna e intuitiva que a anterior, tamén nos permite facer recomendacións un pouco máis extensas das que mostramos nos andeis dos expositores do centro e que se poden consultar con calma desde a casa. Actualmente están publicadas as recomendacións de poesía e sempre estarán activas as últimas novidades que entren a formar parte dos fondos da biblioteca.

Tamén podedes procurar os libros que temos e se están dispoñibles para o préstamo, isto o podedes facer desde a caixa situada na parte superior da páxina, tendo a posibilidade de procurar por título, autor/a...
 

Outra opción é facer a busca por xerarquía, na que, seguindo a CDU, atoparedes o libro polas distintas seccións.

E por último, poderedes facer unha busca avanzada combinando diversos criterios como o idioma, a idade á que vai dirixido, ano de publicación, editorial...

Nos próximos meses trataremos de realizar uns materiais que vos sirvan para acceder de xeito amigable a este novo recurso.

Ningún comentario:

Publicar un comentario