Chegando ao final do curso, as mestras que levaron a cabo o club de ficción dixital Andrea e María queren facer un balance.
Neste curso comezaron buscando obxectos e persoas no mundo en branco e negro de Hidden Folks.Axudaron a uns pequenos insectos a derrotar ao Mal e a salvar o seu mundo en Botanicula. Tocou despois resolver moitos acertixos que recordaban algún conto clásico en Gnog.
Escapóuselles unha lágrima acompañando a Old Man na súa emotiva viaxe en busca do seu pasado... Polo medio, tentaron sobrevivir como puideron a Superhexagon (din os asistentes ao club).
Fixeron moitas flexións cun cativo en My exercise. E remataron axudando ao traste de Milo a volver á súa casa, enfrontando as súas terribles enimigas as pegas.
Todo isto acompañado de moita charla sobre como lles fala o xogo, que historia conta, como son os protagonistas... Porque, como dixeron ao principio: "QUEREMOS XOGAR POR XOGAR, PERO AO NOSO XEITO" cunha mirada crítica que busque superpoñer a calidade sobre o comercial e que deixe claro que xogar xuntos é moito máis divertido que sos.
Vémonos o vindeiro curso!
Ningún comentario:
Publicar un comentario