venres, 20 de maio de 2022

Corazón de poetas

A poesía foi a protagonista da xornada de onte no encontro do club de lectura das Bolboretas lectoras. Estiveron acompañadas nesta ocasión polas bibliotecarias municipais Lilí e Ana, que foron as encargadas de introducir, con diversos recursos, os libros de poesía.

Na sesión léronse moitos poemas e as bibliotecarias confeccionaron unha rede con diferentes tipos de composicións de carácter poético, como os haikus, as adiviñas, os acrósticos, os caligramas, entre outros. Esta rede foi proxectándose para que todas as participantes puidesen colaborar e gozar coa composición.

Ademais, as bibliotecarias entregaron un agasallo para que todas as bolboretas lectoras puidesen expresarse e escribir novos poemas que perdurasen no tempo e na súa memoria. Tamén se entregou "Corazón de pájaro" escrito por Mar Benegas, ilustrado por Rachel Caiano e editado por Akiara. Este será o libro, que ten como centro a poesía e o amor, que peche este curso os encontros deste club de lectura.

 


Ningún comentario:

Publicar un comentario