Co novo ano queremos anunciar unha nova proposta dirixida ás familias dentro do programa "Lectura e Familia", definímola como "Conexión familiar: atopa respostas ás túas preguntas". Nesta acción poñeremos a disposición de todas as familias do noso centro mochilas temáticas con fondos que acheguen información sobre diferentes aspectos, que esperamos que poidan servos de utilidade. As primeiras mochilas que poñeremos a disposición da comunidade educativa para o empréstito serán as que aborden os temas de Trastorno de Espectro Autista, Trastorno de déficit de atención e hiperactividade, Altas capacidades intelectuais e Conduta e disciplina positiva. A selección dos recursos foi realizada polo Departamento de orientación en colaboración co equipo de biblioteca.
luns, 8 de xaneiro de 2024
Conexión familiar
xoves, 21 de decembro de 2023
Onda Ti nas ondas
Iniciamos unha nova temporada de Onda Ti, e xa imos pola quinta! Neste programa, no que publicamos moitos dos produtos radiofónicos que imos producindo durante o trimestre no estudio de Emilia na Onda, atoparemos seccións tradicionais desde hai un lustro e que continuamos coas vosas voces.
Tardes na biblioteca
Neste mes foron finalizando e comezando lecturas diversas os diferentes clubs de lectura que se desenvolven na biblioteca.
Os viaxeiros por papel lerán unha nova versión poética do conto de Carapuchiña vermella co libro "La noche de la visita". Os BookClub visitaron Londres, mentres Papalibros rematou o cómic de "El árbol que crecía en mi pared" e as Bolboretas Lectoras comezaron "La guerra de Catherine".
Pola súa parte, o alumnado participante en ENRE2 EPB rematou o xogo de Botánicula e no mes de xaneiro comezaremos cunha nova obra.
En diálogos filosóficos continuaron coa construción dunha nova mirada a través das súas conversas.
Nestas presentacións poderedes ver algunhas imaxes dos encontros.
mércores, 20 de decembro de 2023
Venres de decembro
O venres da semana pasada rematamos os experimentos deste mes, nos que o alumnado de 4ºEP investigou sobre a electricidade e os circuítos na actividade da postal luminosa, coa que nestas datas agasallarán a alguén. Na columna da esquerda tedes as instrucións de todos os VenreXperimentos que realizamos ata agora, por se os queredes replicalos nas vosas casas.
Mirade como iluminan estas postais...
Historias para descubrir os bosques
Presentamos a guía de lectura do mes de decembro, na que propoñemos libros que consideramos interesantes pola súa calidade e por estar relacionados co PDI "Paisaxes encantadas", lembrade que tedes a selección de obras do proxecto na páxina web que acolle o noso catálogo. Atoparedes obras para todos os niveis de lectura, de ficción e de non ficción. Lembrade que están clasificados igual que na biblioteca, os de fondo azul son para prelectores, vermello para primeiros lectores, verde para lectores autónomos e amarelo para lectores expertos. Incluímos tamén obras de ficción dixital que nos parece interesante que sexan coñecidas
martes, 5 de decembro de 2023
Visita de Rosa Aneiros
O pasado venres Viaxeiros por papel recibiu a visita de Rosa Aneiros!!! A autora de "Catro plumas de dinosauro" contou como se lle ocurriu a historia e moitas cousas máis no encontro que tivo co alumnado de 4ºEP participante no club de lectura. Moitas grazas!!!!







