Legoalimentos en Emilia na onda
Durante o primeiro trimestre comezamos cuns obradoiros relacionados co PDI Sabor e Saber, que continúan neste segundo trimestre. Un deles é Legoalimentos que consiste en procurar información sobre un alimento.

Os nenos/as traballan en pequeno grupo na BiblioLab. Primeiro reciben unha tarxeta cun dato sobre o alimento agachado e a páxina do libro do que foi extraída esa información. A continuación teñen que atopar o libro nos andeis da BiblioLab, ler na páxina indicada e descubrir de que alimento está a falar a tarxeta. Co nome do alimento completan os datos máis interesantes como o nome científico, descrición, características e curiosidades, indicando as fontes das que extraeron a información, para iso teñen á súa disposición diversos fondos da exposición do proxecto e os ordenadores de consulta da BiblioLab.

Rematada a fase na que investigan, deseñan con pezas lego alimento que lles tocou na tarxeta. Rematado o deseño xuntos elaboran no panel ou nas placas a representación do alimento en cuestión.
Posteriormente preparan na aula co seu titor/a a comunicación da investigación realizada, para podela gravar no estudio de Emilia na onda e que forme parte dos podcast de Legoalimentos. Para finalizar, distribuiremos as imaxes destes alimentos polos corredores e entradas do centro para que poidan ser escaneados e acceder cos dispositivos móbiles aos distintos episodios de Legoalimentos.
Xa temos os dous primeiros episodios nos que nos falan sobre a pataca e o arroz, hai máis grupos e alimentos preparando a información para o podcast. Estade atentos á nosa emisora!
Ningún comentario:
Publicar un comentario