xoves, 28 de novembro de 2019

Obradoiros "Sabor e saber"

Photo by Marc Szeglat on Unsplash
Neste mes comezamos na BiblioLab unha serie de obradoiros nos que estamos relacionar os alimentos con outros aspectos como a ciencia, a investigación ou a arte.
Estanse a desenvolver catro experiencias:
- O volcán ácedo
- Alimentos con enerxía
- Legoalimentos
- Alimentos de papel
Nesta entrada presentamos o desenvolvemento do Volcán ácedo. Tamén aproveitamos para anunciar que en próximas semanas compartiremos esta experiencia con outro centro educativo da contorna a través de videoconferencia.
Con este experimento queriamos que coñecesen que os alimentos poden ser o desencadenante dunha reacción química e a presenza na vida real. Ao mesmo tempo tamén pretendiamos que fosen quen de localizar unha información determinada nun texto, que recoñecesen a funcionalidade das instrucións, fomentar a observación e que fosen capaces de recoller esta información, de realizar conxeturas ou hipóteses e de obter conclusións sinxelas.
A actividade desenvolveuse na BiblioLab e o material utilizado foi:
- unha bandeixa
- un limón
- un coitelo
- un garfo
- un vaso
- xabrón líquido
- bicarbonato sódico
- colorante alimentario
O proceso comezou cunha demostración por parte do mestre na mesa de luz e na que non se usou colorante alimentario, neste momento fomentouse a observación e a formulación de hipóteses en canto ao que crían que ía suceder.
A continuación, en parellas ou tríos, utilizando as instrucións que deixamos nas mesas replicaron o experimento. Finalmente, describiron o que observaron na mesma folla de instrucións.
No vídeo podemos ver a demostración e imaxes do labor dos nenos/as.
 



Seguimos aprendendo cos alimentos!

Ningún comentario:

Publicar un comentario