luns, 15 de setembro de 2025

Apertura de inscrición aos Clubs de Lectura e Diálogos Creativos


Este curso seguimos desenvolvendo actividades relacionadas coa lectura, o pensamento computacional e o pensamento creativo en horario extraescolar polas tardes.

Presentámosvos os diferentes Clubs de Lectura e Diálogos aos que poderedes inscribirvos o alumnado de 4ºEP, 5ºEP e 6ºEP. A continuación tedes toda a información de cada unha destas actividades organizadas dependendo o curso no que esteades este ano.

Esta preinscrición deberá confirmarse coa entrega do formulario de inscrición que vos  entregará a mestra mediadora dos respectivos clubs. 

Esta entrada actualizarase periodicamente para informar dos clubs que esgotaron xa as súas prazas.

sábado, 13 de setembro de 2025

XA ESTAMOS DE VOLTA !

Xa estamos de volta para o curso 2025 - 2026. 


E como xa é costume, celebramos o 1º día da volta ao cole con diferentes actividades, sendo unhas destas o recuncho de lectura, o de xogos de lóxica e creativos, e tamén o espazo de realidade aumentada. 

Aquí vos deixamos unhas fotografías do que vivimos este pasado luns. 

Mentres tanto, a biblioteca estase a preparar e organizar para poder abrir as súas portas o próximo luns 13 de outubro. Mentres tanto, tedes as bibliotecas de aula con libros moi interesantes e pronto chegarán as caixas trimestrais de "Tédelos que coñecer!" cunha variedade de libros que fará que estas semanas pasen máis rápido.


Estas semanas e as próximas semanas levaranse a cabo as formacións de usuarios dos grupos de voluntarios/as da biblioteca, do profesorado e do alumnado de nova incorporación para que todos e todas poidamos coñecer o funcionamento da biblioteca.

E non esquezades que este luns 15 de setembro ás 20:00 tedes unha tarefa: INSCRIBIRVOS NOS CLUBS DE LECTURA E DIÁLOGOS DA BIBLIOTECA!!!


venres, 20 de xuño de 2025

En verán libros e cine

Presentamos a guía de lectura de verán, na que propoñemos libros que consideramos interesantes e  pensamos que vos servirán para divertirvos e aprender durante o verán. Atoparedes obras para todos os niveis de lectura. Están clasificados igual que na biblioteca, os de fondo azul son para prelectores, vermello para primeiros lectores, verde para lectores autónomos e amarelo para lectores expertos. Tamén incluímos as recomendacións dos xogos dos que desfrutamos no club de lectura de ficción dixital ENRE2 EPB.

Episodio 3 de Onda Ti

Remata a 6ª temporada de Onda Ti gravada integramente no novo estudio. Neste último programa do curso poderedes escoitar en primicia os audios das diversas seccións do programa e, ademais, a música do Coro das emocións. Preparados para desfrutar de case 90' de radio?

mércores, 18 de xuño de 2025

Leóns Dourados 2025

Como xa é tradicional desde hai moitos anos a biblioteca entregou hoxe o Diploma "Leóns Dourados", xunto a outros agasallos, ao alumnado de cada nivel que levou emprestados máis libros durante o curso. Así, alumnado que vai cada semana co seu titor/a a escoller os libros de ficción e non ficción nos espazos da biblioteca e que tamén acude nos recreos para levar para as súas casas os seus libros preferidos e outros que agardan ser descubertos, foi sumando préstamos ao longo do curso.

Parabéns a todas as nenas/os premiados e moitas grazas ao alumnado e profesorado do centro por manter viva a nosa biblioteca!

luns, 16 de xuño de 2025

Os nosos pensamentos en luces led

DIÁLOGOS FILOSÓFICOS é unha actividade extraescolar mensual na que o alumnado de Educación Primaria dialoga entre si, compartindo e argumentando os seus puntos de vista sobre a vida que lles e nos rodea.

Como di Irene de Puig, quen foi ata a súa xubilación directora do GrupIREF (Grupo de Innovación e Investigación polo Ensino da Filosofía), non se trata de que logren convencer aos seus compañeiros e compañeiras para que copien o seu estilo de vida, pero tampouco é un simple falar por falar. Este diálogo supón facer o esforzo necesario para que outras persoas poidan comprender, con claridade e consistencia, o que de verdade pensan.

mércores, 11 de xuño de 2025

Familias e lectura

Hoxe finalizamos dous programas como son "Biblioteca e Familias" e os Clubs de lectura co acto no que Pablo Díaz fixo unha actividade de animación a lectura contándonos uns contos e combinando coa súa música.

mércores, 4 de xuño de 2025

Exposición incompleta: unha Instalación artística na Biblioteca Municipal de Los Rosales

A colaboración bibliotecaria é esencial no desenvolvemento das crianzas, así, seguindo as sinerxias establecidas xa hai anos entre ambas bibliotecas, o alumnado de 6ºB de Educación Primaria deixou na Biblioteca Municipal de Los Rosales unha EXPOSICIÓN INCOMPLETA. Así foi o proceso: