xoves, 17 de outubro de 2019

Mochilas viaxeiras

As mochilas viaxeiras de 5º de E.P. iniciaron a súa viaxe o pasado luns. Para cada grupo preparamos dous lotes compostos por libros de narrativa, cómic, poesía, libro con música, un libro para compartir en familia relacionado co PDI "Sabor e saber", un libro en inglés, unha revista e un caderno no que calquera membro da familia pode expresar aquilo que crea convinte, que estea relacionado coas obras que contén a mochila ou coa a propia actividade. Tratamos de que houbese obras tanto en galego como en castelán.
Este é o segundo curso que desenvolvemos esta actividade, polo que os cadernos xa viaxaron polas casas durante o curso pasado, deste xeito poderedes ler o que lles pareceu a eles a experiencia.
Agardamos que vos gusten!

mércores, 16 de outubro de 2019

Día da alimentación

O 16 de outubro celebramos o Día mundial da alimentación, aproveitamos este día para anunciar o comezo do Proxecto Documental Integrado "Sabor e saber", no que investigaremos sobre a importancia da alimentación para a saúde, tanto do noso corpo, como do planeta. As aulas de Educación Infantil xa comezaron desenvolvendo o proxecto de alimentación saudable con distintas actividades na aula.

luns, 14 de outubro de 2019

Xa estamos aquí!

Photo by Alex Holyoake on Unsplash
Hoxe abriron as portas dos dous espazos que ten a biblioteca no centro, tanto no segundo andar, como na planta baixa xa podedes gozar da lectura dos distintos tipos de textos que atoparedes como informativos, poesía, contos, cómic, entre outros, pero tamén podedes crear contos, utilizar os audiolibros, os xogos de mesa, os robots, construír, crear, desenvolver actividades artísticas e sensoriais... en definitiva, tedes á vosa disposición numerosos recursos que favorecen a aprendizaxe.

Radio na biblio

Vía Asesoría de Bibliotecas escolares
© Asesoría de Bibliotecas escolares
A pasada semana recibimos a noticia da inclusión do colexio no programa Radio na Biblio. Con este proxecto, que poñeremos en marcha durante este curso, queremos  crear a radio escolar do centro desde a biblioteca. Nos próximos meses o equipo de mestres/as formarase para poder realizar actividades co alumnado e desenvolver o programa previsto.
Con esta nova liña de traballo desde a biblioteca queremos favorecer a expresión oral e escrita, dar difusión aos traballos de investigación que desenvolva o alumnado do centro, ademais de fomaentar as "alfabetizacións múltiples".

xoves, 3 de outubro de 2019

Bibliotecas creativas

Vía Blog de bibliotecas escolares
© Asesoría de bibliotecas escolares

Hoxe recibimos unha boa nova, xa que o CEIP Emilia Pardo Bazán, foi un dos 25 novos centros seleccionados para participar na convocatoria deste curso de Biblioteca creativa, programa co que se pretende "apoiar a cultura da experimentación e da investigación, da robótica e da linguaxe de programación nas bibliotecas dos centros públicos que matriculan alumnado de infantil e primaria e que están integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares no presente curso 2019/2020."
Acollemos esta resolución con ledicia e traballaremos para seguir desenvolvendo estas novas linguaxes a través da biblioteca.

Diálogos filosóficos Hilomundos

Vía Blog Bibliotecas escolares
BY Óscar Villán
© Asesoría de Bibliotecas Escolares
O lema deste curso das Bibliotecas Escolares de Galicia é "Biblioteca escolar, viveiro de cidadanía". Nesta imaxe creada por Óscar Villán quedan representados algúns dos obxectivos que se nos mencionan desde o blog de Asesoría de Bibliotecas Escolares, como son que "a biblioteca escolar poida facilitar o diálogo, a lectura crítica, a reflexión, o acceso ao coñecemento, o pensamento, a investigación, a experimentación, a creación, a comunicación, a adquisición de competencias útiles para a vida e para a convivencia, para o desenvolvemento académico e persoal, para unha participación activa nunha sociedade máis xusta e igualitaria."
A actividade que vos presentamos cremos que cumpre con moitos destes obxectivos, xa que a través dos diálogos filosóficos na biblioteca queremos que o alumnado desenvolva a capacidade dos nenos/as para pensar por si mesmos, converterse en persoas máis razoables e cidadáns máis particpativos compartindo as súas ideas e opinións a través do diálogo.
Diálogos filosóficos Hilomundos na biblioteca será un grupo permanente de nenos/as de 5º e 6º de E.P. que tratarán de acadar eses obxectivos nas sesións que se desenvolverán ao longo do curso. A continuación vos deixamos a folla de inscrición onde se recollen as condicións de participación, o calendario de sesións e o horario.

mércores, 18 de setembro de 2019

Club de lectura

O próximo venres 20 de setembro haberá unha reunión informativa na biblioteca para informar ao alumnado de 5º de E.P. sobre o que é un club de lectura e na que se explicará como será o funcionamento do club de lectura que comezará en outubro nos recreos dos xoves e que estará dirixido ao alumnado dos tres grupos de 5º de E.P.
Se estás interesado e queres participar desta actividade pásate o venres e aclararemos todas as dúbidas que poidas ter, agardámoste!

mércores, 11 de setembro de 2019

Arrincamos...

Hoxe iniciamos un curso con novidades en canto a proxectos, actividades, libros, materiais... que vos iremos adiantando pouco a pouco. Comezaremos desenvolvendo un proxecto moi ilusionante no que queremos que toda a comunidade educativa estea implicada, pero teredes que esperar un pouco para coñecer máis detalles.
A biblioteca abrirá as súas portas o próximo 14 de outubro, xa sei que estades desexando acudir aos dous espazos dos que dispón, pero antes temos que preparalos para as vosas visitas e que gocedes coa lectura en distintos formatos e coas diferentes actividades que podedes desenvolver na Biblioteca EPB. Como petisco, hoxe a biblioteca saía ao patio dentro da tradicional xornada de xogos de benvida do alumnado. Nunha zona  do patio había libros, revistas e lecturas dixitais e noutro espazo no exterior do centro podía experimentarse cos robots e cos dispositivos dixitais.
A continuación podedes ver a algún dos momentos do día a través destas imaxes...