Hoxe visitou a biblioLab o grupo de 4ºB de Educación Infantil. A visita destes artistas produciuse para realizar con diverso material unha instalación artísitica dentro dos obradorios da biblioteca "Estamos en obras". Esta obra estará exposta ata o próximo mércores. Ao principio o material estaba disposto dun xeito que eles decidiron titular como "O circo".
Os artistas ansiaban comezar o seu traballo, así que o primeiro que pensaron que podían facer eran unhas torres, unha tarta e tamén algunha casa. As dúas torres medraban aínda que nalgunha ocasión caían. Outros artistas comezaron a construír un castelo, mentres un señor, que necesitaba unha casa, vía como crecía un cadrado que sería o seu fogar. Despois de tanto traballo, algúns artistas decidiron facer dúas tartas, unha delas sería de fresa, quizais construír daba moita fame, porque as torres canto máis altas eran caían máis facilmente, aínda que os artistas aclaráronnos que as tartas eran para o aniversario de Ana, finalizaron a tarta cun pouco de nata na súa superficie, logo desapareceron porque estaban tan ricas que as comeron. Unha das torres estaba habitada por un señor e preto da torre comezou a agromar unha árbore.
Visitamos a obra dos artistas, nunha zona do parque había dúas torres, a máis alta estaba baleira porque todos os que vivían nela foran nadar ata un río próximo, na outra, un pouco máis pequena vivían uns "legos". Preto das torres había dúas casas, nunha vivía un neno, na outra unha nena, coa súa nai, o seu pai e o bebé, como estaban tan cerca ás veces ían xuntos a xogar a unha árbore que se chamaba "Nuri". Un pouco máis lonxe, nunha casa cunha torre vivía un neno coa súa nai e o seu pai, coñecía aos outros nenos, pero como vivía lonxe deles non podía ir xogar todos os días con eles ata a árbore. Percorrendo o parque descubrimos unha torre derruída, descoñecemos os motivos polos que caeu, quizais fora demasiado alta, como cerca había unha base de astronautas ao mellor o estrondo dos foguetes ao despegar provocou a súa caída, pero non o sabemos.
A obra que comezara sendo un circo agora era "El Parque", ese foi o nome escollido polo alumnado de 4ºB de Eduación Infantil, pola que estivemos facendo o percorrido, se vós tamén queredes coñecela podedes facelo na biblioLab, xa que estará exposta ata o
próximo mércores.
Parabéns aos artistas!
Ningún comentario:
Publicar un comentario