luns, 11 de novembro de 2024

Obradoiros creativos "Estamos en obras"

Este venres comezamos os obradoiros "Estamos en obras", nos que o alumnado de Educación Infantil será protagonista de diferentes propostas relacionadas coa creatividade e co arte. Estas actividades desenvolveranse nos espazos da biblioteca durante todo o curso.

O venres 8 de novembro a mestra Mar comezou cunha instalación artística co alumnado de 6ºEI no que foron realizando a súa obra con calma e transformándoa de xeito colaborativo. No espazo de xogo comportáronse, como din Javier Abad e Ángeles Ruíz, como habitantes que transformaron e corporeizaron o espazo, pero no que tamén contaron unha historia, unha narración que foi evolucionando desde o comezo ata o final da actividade.


Érase unha vez un "Castillo arco iris" que foi habitado pola infancia no que comezaron a agromar uns barcos, un pouco máis adiante a construción dunha casa con garaxe e unha mesita avanzaba a pasos seguros, teriamos que estar cómodos. Os habitantes querían xogar e a presencia dun parque parecía necesaria, así que houbo que instalar unha tirolina, un tobogán, un cogomelo para que insectos e nenos xogaran. A chegada dun meteorito provocou a destrucción do garaxe, pero non estaban asustados nin disgutados, simplemente había que comezar de novo.

No campo ao redor da casa naceron unha fermosas flores. O barco seguía coa súa construción e ao seu carón xurdiu un acuario cos peixes nadando no seu interior. Mentres tanto, na casa seguían aumentando as estancias e como a música seguía soando parecía unha boa idea estar nun salón de baile.

Atentos! Outro meteorito impactou sobre unha das casas e houbo que colaborar para a súa reconstrución. No mar as ondas estaban movendo o barco, algún defecto na construción fixo que parte do barco caese, pero non foi un drama, simplemente aprenderon o que fallara para na próxima ocasión tratar de que fose máis seguro. 

Despois de bailar no salón como tiñan moita fame, pensaron que comer xuntos un "burrito" ou un pastel serviría para recuperar forzas.

Os habitantes deixaron o espazo de xogo transformado e colorín colorado " El Castillo arco iris" agora é "La ciudad".


A instalación realizada polo alumnado de 6ºB de Educación Infantil estará exposta na biblioLab ata o próximo mércores, non dubidedes en visitala e de gozar coa obra destes artistas, parabéns!

Estamos agardándovos!

Ningún comentario:

Publicar un comentario