venres, 10 de marzo de 2023

Biblioteca e familia

As próximas semanas desenvolveremos a segunda e terceira xornada de biblioteca e familia nas que teredes a oportunidade de comnpartir cos vosos fillos/as un achegamento á poesía e a creatividade a través de dúas actividades que serán dirixidas por Pablo Otero (artista visual e ilustrador), co que faremos un Libro de familia, e por Dores Tembrás (licenciada en Filoloxía Hispánica e poetisa), coa que se espallará a poesía.

A actividade de Pablo Otero consistirá en que "todos temos unha historia que nos encanta contar unha e outra vez. O meu avó, a vosa nai ou aquel curmán da tía segunda do papá que se perdera no Brasil. Son historias e anécdotas que naceron na vosa familia, que sempre se contan cando estades xuntos e que hai que coidar coma tesouros, por isto a actividade proporá facer un libro obxecto para acoller eses relatos valiosos. Elaborado polos membros de cada familia. Sen límite de idade ou parentesco. Unha historia moi vosa, ou dúas, tres. O punto de partida pode ser unha anécdota, un chiste ou algo que inventamos para ir durmir. Vós sodes as autoras e os autores. Trátase dun libro obxecto artesán e colectivo."
Na actividade con Dores Tembrás teredes a oportunidade de gozar dun obradoiro "inspirado no traballo do poeta Kenneth Koch. Partindo duns conceptos elaboraredes os vosos propios versos ata compoñer un poema colaborativo."

Libros de familia terá 30 prazas para alumnado do centro, que terá que vir acompañado dun adulto, para inscribirse haberá que encher o seguinte formulario (aínda que sexa da da mesma familia terase que inscribir aos dous nenos/as por separado), cando se chegue ao número máximo de prazas poderá enviarse un correo electrónico para entrar nunha lista de espera que se utilizará en caso de renuncias.

O obradoiro de poesía terá 15 prazas para alumnado do centro, que terá que vir acompañado dun adulto, para inscribirse haberá que encher o seguinte formulario (aínda que sexa da da mesma familia terase que inscribir aos dous nenos/as por separado), cando se chegue ao número máximo de prazas poderá enviarse un correo electrónico para entrar nunha lista de espera que se utilizará en caso de renuncias.

Ningún comentario:

Publicar un comentario