martes, 10 de novembro de 2020

Novembro de ciencia

Como xa é tradicional no centro, en novembro sumámonos á iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Universidade para celebrar o Mes da ciencia en galego, que este ano conta co manifesto "O feitizo da ciencia" elaborado polo investigador e divulgador científico Xurxo Mariño.

Na entrada da biblioteca tedes expostas algunhas das obras que seleccionamos para que coñecerades. Nesta escolla atoparedes libros relacionados coa física, coa astronomía, coa química, biografías... Lembrade que están á vosa disposición para levalos emprestados durante as vosas quendas de recreo ou para que os reservedes a través do formulario en liña.

Neste mes comezan tamén os VenreXperimentos para os nenos/as de 5º e 6º de E.P. O formato variará durante este curso debido á pandemia. Optamos por realizar o mesmo experimento para todos os cursos durante a súa quenda de recreo e limitamos o aforo a un total de 12-13 nenos/as, x
a que cada grupo debe asistir á biblioLab un día distinto para manter os grupos burbulla. A experiencia que seleccionamos foi a do electromagnetismo, na que construirán un electroimán con materiais accesibles.

Os VenreXperimentos estenderanse ao longo dos próximos meses adaptando os experimentos aos diferentes cursos de Educación Primaria.

Outra das iniciativas que realizaremos durante este mes serán os obradoiros de deseño 3D para o alumnado de 4ºE.P. Desenvolverémolos na biblioLab en horario escolar os mércores e os xoves. Nestas sesións aprenderán as funcións e características de Tinkercad, co obxectivo de poder facer realidade os seus deseños e imprimilos coa impresora da biblioLab.

Gocemos e aprendamos coa ciencia!


Ningún comentario:

Publicar un comentario