xoves, 23 de abril de 2020

Día Mundial do Libro e o Dereito de Autor: lemos O Principiño

Hoxe celebramos o Día Mundial do Libro e o Dereito de Autor no que queremos reivindicar o libro nos diferentes formatos nos que podemos atopalo. Todos/as temos libros que apareceron nas nosas vidas e aí seguen, outros pasaron deixando algo deles en nós, algúns permanecen agardando a nosa volta e moitos agardan nos andeis das librarías ou bibliotecas, máis tamén nos andeis virtuais da rede, xa que o libro mudou nalgúns aspectos, pero no fundamental non, porque seguimos aprendendo, divertíndonos, compartindo, viaxando... En definitiva, non deberiamos concebir a nosa vida sen os libros.
Queremos tamén resaltar as iniciativas da Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia na que propoñen reivindicar un libro, un autor/a e unha libraría, tan importantes e que necesitarán toda a nosa axuda proximamente. Así como a das Bibliotecas Públicas Municipais coa súa proposta "Mollámonos polo libro" na que podedes reponder á pregunta"Como te mollas ti polo libro?" utilizando #mollamonospololibro.

Ao longo da semana fomos promovendo distintas iniciativas como foron "As pasaxes favoritas" na que nos enviastes, e podedes seguir facéndoo, as vosas recomendacións de libros que por algún motivo queredes compartir con todos os compañeiros/as.

Outra das actividades que vos propuxemos foi a elaboración de marcapáxinas, deixámosvos algunha suxestión, pero tamén podiades ensinarnos a vosa creatividade con creacións orixinais.
O 23 de abril é tradicional a lectura continuada de Don Quixote da Mancha de Miguel de Cervantes. Desde a Biblioteca EPB quixemos conmemorar esta data cunha lectura encadeada dunha obra universal de Dominio Público de Antoine de Saint-Exupéry como é O Principiño, que o pasado 6 de abril cumpriu 77 anos. Escollemos este libro por ser unha das narracións máis lidas e citadas da historia, porque se trata do terceiro libro máis traducido do mundo tras a Biblia e o Corán. Como anécdota comentar que incluso foi traducido ao idioma galáctico que se creou para a saga de George Lucas de Star Wars, entre os máis de 300 idiomas nos que se pode ler esta obra.
O vídeo que presentamos a continuación quere ser unha homenaxe ao libro, aos diferentes formatos nos que se pode presentar, en papel, dixital, audiolibro... pero tamén aos lectores/as que atopan lugares especiais para ler, para acomodarse coa súa obra e gozala.
A comunidade educativa do CEIP Emilia Pardo Bazán comparte con todos/as esta experiencia lectora e sobre todo nestes momentos de confinamento pensamos que sería un bo xeito de aproveitar o tempo escoitando a lectura dos compañeiros/as, das familias, mestras/es, membros da familia EPB, bibliotecarias da B.M. de Los Rosales e tamén amigas doutros lugares como Sacra mestra de Mallorca e Angélica escritora e filósofa de Brasil.
Agradecemos a todos/as os que colaborastes coa iniciativa lendo cos vosos libros de papel, ebooks, tabletas, ordenadores, teléfonos... Gozade desta lectura que vos acompará durante case dúas horas.

6 comentarios:

  1. Mil grazas por sumarvos á campaña das Bibliotecas Municipais da Coruña #MollámonosPoloLibro

    Todos e todas formamos parte do mundo do libro e así quixemos reflectilo na iniciativa que pretende incluírvos como parte activa e imprescindible na trasmisión do amor polos libros e a lectura. O traballo en rede!

    Moi feliz día do libro para toda a comunidade educativa do CEIP Emilia Pardo Bazán.

    ResponderEliminar
  2. Grazas a vós pola vosa promoción da lectura!

    ResponderEliminar
  3. Excelente trabajo y dedicacion!!!!!
    Muchas gracias
    Mariana, mamá de Valentino de 3ºC

    ResponderEliminar
  4. Grazas polo comentario, grazas a todos/as pola implicación no proxecto.
    Un saúdo.

    ResponderEliminar
  5. Me he visto el vídeo de principio a final. Me ha encantado. Muchas gracias a todos.
    Soy Elisa, la madre de Martina de 6 C. Un saludo

    ResponderEliminar
  6. Moitas grazas polo comentario Elisa!

    ResponderEliminar