O pasado luns, día 11, visitou o noso Centro o coñecido escritor Pedro Mañas. Este madrileño é autor de máis de vinte obras literarias dirixidas ao público infantil e xuvenil.
O motivo da súa visita foi manter unha conversa co alumnado de 5.º de E. Primaria, que durante as semanas anteriores á súa chegada estiveran lendo e comentando en clase a súa última novela, titulada “Apestoso tío Muffin”. Esta obra foi galardoada co premio Anaya no ano 2018.
A charla, que tivo lugar na nosa biblioteca, resultou moi divertida. Pedro Mañas, ademais de ser un gran escritor, é un formidable orador que sabe colocar as doses de humor exactas nos lugares precisos (aínda que nos confesou que falar en público lle dá moito medo). No transcurso da súa intervención ofreceunos algunhas claves para entender a súa literatura e mais o seu oficio de narrador e poeta. No tramo final da charla, animou aos nosos nenos e as nosas nenas a que lle preguntasen o que quixeran sobre a novela. A verdade é que as preguntas foron tamén moi divertidas e oportunas. E numerosísimas.
Cómo sería de entretida a charla que cando chegou a hora pactada para finalizar, ninguén quería abandonar a biblioteca (e iso que era o tempo do recreo!).
Despedimos a Pedro Mañas dándolle as grazas por vir ate A Coruña a falar cos nenos e nenas do CEIP Emilia Pardo Bazán. Agradecémoslle tamén a súa paciencia á hora se asinar os máis de cincuenta exemplares que, un a un, foi dedicando ao noso alumnado.
Xa estamos esperando con ansia o seu próximo traballo!
Ningún comentario:
Publicar un comentario