xoves, 31 de decembro de 2020

Feliz 2021!

Queremos desexar a toda a comunidade educativa do CEIP Emilia Pardo Bazán un ano 2021 cheo de felicidade.

Durante este ano celebrarase o centenario da morte de Emilia Pardo Bazán. Nós queremos contribuír a esta comemoración investigando e aprendendo sobre a súa vida e algúns acontecementos relacionados.

FELIZ 2021!

martes, 22 de decembro de 2020

Gañadoras do concurso

No mes de novembro convocouse un concurso de ideas dirixido aos nenos/as do colexio. Establecéronse unhas bases para a escolla dunha imaxe que identificase ao centro, sería o logotipo do noso centro educativo, aproveitando o desenvolvemento do PDI Paseando con Emilia. Hoxe coñeceuse o deseño gañador que se anunciou na web do centro. A partires de agora esta imaxe acompañará os documentos oficiais e servirá para identificar a toda a comunidade educativa do CEIP Emilia Pardo Bazán.

Queremos dar os parabéns ás dúas gañadoras polo seu deseño, así como ao resto de alumnos/as e familias que participaron coas súas ideas e imaxes. Moitas grazas pola vosa participación!

Episodio 2 (T2) - Onda Ti

Despedimos o primeiro trimestre con este segundo episodio da temporada de Onda Ti. Continuamos cos relatos de terror que elaboraron as voluntarias de 6º de E.P. Inauguramos varias seccións como o noso espazo verde coa peza "El Jardín de Juanita, no que a mestra Mar Santiago explícanos este traballo que se está a facer en Educación Infantil, ademais conta coa colaboración de Angélica Sátiro. Con "4 in a year" viaxaremos en inglés polas distintas estacións do ano. Seguiremos coñecendo pandemias que afectaron á humanidade ao longo da historia, neste episodio os nenos/as de 5º de E.P. falarannos sobre "A peste negra".

Comeza a ficción radiofónica en formato de teatro lido da obra Conversando coa Emilia, a cargo da compañía Bubelas, que pasará neste primeiro episodio?

Na entrevista deste mes tivemos con nós á actriz Isabel Naveira, os nenos/as de 6º de E.P. axudarannos a coñecela mellor.

Neste mes a edición chega cargada de recomendacións, á xa habitual sección das bibliotecarias da B.M. de Los Rosales, "Na onda dos libros", incorporamos "Novos do trinque". Neste mes as libreiras de Moito Conto compartirán con nós algunhas das novidades que chegaron aos seus andeis.

Finalizaremos con "Temos unha mensaxe de..."

luns, 21 de decembro de 2020

O mundo nas túas mans

Estas son as recomendacións que realizamos desde o equipo de biblioteca na edición de decembro. Na guía de lectura atoparedes libros e aplicacións para todas as idades, desde os que comezan a ler ata os máis experimentados.

Nesta edición incorporamos as recomendacións das bibliotecarias da B.M. Los Rosales dentro da sección "Na onda dos libros" e tamén o primeiro podcast dunha nova peza do programa "Onda Ti", que vos adiantamos a continuación na guía, e que se chama "Novos do trinque". Libreiras da cidade fannos as súas achegas, nesta primeira edición contamos coas novidades que nos traen desde Moito Conto.

domingo, 20 de decembro de 2020

Visita á Casa Museo Emilia Pardo Bazán

O Proxecto Documental Integrado "Paseando con Emilia" tiña que ter unha parada obrigatoria na casa da autora coruñesa, pero debido á pandemia coa que estamos a convivir non é posible que todos os nenos/as do noso centro acudisen durante este curso, pero non nos resignamos a que o alumnado do colexio se perdese a visita a Casa Museo Emilia Pardo Bazán.

Xulia Santiso e Patricia Angulo, directora e educadora da Casa Museo Emilia Pardo Bazán, prepararon unha visita moi especial para vós na que vos amosarán o fogar de Emilia e na que vos darán detalles sobre a súa vida e sobre algúns aspectos destacados do s.XIX. Agradecémoslles toda a súa axuda e colaboración no desenvolvemento deste proxecto. O luns ás 10h. todas as aulas do colexio visitarán de xeito virtual a casa na que naceu a protagonista do proxecto de investigación deste curso.

sábado, 19 de decembro de 2020

BOOKWORMS CLUB: "A Christmas carol"

 Yesterday we hold the third meeting of our Bookworms  Club, when we started reading an adaptation of the most Christmassy story of all times: "A Christmas carol" by Charles Dickens. We also learned about the living conditions in England during Victorian times (19th century), especially the contrast between the rich and the poor. With hardly no money for food, clothes or even medicines, people needed to have hope and feel the spirit of Christmas more than ever. And so did we: we experienced the magic of this season reading the transformation of Mr. Scrooge thanks to the help of three Ghosts: the Ghost of Christmas past, the Ghost of Christmas present and the Ghost of Christmas future.

Postais que iluminan o Nadal

O venres pola mañá, o último grupo realizou as súas postais con luz. No mes de dembro pasaron pola biblioLab os tres grupos de 3º e de 4º de Educación Primaria para elaborar as postais decoradas cun led. Había distintas propostas que cada alumna/o decorou ao seu gusto, para finalmente montar o circuíto que permitise que a postal fose interactiva e que acendese un led no momento que se pulsase o botón.

Viaxeiros por papel en liña con Diego Arboleda

Onte pola tarde compartimos uns minutos dialogando con Diego Arboleda sobre a súa obra "Prohibido leer a Lewis Carroll". Aínda que tamén abordamos temas como o proceso creativo das súas obras, a relación que establece cos ilustradores/as, compartiu algunhas curiosidades sobre as personaxes do libro, vimos algunhas das edicións noutros idiomas, como a que se publicou en idioma chinés.

xoves, 17 de decembro de 2020

Encontro virtual con Diego Arboleda

Os nenos/as do club "Viaxeiros por papel" estiveron lendo a obra de Diego Arboleda e Raúl Sagospe "Prohibido leer a Lewis Carroll". Durante este período de tempo falaron sobre a historia, dialogaron sobre as personaxes e gozaron compartindo opinións sobre o libro. Contamos coa colaboración da Biblioteca Municipal de Los Rosales e das súas bibliotecarias, que prepararon este fermoso vídeo, colofón da primeira etapa do club, no que aparecen as nenas/os e tamén as mestras mediadoras.

mércores, 9 de decembro de 2020

Paseando co EscornaEmilia

Proximamente Dona EscornaEmilia sairá pasear polas clases do colexio a través deste xogo que preparamos para fomentar o coñecemento da escritora coruñesa e incentivar a curiosidade e as gañas de coñecer máis sobre a autora, centro de interese do PDI Paseando con Emilia. Ademais, pretendemos introducir o pensamento computacional a través da utilización dos escornabots nas aulas de 6º de Educación Infantil e 1º e 2º de Educación Primaria, xa que o material está preparado para estas idades.

Este traballo está baseado nos libros de Escornactividades de Rubén Molinero, no que desenvolve distintas temáticas para o traballo na aula.

Agradecemos a colaboración de Xulia e Patricia, traballadoras da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, por todo o apoio e asesoramento na realización deste traballo, que é posible grazas ao traballo da comunidade que sustenta e desenvolve o proxecto Escornabot.

luns, 30 de novembro de 2020

Concurso deseño de logotipo

A pasada semana publicáronse as bases do concurso na web do centro para a  elaboración dun logotipo para o colexio, como unha das primeiras actividades que queremos desenvolver enmarcada no PDI Paseando con Emilia, a través do cal queremos resaltar o valor da escritora galega.

Como ben sabedes, o noso centro non ten imaxe ou logotipo que o identifique, por este motivo promóvese un concurso de ideas entre o alumnado para seleccionar un logotipo que sirva para identificarnos.

VenreXperimentos en decembro

Hoxe remata o período de novembro "Mes da ciencia en galego" e mañá facemos a última sesión dos VenreXperimentos adicada ao electroimán con nenos/as dun grupo de 5º de E.P. Este curso decidimos continuar cos VenreXperimentos con outra experiencia dirixida ao alumnado de 3º e 4º de E.P., aínda que non todas serán en venres, nin no último venres de cada mes, durante todo decembro continuaremos divertíndonos coa ciencia. Neste caso utilizaremos a expresión plástica para coñecer algúns aspectos sobre os circuítos eléctricos.

sábado, 28 de novembro de 2020

BOOKWORMS CLUB: "The tempest"

Yesterday, Friday the 27th of November, we wore dressy clothes to the book club to attend the performance of a Shaskepearian play "The tempest". William Shakespeare himself received us at the entrance of The Globe Theatre and took us to our balconies. Then he explained  many facts of his time and summarized his famous play "The tempest". Once the play began, we participated by clapping, stomping, cheering and booing. It was great fun!!! 

mércores, 25 de novembro de 2020

"Non hai homes nin mulleres: hai humanidade"

Esta foi a frase de Emilia Pardo Bazán escollida polo equipo de EACE para resaltar, na entrada do noso centro, o 25N, Día contra a violencia de xénero. Neste día, que foi proclamado pola ONU desde o ano 2000, trátase de denunciar a violencia que sufren as mulleres en todo o mundo.

¿Sabías que foi Emilia Pardo Bazán quen creou a palabra "mullericidio" en 1901?

Nun artigo de La Ilustración Artística, publicado en 1901, a autora coruñesa escribe: "El mujericidio siempre debería reprobarse más que el homicidio. (...)El abuso de poder, ¿no es circunstancia agravante? Cuando matan a mansalva, a la mujer, ¿no debería exigírseles más estrecha cuenta? Y sin embargo, los anales de la criminalidad abundan los mujericidios, impunes muchas veces, por razones especiosas, mejor dicho, por sofismas que sirven para alentar el crimen" (Prólogo de "El encaje roto")

domingo, 22 de novembro de 2020

Paseando con Emilia

Como ben sabedes, durante este curso investigaremos sobre Emilia Pardo Bazán, a escritora e intelectual que dá nome ao noso centro. Durante o ano 2021 cumpriranse 100 anos da súa morte. No xogo que vos propuxemos o Día das escritoras xa desvelastes o nome do proxecto: "Paseando con Emilia".

venres, 20 de novembro de 2020

Temporada 2 de Onda Ti

Chegou un día moi esperado por todos nós, o inicio da segunda temporada de Onda Ti, que se emite en Emilia na Onda. Vén con moitas novidades, que fan do programa algo que desexabamos desde que comezou a súa andaina en momentos complicados. Un espazo creado polos nenos/as do colexio no que as súas propostas e as súas voces son as protagonistas.

mércores, 11 de novembro de 2020

Volve Onda Ti!

A próxima semana emitirase o primeiro programa da segunda temporada de Onda Ti, o programa que naceu durante a pandemia, e que volve para quedar con todos vós. Novos locutores/as, novas seccións, novas sintonías...

Nesta temporada a emisión será a través da canle en Ivoox de Emilia na onda, na que xa está a temporada un do programa.

martes, 10 de novembro de 2020

Novembro de ciencia

Como xa é tradicional no centro, en novembro sumámonos á iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Universidade para celebrar o Mes da ciencia en galego, que este ano conta co manifesto "O feitizo da ciencia" elaborado polo investigador e divulgador científico Xurxo Mariño.

Na entrada da biblioteca tedes expostas algunhas das obras que seleccionamos para que coñecerades. Nesta escolla atoparedes libros relacionados coa física, coa astronomía, coa química, biografías... Lembrade que están á vosa disposición para levalos emprestados durante as vosas quendas de recreo ou para que os reservedes a través do formulario en liña.

luns, 2 de novembro de 2020

Creacións do Día da Biblioteca

Martina S. (Alumna 5ºE.P.)
Para conmemorar o Día da Biblioteca propuxemos unha actividade titulada "Libros con historia" e que é recoñecida como Erasure Poetry. Os nenos/as podían crear poesía, mais tamén microrrelatos. Estes foron os traballos que nos foron chegando, ao longo da semana, iremos actualizando a presentación agregando as novas obras que veñan.

domingo, 1 de novembro de 2020

BOOKWORMS CLUB: "Halloween horror"

Last Friday, 30th of October, we hold the 1st session of  our "Bookworms Club" which, of course, was related to Halloween. The book we are reading is titled "Halloween horror", by Gina B.D. Clemen. Surrounded by a spooky atmosphere, full of jack-o-lanterns, magic mirrors and candles, we enjoyed the adventures of Kelly and Megan Connor, two sisters in Salem, the "Witch City".

sábado, 31 de outubro de 2020

Un estraño día das Letras

O Día das Letras Galegas de 2020 vai pasa á historia e, vistos os motivos, non é para estarmos contentos. Foi a primeira vez, dende a súa institución, aló polo 1963, en que a Real Academia se viu obrigada a trasladar a data da festividade. O pasado 17 de maio, data oficial, estabamos en pleno confinamento domiciliario por mor da pandemia Covid. Por iso a RAG tomou a decisión de trasladar ao 31 de outubro a conmemoración oficial. A nova data fixouse pola coincidencia coa do nacemento da figura homenaxeada: Ricardo Carvalho Calero.

xoves, 29 de outubro de 2020

Contos de medo polo Samaín

O Equipo de voluntarias/os da Biblioteca EPB elaborou uns contos de medo que queren compartir con todos vós e que poderán ser utilizados na Hora de ler de mañá. Este é un pequeno avance, a próxima semana publicaremos o resto de obras que crearon os nenos/as de 6º de E.P.

As funcións do equipo de voluntarios/as mudou, pero queremos que sigan implicados no desenvolvemento de actividades relacionadas coa biblioteca do seu colexio. Moitas grazas pola vosa implicación!

luns, 26 de outubro de 2020

Microrrelatos do Día das escritoras

O pasado luns 19 de outubro celebramos o Día das Escritoras, entre as actividades que propuxemos estaba a creación de microrrelatos seguindo a proposta de leer.es na actividade #Microleeres. Estes relatos tiñan que ter a estensión de dous tuits e debían incluír o texto "El esfuerzo cotidiano de las mujeres" y "escritoras". Dous destes microrrelatos foron seleccionados para publicarse a través das Redes Sociais da biblioteca (Twitter e Instagram). Nesta entrada presentámosvos outras achegas que recibimos.

xoves, 22 de outubro de 2020

OUR BOOK CLUB IS BACK

O noso Book Club retorna!!! E, para celebralo, decidimos poñerlle un nome. Despois de moitas voltas, o nome escollido entre todos/as foi "Bookworms", porque iso é o que somos, uns vermes devoradores de libros.

Ademais, tamén contamos cun logo, escollido por un xurado entre os 22 deseños que se presentaron a concurso. O gañador é Pablo García, de 6º B. Moitas grazas a todos os participantes polas vosas propostas, todas elas moi boas, como podedes xulgar vendo esta presentación.

Vémonos a semana vindeira na primeira sesión do noso Book Club, que será... terrorífica!!!

mércores, 21 de outubro de 2020

Bibliotecas, sempre ao teu carón

A Asociación de Amigos del Libro Infantil y Juvenil promove a celebración do Día das Bibliotecas, que se celebra cada 24 de outubro, como vén sendo habitual desde 1997. A esta conmemoración únense todas as bibliotecas do estado, impulsadas tamén desde o Ministerio de Cultura e Deporte.

O lema da edición de 2020, que vén marcado pola pandemia da Covid-19, é "Bibliotecas, sempre ao teu carón" incide na importancia do papel desenvolvido por cada unha das bibliotecas "ofrecendo acceso á cultura, ao coñecemento e ao entretemento en calquera lugar e circunstancia".

luns, 19 de outubro de 2020

Día das escritoras, comezo do PDI deste curso

Hoxe, 19 de outubro, celébrase o Día das escritoras. Con motivo desta conmemoración queremos iniciar o Proxecto Documental Integrado deste curso, que estará adicado a unha escritora coruñesa.

Esta celebración foi promovida desde 2016 pola Biblioteca Nacional de España en colaboración coa Federación Española de Mujeres Directivas, ejecutivas, profesionles y empresarias (FEDEPE) e  a Asociación Clásicas y Modernas co obxectivo de "reivindicar o labor e o legado das escritoras ao longo da historia". 

Nesta ligazón aparecerán as distintas propostas que xurdan das bibliotecas da rede PLAMBE de Galicia.

xoves, 15 de outubro de 2020

A voar!

Chegou o día no que inician o seu vo os clubs de lectura Viaxeiros por papel, no que participan nenas/os de 6º de E.P., e o que comeza este curso con nenas de 5º de E.P.

mércores, 30 de setembro de 2020

Morre Quino, o pai de Mafalda

© Quino Vía Pinterest
Todos os xornais recollen hoxe  a triste nova do pasamento de Quino, pseudónimo do debuxante Joaquín Salvador Lavado.  Quino residía Mendoza (Arxentina), a cidade onde tamén nacera hai 88 anos. O seu personaxe máis coñecido é Mafalda, esa nena tan divertida e peculiar, capaz de deixar coa boca aberta a todos coas súas ocorrencias.

Portas abertas a partir do luns

O próximo luns abrirá a biblioteca para acoller as vosas visitas nos recreos, polas tardes poderedes devolver os libros e para participar nas actividades que se desenvolvan por parte do equipo de biblioteca.

Hoxe tivemos unha reunión coas bibliotecarias da B.M. de Los Rosales para poder colaborar e desenvolver actividades conxuntas. Estamos orgullosos de ter tan cerca ás bibliotecarias do barrio!

mércores, 16 de setembro de 2020

A biblioteca en tempos de pandemia

Iniciamos un curso complicado debido á pandemia da Covid-19, que trae consigo cambios no funcionamento do centro e polo tanto tamén na biblioteca e en todos os seus espazos. No comezo do curso publicáronse na web do centro os documentos relacionados coa pandemia, entre os que se atopa o Plan de adaptación á situación Covid-19 no curso 2020-2021, na páxina 23 atópase a información referida ao estudio de radio e na páxina 25 á biblioteca e biblioLabque. Estas novas normas están detalladas no documento achegado nesta entrada.

venres, 19 de xuño de 2020

Libros con sabor e saber

Photo by Aaron Burden on Unsplash
Este curso non recibiredes en papel a guía de lectura, como todos os anos, pero non quixemos deixar de compartir con toda a comunidade educativa esta selección de lecturas relacionadas, na maioría dos casos, co tema sobre o que estivemos investigando ao longo destes meses. Por este motivo os libros que compoñen a guía teñen sabor e saber.

xoves, 18 de xuño de 2020

Premios dos Leóns Dourados

Este final de curso foi moi diferente ao habitual, pero máis nestes momentos quixemos manter a tradicional entrega de premios de Leóns Dourados, nos que se valora a cantidade de libros que se levaron emprestados dos fondos da biblioteca. Este curso decidimos entregar estes premios aos oito nenos/as que máis empréstitos rexistrados temos na aplicación. 

martes, 16 de xuño de 2020

Esta é a vosa opinión...

Photo by 珂 许 on Unsplash
Agradecemos a todos os que participastes nos cuestionarios que vos enviamos, a través dos cales queriamos coñecer a vosa opinión.
Tentaremos atender as demandas dentro das nosas posibilidades e mellorar naqueles aspectos que nos indicades.
Difundimos os resultados de cada unha das enquisas realizadas:

domingo, 14 de xuño de 2020

Receitas "Sabor e saber"

Photo by Dan Gold on Unsplash
Ao longo do curso, en colaboración co EDLG e EACE, elaborouse un libro de receitas achegadas polo alumnado de Educación Primaria do colexio. Debido ao confinamento puidemos recompilar as do alumnado de 1º a 4º de E.P.

luns, 8 de xuño de 2020

Rectificación premiados I Concurso Literario Biblioteca EPB

Despois de revisar as bases do I Concurso literario da Biblioteca EPB, e atendendo a unha reclamación presentada polo fallo na categoría de cómic, este xurado decide:

-Admitir a reclamación, posto que o traballo declarado inicialmente gañador incumpre una das bases do concurso, en concreto a relativa á obrigatoriedade de incluír na primeira viñeta un amencer.

-Declarar gañadora da devandita categoría o traballo "Tu buena amiga Sara" de Lucía, alumna de 3º de E.P., que inicialmente quedara en segundo lugar.



-Debido a que esta modificación sobre a decisión inicial é froito exclusivamente dun erro do xurado, mantense tamén –en condición de premiado— o traballo de Carolina, “O cubo de Rúbik”.

Finalmente, o xurado quere desculparse por este erro, que lamenta profundamente, e polas consecuencias desagradables que puidera ter ocasionado para as persoas afectadas.

venres, 5 de xuño de 2020

I Concurso literario Biblioteca EPB

Durante este mes fomos recibindo as obras que presentastes a este I Concurso Literario Biblioteca EPB. Debido a que recibimos dous microrrelatos, un de cada categoría, e cinco relatos curtos, o xurado decidir dar un único premio de narrativa. En canto ao cómic recibimos cinco obras, un da categoría A e catro da B, decidimos xuntar todas as achegas e dar un único premio. Ao non recibir ningunha obra na modalidade de ilustración declaramos o premio deserto.
Estas son as obras premiadas cun vale de 20€ para mercar libros nas librarías que comunicaremos aos premiados a próxima semana.

venres, 29 de maio de 2020

A vosa opinión é importante

O curso vai rematando e chegou o momento de facer un percorrido polas actividades e servizos que se foron propoñendo desde o equipo de biblioteca. Por este motivo deixámosvos estas enquisas de valoración para coñecer a vosa opinión e valorar aqueles aspectos nos que dedemos mellorar, actividades que vos gustaría que desenvolvésemos...

Viaxeiros por papel

O club de lectura Viaxeiros por papel estivo conversando onte co autor do libro que estiveron lendo durante este mes. Ao longo deste período gozaron e divertíronse coa poesía de Vaia tropa! de Antón Cortizas editado por Xerais.

xoves, 21 de maio de 2020

Onda Ti despídese (episodio 9)

Este domingo ás 12h. volve Onda Ti no último programa en directo desta etapa. Para despedirnos, esta semana seguiremos coas seccións da entrevista, ContamosTodos, a participación dos oíntes e "Temos unha mensaxe de..."

martes, 19 de maio de 2020

Reportaxe en El Ideal Gallego

O xornal El Ideal Gallego recolle o labor das bibliotecas escolares da comarca en tempos de confinamento. Nesta reportaxe ademais das bibliotecas do CEIP Graxal (Cambre) e do IES Monte das Moas (A Coruña) achega algunha das nosas actividades e opinións durante este período.
Moi agradecidos pola difusión do traballo das bibliotecas escolares.

sábado, 16 de maio de 2020

Onda Ti episodio 8

Este domingo ás 12h. volve Onda Ti, o programa en directo de Emilia na Onda no que queremos estar cerca de ti, que nos acompañedes coas vosas voces, coas vosas opinións... e máis nestes momentos nos que estamos lonxe de vós. Esta semana seguiremos coas seccións da entrevista, ContamosTodos, a participación dos oíntes e "Temos unha mensaxe de..."

martes, 12 de maio de 2020

Letras Galegas

O próximo domingo teriase que celebrar o Día das Letras Galegas, pero debido á pandemia da Covid-19 foi adiado ata o mes de outubro.
O EDLG deixou na páxina web do centro diversos recursos e esta entrada relacionada coas Letras Galegas 2020. A Real Academia Galega, precursora da celebración, propón a web Primavera das Letras, con distintos recursos e actividades cos que aprender e homenaxear ao autor Ricardo Carvalho Calero.
Desde o Equipo de biblioteca queremos animarvos a que leades en galego durante todo o curso. Agora tedes acceso a todo o catálogo de libro electrónico de GaliciaLe, ademais tamén podedes levar prestadas películas.
Desde as Bibliotecas Municipais propoñen #DesconfinarALingua, iniciativa que pretende que, entre outras actividades, compartades "unha imaxe tapando a boca con máscaras diversas da creación en galego que axuden a desconfinar a lingua. Con todas elas elaborarán unha guía de lectura." Podedes participar directamente ou se queredes trasladarnos as vosas achegas ao noso correo electrónico bibliotecaepb@gmail.com e nós enviarémoslles as vosas creacións e tamén as publicaremos no blog.
Animámosvos a utilizar o galego a cotío e a manter viva a nosa lingua.

sábado, 9 de maio de 2020

Onda Ti episodio 7

HOXE O PROGRAMA COMEZARÁ ÁS 13H.
Este domingo ás 13h. volve OndaTi, o programa en directo de Emilia na Onda no que queremos estar cerca de ti, que nos acompañedes coas vosas voces, coas vosas opinións... e máis nestes momentos nos que estamos lonxe de vós. Esta semana seguiremos coas seccións da entrevista, ContamosTodos, a participación dos oíntes e "Temos unha mensaxe de..."

martes, 5 de maio de 2020

I Concurso Literario Biblioteca EPB

Presentamos as bases do I Concurso Literario Biblioteca EPB.
Haberá tres modalidades para o alumnado de Educación Primaria e unha para o alumnado de Educación Infantil.
1. Ilustración (exclusiva para alumnado de E.I.)
2. Relato curto
3. Microrrelato
4. Cómic


A data límite para entregar as obras será o luns 1 de xuño de 2020 ata as 23:55h. a través do espazo habilitado na aula virtual. Antes deberase solicitar a participación a través do correo electrónico bibliotecaepb@gmail.com seguindo as instrucións que figuran nas bases.
Consultade as bases para máis información:

domingo, 3 de maio de 2020

Onda Ti episodio 6

Este domingo ás 12h. volve OndaTi, o programa en directo de Emilia na Onda no que queremos estar cerca de ti, que nos acompañedes coas vosas voces, coas vosas opinións... e máis nestes momentos nos que estamos lonxe de vós. Esta semana seguiremos coas seccións da entrevista, ContamosTodos, a participación dos oíntes e "Temos unha mensaxe de..."

xoves, 30 de abril de 2020

Our Book Club returns

      
¿Preparados para retomar o noso Book Club  desde a distancia?
bookworm | Animated book, Book worms, Karen kingsbury booksReunirémonos por videochamada todos os martes ás 10:00 (6º Primaria) e ás 11:00 (5º Primaria). A reunión durará 30-40 minutos aproximadamente.  A primeira reunión celebrarase o vindeiro martes, 5 de maio.
Os títulos escollidos, que poderedes atopar a través dun enlace, son:
"Robinson Crusoe" (6º de Primaria)
"The secret of the stones" (5º primaria). 
Antes da reunión, leremos un capítulo cada semana na casa, que comentaremos o día da videochamada. Son moi curtos e doados de ler, non vos leva máis de 5-10 minutos. Para o próximo martes, lede a introdución e o capítulo 1 do libro que vos corresponda.  
Tedes toda a información na axenda e-Dixgal, así como os enlaces á reunión e aos libros de lectura.

The Secret of the Stones - Victoria Heward | Lectura Graduada ...Robinson Crusoe - Daniel Defoe | Lectura Graduada - INGLÉS - A2 ...

Welcome back, my dear Bookworms!!!   

An adventure  and a mystery are waiting for us!!!

mércores, 29 de abril de 2020

Alimentos de papel

No desenvolvemento do PDI "Sabor e saber" realizamos na BiblioLab distintos obradoiros que pretendían achegar información sobre os alimentos desde distintas perspectivas. Xa vos presentamos anteriormente Volcán ácedo, Legoalimentos e Alimentos con enerxía. Quedábanos por mostrarvos Alimentos de papel, xa que foi o que menos sesións tiñamos desenvolvidas ata o momento.