Como di Irene de Puig, quen foi ata a súa xubilación directora do GrupIREF (Grupo de Innovación e Investigación polo Ensino da Filosofía), non se trata de que logren convencer aos seus compañeiros e compañeiras para que copien o seu estilo de vida, pero tampouco é un simple falar por falar. Este diálogo supón facer o esforzo necesario para que outras persoas poidan comprender, con claridade e consistencia, o que de verdade pensan.Moitos artistas tamén seguen este mesmo proceso nas súas obras para facernos chegar as súas preocupacións e desexos. Tracy Emin, Bruce Nauman, Jenny Holzer, Olivia Steele ou Daku, comparten as súas ideas e argumentos a través de frases iluminadas proxectadas en todo o mundo. E algunhas destas mensaxes poéticas foron foco da nosa reflexión.
Durante as sesións, este grupo de 6° de EP rexistrou no seu caderno persoal os pensamentos que máis lle asombraron, os descubrimentos, as novas preguntas que xurdiron… vivenciando como as súas achegas enriquecían aos seus iguais, á vez que elas/eles tamén se enriquecían doutras persoas.
Matthew Lipman (iniciador, teórico e líder no desenvolvemento da filosofía para nenos) di nas súas obras que a linguaxe é a expresión do pensamento, e que non hai pensamento sen linguaxe, nin linguaxe sen pensamento. Por iso, nas últimas sesións do curso, buscaron unha palabra potente que dese valor á evolución das súas ideas; terminando este proceso creativo con luces LED, confiando no gran poder que ten a luz para impactarnos.
E Cambios foi a palabra elixida. Para elas/eles é a que acompaña a evolución das súas opinións, da súa personalidade e dos seus pensamentos, porque, mentres crecen fisicamente, melloran as súas argumentacións e a súa convivencia como consecuencia das interaccións que establecen coa familia, amigos e compañeiros, mesmo con xente descoñecida.
Actualmente está instalada, e informada, na entrada á biblioteca do colexio.
Ningún comentario:
Publicar un comentario