mércores, 2 de novembro de 2022

Galeguízate!

Este curso desenvolverase no colexio o Proxecto Documental Integrado “Galeguízate!”, no que investigaremos e aprenderemos sobre o patrimonio material e inmaterial de Galicia, aproveitando o tema tamén seguiremos achegándonos aos ODS2030. Xa está montada a exposición permanente no corredor de entrada ao centro coas obras relacionadas co tema.O pasado 17 de outubro, coincidindo coa apertura da biblioteca, animamos ás aulas a falar sobre o tema, sobre aquilo que sabían e tamén sobre que querían ter aprendido ao final do curso. Despois do diálogo están a participar na creación dunha instalación artística que se colocará na entrada do colexio baseada no autor coruñés Jorge Peteiro e que presentaremos nas próximas semanas.

Outra das actividades foi identificar ao proxecto e para iso solicitamos propostas de nomes que foron xurdindo desde as aulas, deste xeito realizamos a votación e o nome seleccionado foi o de GALEGUÍZATE!, polo que durante este curso este será o identificador das actividades relacionadas do PDI.

Ao longo do curso iremos presentando diversos eixes que estarán relacionados co patrimonio material e inmaterial, nestes dous primeiros meses de outubro e novembro centrarémonos nas lendas de Galicia, os castros e as fragas.

Como sempre, solicitamos a participación de toda a comunidade educativa, por este motivo queremos pedirvos de novo a vosa colaboración, que pode ser de formas diversas: achegando algunha iniciativa ou experiencia relacionada co ámbito do patrimonio galego que lle poida servir ao alumnado para centrar e enriquecer a súa procura, contando vivencias próximas relacionadas co tema ou doutro xeito que pensedes que pode ser de interese para o alumado. Se tedes algunha proposta podedes trasladarlla ao titor/a do voso fillo/a, a través do correo do centro ceip.emilia.pardo.corunha@edu.xunta.gal ou directamente ao equipo de biblioteca: bibliotecaepb@gmail.com

Coñezamos Galicia e o seu patrimonio!

Ningún comentario:

Publicar un comentario