xoves, 28 de xaneiro de 2021

"Detesto a violencia..."

O próximo sábado 30 de xaneiro celébrase o Día Escolar da Non violencia e a Paz. Neste compromiso do mundo educativo cos valores que rexeitan todo tipo de violencia e as guerras. Por isto solicitamos desde o noso espazo educativo o abandono das armas e a utilización do diálogo como estratexia para a solución dos conflitos e das diferencias que poidan xurdir entre as persoas. Nestes momentos de pandemia que estamos a vivir cremos que é máis necesario que nunca un firme compromiso da humanidade a prol do final da violencia, que favorece a desigualdade e incrementa o desamparo dos máis febles.

Mañá celebraremos e reivindicaremos no colexio todos estes valores, dentro das posibilidades que nos deixan estes momentos tan duros, pero agardamos ser capaces de que o alumnado comparta e difunda as palabras que Emilia Pardo Bazán escribía con motivo da I Guerra Mundial: "Destesto a violencia (...), porque a solución de toda contenda confíase á forza".

Desde o equipo de biblioteca contribuímos cunha exposición de libros relacionados coa temática da celebración. Atoparedes libros de ficción e informativos axeitados para todas as idades. A nosa entrada está ambientada para lembrar a importancia desta data.


Queremos tamén dar pulo a unha das iniciativas encadradas dentro  do PDI "Paseando con Emilia", como é a liña do tempo de Emilia Pardo Bazán, na que iremos recollendo distintos acontecementos históricos que aconteceron nos 70 anos de vida da escritora coruñesa. Desgraciadamente durante a súa vida tivo que ser testemuña de numerosos episodios de violencia, tanto no seu país, como a nivel internacional, de feito foi corresponsal e opinou sobre distintos conflitos armados.

A liña do tempo comezou con dúas datas significativas 1851 e 1921, datas do nacemento e morte da creadora de Marineda. Queremos continuar animándovos a investigar sobre a I Guerra Mundial, a Gran Guerra, que ten lugar desde 1914 ata 1918, podedes comezar nalgún dos libros da exposición.

Agardamos os vosos traballos para incorporalos á liña do tempo e que todos poidan aprender coa vosa procura de información.




 

Ningún comentario:

Publicar un comentario