O venres 18 de outubro, un grupo de 4º e 5º de E. Primaria, comezou a participar na proposta de dialogar na biblioteca empregando como bibliografía de base o libro: Angélica Sátiro. “La niña del hilo”. Editorial Octaedro. O tema central foi o xogo.
Para eles e elas, xogar individualmente ou en grupo, é “pasar o tempo sen aburrirse mentres facemos cousas que nos gustan” (entre elas “falar cos compañeiros e ler libros”). Dáballes moita mágoa non poder adicar máis tempo a esta actividade, e dicían que “os compromisos familiares e escolares deben ser o primeiro” aínda que non moi convencidos/as xa que tanto o tempo de escola como de xogos son situacións de aprendizaxe, afirmando que o único que cambia é a metodoloxía.
A pesar de que “os adultos apenas adican tempo ao xogo porque teñen moitas máis responsabilidades” (familia e traballo), saben da súa importancia e “constrúen parques e ofrecen actividades culturais”. Pero non estaría de máis berrarlles de cando en vez: “Pensade máis en xogar” ou “Sen diñeiro todo sería guai”.
Valoraban que as súas familias se preocuparan deles/as, pero pedían vixiancia sen control (“ninguén quere ter sempre ao seu lado a unha persoa que lle diga o que ten que facer”) e confianza nas súas actuacións (ao priorizar “o que se debe sobre o que se pode, non se perxudica aos demais”).
Tecían unha rede cos seus pensamentos mentres atopaban nela semellanzas co que estaba a suceder esa tarde na biblioteca: é coma “un labirinto que empeza” (era a primeira xuntanza do grupo) e ten “cruces de camiños” (os puntos de converxencia nas súas intervencións). Tamén observaban “moitas raias, como o código morse”, e concluíron que a imaxe creada por estes fíos podería identificarse “cun código, cun símbolo das nosas palabras”. Así que a compartiremos coa comunidade educativa e pensaremos en mellorala en cada sesión
Ningún comentario:
Publicar un comentario