Páxinas

mércores, 30 de xuño de 2021

Emilia Rebelde

Unha das actividades finais que se realizou nas aulas, dentro do PDI "Paseando con Emilia", foi "Emilia Rebelde", unha proposta dentro do Proxecta "Conversando con Dona Emilia" de 5º e 6º. O xerme da actividade estivo na formación do profesorado con Paola Guimeráns e co programa "Introdución á robótica en Primaria", xa que utilizamos as placas Echidna Shield para facer un panel interactivo como produto final e complementario á obra de teatro lido "Conversando coa Emilia".

A continuación presentamos a proposta realizada:

martes, 22 de xuño de 2021

O que aprendemos!

As aulas de 6º de Educación Infantil, 1º, 2º, 5º e 6º de Educación Primaria prepararon uns vídeos nos que presentan o que aprenderon sobre Emilia Pardo Bazán ao longo do curso.

Son unha mostra dalgúns dos produtos que traballaron desde as aulas ademais da participación nas propostas que se promoveron desde a biblioteca. Nos próximos días colocaremos uns códigos na entrada do colexio para que poidades acceder aos recursos, xa que debido ao protocolo establecido no centro a causa da pandemia non foi posible que o propio alumnado explicase no propio colexio o que fixeron.

Episodio 5 (T2) - Onda Ti

Remata a temporada de Onda Ti! Xa podedes escoitar o último episodio do programa.

Neste ano complicado conseguimos sacar 5 episodios coas voces e co traballo de alumnado e profesorado, preparando as diferentes seccións das escaletas de cada un dos episodios.

Como di a careta quixemos achegar a escola aos vosos fogares e, nesta viaxe de ida e volta, agardamos que vos gustara. Atopámonos nas ondas no próximo curso!

venres, 18 de xuño de 2021

Episodio 4 (T2) - Onda Ti

Atentos porque a temporada 2 de Onda Ti está chegando a término, a próxima semana emitiremos o último episodio, pero hoxe xa podedes escoitar o cuarto episodio que vén cargadiño de información, recomendacións, música, ficción e moita, moita ilusión por parte da comunidade educativa do CEIP Emilia Pardo Bazán.

mércores, 16 de xuño de 2021

Deixa voar a túa imaxinación cun libro

Publicamos a guía de lectura do mes de xuño con recomendacións para viaxar a través dos libros. Como sempre, tedes libros para todos os niveis de lectura, lembrade que están clasificados igual que na biblioteca, os de fondo azul son para prelectores, vermello para primeiros lectores, verde para lectores autónomos e amarelo para lectores expertos. Podedes botarlle un ollo estes libros que os temos expostos no corredor de entrada e seguro que tamén os podedes atopar nas bibliotecas municipais. Agardamos que esta variada selección sexa do voso agrado e consiga que poidades viaxar a través das súas páxinas.

luns, 14 de xuño de 2021

Clausura dos clubs de lectura

Hoxe celebramos o acto de clausura dos Clubs de lectura que hai no centro: Viaxeiros por papel, Bolboretas lectoras e Bookworm Club. Aínda que ás Bolboretas lectoras lles queda unha sesión o próximo mércores, decidimos facer hoxe a entrega conxunta dun agasallo a todas/os participantes nestas actividades durante o curso, especialmente complicado, e que rexistrou unha asistencia continua en horario extraescolar durante oito meses. Nestas sesións compartíronse lecturas, opinións, visitas e outras actividades relacionadas cos libros e os autores/as que os escribiron.

Agradacemos especilamente ás mestras Rosa e Dolores a implicación no desenvolvemento deste proxecto, así como a colaboración e apoio incondicional das bibliotecarias da B.M. de Los Rosales, que desenvolveron o papel de mediadoras das que xurdiron propostas moi interesantes e motivadoras para as lectoras/es.

Radio Na Biblio

Durante este curso estivemos aprendendo con Laboratorio de Radio a facer radio, grazas a inclusión do centro no programa Radio na Biblio, así como pola colaboración co centro de Axuda en Acción. Foron uns meses nos que o alumnado preparou entrevistas, historias e monográficos. Despois de preparalas tocou gravalas, algunhas delas fixéronse no estudio de radio, pero outras tiveron como escenario a BiblioLab. Os nenos/as desenvolveron os papeis de guionistas, locutores/as e de técnicos de son que se aseguraban de que o son era o correcto e que a gravación tiña a calidade axeitada.

Nesta entrada publicamos as últimas entrevistas que faltaban por difundir, pero podedes acceder a todas na sección correspondente da nosa canle Emilia na onda en iVoox.

domingo, 13 de xuño de 2021

Visita virtual á Biblioteca de Estudos Locais

As clases de Educación Primaria poderán visitar esta semana a Biblioteca de Estudios Locais a través do vídeo que gravaron as bibliotecarias da Biblioteca Municipal de Los Rosales, coa colaboración da directora, Mª Milagros García, e o equipo de traballo da Biblioteca de Estudios Locais. Nesta visita poderedes coñecer os espazos, os recursos e algunha das obras que teñen de Emilia Pardo Bazán e de Marineda.

Agradecemos a colaboración de todo o equipo das Bibliotecas Municipais por achegarnos o seu traballo.

mércores, 2 de xuño de 2021

Tarde poética

Os clubs de lectura Viaxeiros por papel e Bolboretas lectoras encaran o final da súa viaxe co último libro que lerán durante este curso. No caso do alumnado de 6º de E.P. será Corazón de pájaro de Mar Benegas e Rachel Caiano da editorial Akiara, pola súa banda as nenas de 5º de E.P. lerán un clásico, trátase de El libro inclinado de Peter Newell da editorial Thule. Como podedes observar rematamos con poesía.

Para introducir ambos libros e a poesía acudiron Ana e Clara, bibliotecarias da B.M. Los Rosales.

martes, 1 de xuño de 2021

O abano de Emilia

Emilia foi muller, nai, amiga, erudita, mestra, escritora, pioneira, soñadora, festeira, vivaz... e moitos máis palabras que a definiron durante a súa vida e que farán dela unha personaxe que perdurará na historia da literatura e no movemento feminista.

O abano de Emilia foi unha actividade que desenvolvimos para conmemorar o centenario da súa morte e que consistiu na elección dunha palabra que a definise e a representación gráfica desta elección. Cada aula escolleu e trasladou a unha cartolina, con diversas técnicas, tanto a palabra como os debuxos.