Páxinas

luns, 27 de decembro de 2021

En vacacións escoita Emilia na Onda

Se nestas vacacións queredes escoitar aos vosos compañeiros/as e lembrar algunhas das actividades que desenvolvimos durante o primeiro trimestre, podedes acceder á canle de Emilia na Onda e oír os podcast que se acaban de publicar, algúns deles xa ían incluídos no programa de Onda Ti da pasada semana, pero outros foron gravándose ao longo do trimestre e agora podedes oílos nas vosas casas.

Detallamos a continuación as novidades da canle...

Na sección Monográficos publicouse o podcast no que o alumnado de 6º de EP está repasando algunhas das pandemias da historia, neste episodio achegan "A gripe asiática".

Na sección Vouche contar un conto temos varias novidades:

Por unha parte os contos de medo que elaboraron os voluntarios/as da biblioteca...

 

 

...e por outra banda os relatos que xurdiron na aula de 4ºB a iniciativa da mestra Nieves ao atopar unha roda de bicicleta na praia de Riazor. Os relatos agrúpanse en "Cheguei coa marea alta..."

  

Na sección de ContamosTodos incluímos a lectura dos microrrelatos elaborados polas familias con motivo do concurso que promovemos con motivo do Día das Escritoras, así como a lembranza que fixo Salvador do mestre José Manuel.

Na onda dos libros volve con Julia e Clara, bibliotecarias da BM de Los Rosales.

O diálogo da mestra Mar cos alumnos/as de 6º de EP que estiveron con ela en Educación Infantil, con motivo do 2º premio na XIII Edición dos Premios Educacompostela, forma parte da sección Entrevistas.

No Espazo verde de El jardín de Juanita o alumnado de 6ºB de EI trasládanos as súas experiencias, nesta ocasión coa mestra Sacramento López como convidada.

Temos dous novos Audiolibros, que gravaron as voluntarias da biblioteca con motivo do Samaín.


Inauguramos unha nova sección en inglés que se chama The Book Nook. Neste primeiro episodio, titulado "Dive in the deep blue sea" o alumnado de 5ºC achéganos a poesía ao estilo de Emily Dickinson.

O conto que vai e vén, actividade en colaboración co IES Salvador de Madariaga na que veredes medrar e evolucionar o conto que comezan neste podcast os rapaces/zas de 3º da ESO do instituto.

Rematamos este repaso trimestral con Legocéano, sección que nace dos obradoiros nos que se investiga sobre os animais mariños e que se desenvolve na biblioLab. Nesta primeira entrega o alumnado de 3ºB móstranos algúns destes animais.

Agaradamos que gocedes con estes momentos de radio.

Felices festas!

Ningún comentario:

Publicar un comentario