Remata a 4ª temporada de Onda Ti gravada integramente no novo estudio. Neste último programa do curso poderedes escoitar en primicia os audios das diversas seccións do programa e ademais a música do Coro das emocións. Preparados para desfrutar de case 90' de radio?
Comezaremos coma sempre coa sección en inglés, trátase de "The book nook", as lecturas dos clubs de lectura de inglés centrará o seu tempo. Continuaremos cun momento publicitario no que vos convidan a unirvos o próximo curso a "Diálogos filosóficos". Seguiremos aprendendo co alumnado de 3ºEP sobre personaxes fantásticos bos, como parte do traballo sobre o patrimonio material e inmaterial de Galicia no PDI Galeguízate! A mestra Mar, xunto coa súa clase de 4º de EI, convídanos a visitar "El jardín de Juanita", nesta ocasión conta coa colaboración da mestra Isabel Abelleira. O "Conto que vai e vén", titulado "Morte no restaurante" e realizado en colaboración co alumnado do IES Salvador de Madariaga, chega ao seu fin, a que estades ansiosos por coñecer o final?
O pasado 9 de xuño celebramos o final do PDI cunha Feira na que o alumnado mostrou o seu traballo ás familias, en Historias do cole tedes unha crónica desta xornada. No mes de maio visitounos Érika Esmorís para falarnos sobre o seu labor como escritora e algunha cousa máis, se queredes coñecela un pouco mellor non dubidedes en escoitar a entrevista que lle fixo o alumnado de 3º de EP, que lles axudou a preparar os nenos/as de 6ºC de EP. Volve "Na onda dos libros", sección da Biblioteca de Los Rosales, que nos traen consellos para este verán. Para finalizar o alumnado de 6º de EP enviaranos, como xa é tradicional, unha mensaxe de despedida en "Temos unha mensaxe de...". As presentacións, seguindo a escaleta do programa, realizounas o alumnado de 5º de EP, ademais entre cada sección haberá música do Coro das emocións.
Ningún comentario:
Publicar un comentario