Páxinas

xoves, 31 de decembro de 2020

Feliz 2021!

Queremos desexar a toda a comunidade educativa do CEIP Emilia Pardo Bazán un ano 2021 cheo de felicidade.

Durante este ano celebrarase o centenario da morte de Emilia Pardo Bazán. Nós queremos contribuír a esta comemoración investigando e aprendendo sobre a súa vida e algúns acontecementos relacionados.

FELIZ 2021!

martes, 22 de decembro de 2020

Gañadoras do concurso

No mes de novembro convocouse un concurso de ideas dirixido aos nenos/as do colexio. Establecéronse unhas bases para a escolla dunha imaxe que identificase ao centro, sería o logotipo do noso centro educativo, aproveitando o desenvolvemento do PDI Paseando con Emilia. Hoxe coñeceuse o deseño gañador que se anunciou na web do centro. A partires de agora esta imaxe acompañará os documentos oficiais e servirá para identificar a toda a comunidade educativa do CEIP Emilia Pardo Bazán.

Queremos dar os parabéns ás dúas gañadoras polo seu deseño, así como ao resto de alumnos/as e familias que participaron coas súas ideas e imaxes. Moitas grazas pola vosa participación!

Episodio 2 (T2) - Onda Ti

Despedimos o primeiro trimestre con este segundo episodio da temporada de Onda Ti. Continuamos cos relatos de terror que elaboraron as voluntarias de 6º de E.P. Inauguramos varias seccións como o noso espazo verde coa peza "El Jardín de Juanita, no que a mestra Mar Santiago explícanos este traballo que se está a facer en Educación Infantil, ademais conta coa colaboración de Angélica Sátiro. Con "4 in a year" viaxaremos en inglés polas distintas estacións do ano. Seguiremos coñecendo pandemias que afectaron á humanidade ao longo da historia, neste episodio os nenos/as de 5º de E.P. falarannos sobre "A peste negra".

Comeza a ficción radiofónica en formato de teatro lido da obra Conversando coa Emilia, a cargo da compañía Bubelas, que pasará neste primeiro episodio?

Na entrevista deste mes tivemos con nós á actriz Isabel Naveira, os nenos/as de 6º de E.P. axudarannos a coñecela mellor.

Neste mes a edición chega cargada de recomendacións, á xa habitual sección das bibliotecarias da B.M. de Los Rosales, "Na onda dos libros", incorporamos "Novos do trinque". Neste mes as libreiras de Moito Conto compartirán con nós algunhas das novidades que chegaron aos seus andeis.

Finalizaremos con "Temos unha mensaxe de..."

luns, 21 de decembro de 2020

O mundo nas túas mans

Estas son as recomendacións que realizamos desde o equipo de biblioteca na edición de decembro. Na guía de lectura atoparedes libros e aplicacións para todas as idades, desde os que comezan a ler ata os máis experimentados.

Nesta edición incorporamos as recomendacións das bibliotecarias da B.M. Los Rosales dentro da sección "Na onda dos libros" e tamén o primeiro podcast dunha nova peza do programa "Onda Ti", que vos adiantamos a continuación na guía, e que se chama "Novos do trinque". Libreiras da cidade fannos as súas achegas, nesta primeira edición contamos coas novidades que nos traen desde Moito Conto.

domingo, 20 de decembro de 2020

Visita á Casa Museo Emilia Pardo Bazán

O Proxecto Documental Integrado "Paseando con Emilia" tiña que ter unha parada obrigatoria na casa da autora coruñesa, pero debido á pandemia coa que estamos a convivir non é posible que todos os nenos/as do noso centro acudisen durante este curso, pero non nos resignamos a que o alumnado do colexio se perdese a visita a Casa Museo Emilia Pardo Bazán.

Xulia Santiso e Patricia Angulo, directora e educadora da Casa Museo Emilia Pardo Bazán, prepararon unha visita moi especial para vós na que vos amosarán o fogar de Emilia e na que vos darán detalles sobre a súa vida e sobre algúns aspectos destacados do s.XIX. Agradecémoslles toda a súa axuda e colaboración no desenvolvemento deste proxecto. O luns ás 10h. todas as aulas do colexio visitarán de xeito virtual a casa na que naceu a protagonista do proxecto de investigación deste curso.

sábado, 19 de decembro de 2020

BOOKWORMS CLUB: "A Christmas carol"

 Yesterday we hold the third meeting of our Bookworms  Club, when we started reading an adaptation of the most Christmassy story of all times: "A Christmas carol" by Charles Dickens. We also learned about the living conditions in England during Victorian times (19th century), especially the contrast between the rich and the poor. With hardly no money for food, clothes or even medicines, people needed to have hope and feel the spirit of Christmas more than ever. And so did we: we experienced the magic of this season reading the transformation of Mr. Scrooge thanks to the help of three Ghosts: the Ghost of Christmas past, the Ghost of Christmas present and the Ghost of Christmas future.

Postais que iluminan o Nadal

O venres pola mañá, o último grupo realizou as súas postais con luz. No mes de dembro pasaron pola biblioLab os tres grupos de 3º e de 4º de Educación Primaria para elaborar as postais decoradas cun led. Había distintas propostas que cada alumna/o decorou ao seu gusto, para finalmente montar o circuíto que permitise que a postal fose interactiva e que acendese un led no momento que se pulsase o botón.

Viaxeiros por papel en liña con Diego Arboleda

Onte pola tarde compartimos uns minutos dialogando con Diego Arboleda sobre a súa obra "Prohibido leer a Lewis Carroll". Aínda que tamén abordamos temas como o proceso creativo das súas obras, a relación que establece cos ilustradores/as, compartiu algunhas curiosidades sobre as personaxes do libro, vimos algunhas das edicións noutros idiomas, como a que se publicou en idioma chinés.

xoves, 17 de decembro de 2020

Encontro virtual con Diego Arboleda

Os nenos/as do club "Viaxeiros por papel" estiveron lendo a obra de Diego Arboleda e Raúl Sagospe "Prohibido leer a Lewis Carroll". Durante este período de tempo falaron sobre a historia, dialogaron sobre as personaxes e gozaron compartindo opinións sobre o libro. Contamos coa colaboración da Biblioteca Municipal de Los Rosales e das súas bibliotecarias, que prepararon este fermoso vídeo, colofón da primeira etapa do club, no que aparecen as nenas/os e tamén as mestras mediadoras.

mércores, 9 de decembro de 2020

Paseando co EscornaEmilia

Proximamente Dona EscornaEmilia sairá pasear polas clases do colexio a través deste xogo que preparamos para fomentar o coñecemento da escritora coruñesa e incentivar a curiosidade e as gañas de coñecer máis sobre a autora, centro de interese do PDI Paseando con Emilia. Ademais, pretendemos introducir o pensamento computacional a través da utilización dos escornabots nas aulas de 6º de Educación Infantil e 1º e 2º de Educación Primaria, xa que o material está preparado para estas idades.

Este traballo está baseado nos libros de Escornactividades de Rubén Molinero, no que desenvolve distintas temáticas para o traballo na aula.

Agradecemos a colaboración de Xulia e Patricia, traballadoras da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, por todo o apoio e asesoramento na realización deste traballo, que é posible grazas ao traballo da comunidade que sustenta e desenvolve o proxecto Escornabot.