Páxinas

mércores, 30 de setembro de 2020

Morre Quino, o pai de Mafalda

© Quino Vía Pinterest
Todos os xornais recollen hoxe  a triste nova do pasamento de Quino, pseudónimo do debuxante Joaquín Salvador Lavado.  Quino residía Mendoza (Arxentina), a cidade onde tamén nacera hai 88 anos. O seu personaxe máis coñecido é Mafalda, esa nena tan divertida e peculiar, capaz de deixar coa boca aberta a todos coas súas ocorrencias.

Mafalda “naceu” xa hai tempo, no ano 1964, pero aínda hoxe conserva todo o seu poder humorístico, ao tempo que continúa a interrogarnos acerca da nosa realidade cotiá.  Cando Mafalda fai unha pregunta debuxa un sorriso nas nosas facianas, si, pero tamén as cabezas se poñen a funcionar, a pensar. Non sería mala idea, por iso, que alguén incluíse as súas viñetas nos programas de Filosofía (para nenos e grandes).
Ademais das tiras cómicas de Mafalda, Quino publicou moitísimos outros traballos de gran difusión e repercusión. Estes son os títulos dalgúns libros seus: Potentes, prepotentes e impotentes, Quinoterapia, Gente en su sitio, ¡Qué presente impresentable! e, finalmente, Yo no fui;  todos eles éxitos de ventas.
Quino era fillo de pai e nai andaluces e el mesmo tiña dobre nacionalidade, arxentina e española. Cando xa era moi coñecido viviu en Madrid durante varios anos. No 2014 foille concedido o Príncipe de Asturias de Comunicación e Humanidades. Ese mesmo ano voltou para a Arxentina e non regresaría xa nunca a España.
Había tempo que non sabiamos nada del porque a súa mala saúde lle impedía debuxar. Botarémolo de menos, agora dunha forma máis dolorosa. D. E. P.

Ningún comentario:

Publicar un comentario