A colaboración bibliotecaria é esencial no desenvolvemento das crianzas, así, seguindo as sinerxias establecidas xa hai anos entre ambas bibliotecas, o alumnado de 6ºB de Educación Primaria deixou na Biblioteca Municipal de Los Rosales unha EXPOSICIÓN INCOMPLETA. Así foi o proceso:
A Biblioteca Municipal de Los Rosales acolle desde o mércores 4 de xuño unha instalación artística con cartuchos de escopeta reciclados, pensada polas nenas e nenos de Educación Infantil. Coa súa mirada creativa transforman un material daniño para os seres vivos en obxectos de admiración.
Esta "cidade encantada" ocupa un dos espazos da biblioteca municipal destinado a esta proposta. Ao cruzar a porta o primeiro que vemos é o hospital, con forma de corazón, e no seu interior unha padiola, unha mesa e unha cadeira... "porque se cae alguén pode ir ao médico".
A pouca distancia, o castelo ocupa os terreos ao carón do lago, ambos protexidos por un forte muro. Xunto á porta de entrada hai un elevador para acceder ás "habitacións da raíña e do rei. Son especiais e de forma circular para que teñan un pouco máis de espazo", desde elas non só se desfruta de moi boas vistas, se non que se pode acceder directamente a un paseo de herba, ben coidada por un difusor de rega, e ao río, no que o baño está permitido.
Seguindo o camiño e cruzando o xardín cheo de flores chégase ata a torre desde a que desfrutar da fermosa paisaxe; este edificio tamén é usado como colexio para nenos e nenas. Finalmente, un pouco máis alonxado, un faro coroado cunha potente luz amarela, que é o encargado de iluminar todo o recinto durante a noite.
A nós pareceunos que o título é xenial, porque, "aínda que non hai pantasmas nin arañeiras, nin a raíña e o rei están agora, toda a cidade é moi bonita, lle gusta á xente do bonita que é".
A partires de agora, e ata finais de mes, permanecerá aberta para poder visitala; pero co título de "Exposición incompleta" pretendemos que fagades esta cidade tamén vosa, realizando as modificacións que van axudala a mellorar. Se queredes formar parte desta instalación artísitica lede con moita atención as normas de participación.
Desexamos que vos guste e vos divirtades coa experiencia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario