Páxinas

luns, 26 de setembro de 2022

Achégase a hora!

Benvidos a un novo curso, no que haberá bastantes novidades. Empezamos por unha que non o é tanto, xa que recuperaremos dinámicas que perderamos hai dous anos, pois este curso será o primeiro postpandemia no que non haberá un protocolo específico para a biblioteca escolar.

Como ben sabedes moitas/os de vós os espazos da biblioteca estiveron pechados por reformas este verán, xa vistes que a apariencia externa mudou un pouco e, cando chegue o momento, comprobaredes que no interior tamén poderedes comprobar que tamén houbo cambios. Fixemos estas melloras grazas a inclusión do centro no programa LIA.3 da Conselería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades. Agardamos que a vos sexan útiles para aprender e gozar da lectura, entre outras moitas actividades que ides poder facer neles.

O centro realizará unha reinauguración oficial o venres 14 de outubro, sendo o luns 17 de outubro o día da apertura das súas portas en horario escolar e extraescolar (martes a venres de 16-18h.) para toda a comunidade educativa.

Como previa, para quecer motores, propoñémosvos, como vén sendo habitual nos últimos cursos, a participación no concurso de Microrrelatos con motivo do Día das Escritoras, que debe conter a frase dunha obra de Emilia Pardo Bazán: "vendo desaparecer entre as sombras as amadas costas da súa terra". Está aberto a toda a comunidade educativa e tedes de prazo ata o 10 de outubro para enviar as vosas obras. A partires do 17 de outubro poderán anunciarse as mencións para cada categoría e a publicación de todas as obras neste blog.

A continuación deixamos as bases para que as poidades consultar.

 
Animádevos a compartir con nós as vosas historias!

Ningún comentario:

Publicar un comentario